mércores, 8 de abril de 2020

Elmer


McKee, David (1989). Elmer, trad. Salagre Raquel, Barcelona: Beascoa, [34 pp.]. (ISBN: 978-84-488-2328-3).

Descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado de David McKee. O libro ten una estrutura rectangular, cun tamaño manexábel tanto para adultos coma crianzas. As súas cubertas son de tapa dura e chaman a atención polas súas múltiples tonalidades de cores vivas. Na cuberta atopamos o nome do autor e o título da obra ademais dunha ilustración do protagonista da historia. Por outra parte, na contracuberta atopamos o nome da editorial, o ISBN co seu código de barras e unha páxina web de interese sobre literatura infantil.
Unha vez que nos introducimos no conto atopamos as gardas, cunha tonalidade en cor laranxa sen ningún tipo de ilustración e a continuación destas unha portada na que se presenta ao protagonista a través dunha pequena ilustración xunto co título da obra, o seu autor e a editorial. Cando comeza a historia observamos que as ilustracións se integran a toda páxina, narrando a historia de forma continua. 
O texto, escrito en castelán, vaise integrando en cada unha das imaxes cunha letra de cor negra en minúsculas pero de gran tamaño para facilitar a súa visión e lectura tanto por parte de nenos/as coma adultos. A estrutura da narrativa é lineal. A tipografía é uniforme, agás nunha ocasión na que unha exclamación se converte nunha ilustración do libro resaltándoa con negriña para chamar a atención. O volume ten 34 páxinas e as ilustracións que as acompañan son figurativas, con cores vivas e predominio das cores primarias.
Desde o punto de vista do contido, Elmer, o protagonista da historia, é un elefante de cores que vive nunha comunidade de elefantes de cor gris. A pesar de que se leva ben con todos eles, Elmer séntese diferente e un día decide marchar sen que ninguén se decate. No seu camiño atopa algo que lle resulta interesante e que o fará volver cos seus compañeiros. Cando regresa á manda algo cambiara e os elefantes non se comportaban igual. Que acontecerá? Ante esta situación Elmer decide sorprender aos seus compañeiros cun berro que os fai decatarse de que Elmer regresara. Entre risas todos os elefantes lle lembran a Elmer o divertido que é telo na manda e tras unha choiva que deixaba ao descuberto toda a súa pel de cores deciden conmemorar ese día como o día de Elmer.
Os personaxes da historia son todos animais e na súa maioría elefantes que apenas teñen diálogo ao longo da historia. Os elefantes son descritos por un narrador en terceira persoa como personaxes de cor gris, con diferentes idades e tamaños pero bastante serios e sen grandes diversidades entre eles, a diferenza de Elmer. 

Potencialidades: Elmer é un conto cun forte contido en valores como a autoestima, o autoconcepto, a integración, o respecto e o compañeirismo. A través del podemos traballar dende idades moi temperás (+3) estes conceptos dentro e fóra do aula. O obxectivo principal da lectura é que as crianzas se acepten a si mesmas tal e como son porque a diversidade e diferenza é o que nos fai especiais. Mais aló disto trabállanse tamén temas como a aceptación e respecto por parte dos compañeiros, algo moi importante que se debe transmitir ás crianzas dende as primeiras etapas.

Recursos: ademais do orixinal conto de Elmer, David McKee ten unha colección de libros con diversas temáticas adaptadas a diferentes idades, pero todos xiran ao redor do protagonista de colección, Elmer. Entre estas coleccións atopamos libros en pop-up e incluso contido de tipo non narrativo senón orientado cara ao traballo na casa nas primeiras idades en formato de caderno de traballo. Por outra parte, a antigüidade deste conto permítenos atopar variedade de contido na rede sobre recursos para levar á aula e traballar coas crianzas esta lectura. A maioría de actividades que podemos atopar están orientadas cara as manualidades e representación de Elmer a través de diferentes técnicas, como por exemplo cun mural realizado con diferentes materiais de reciclaxes de forma colectiva, quizais polo público ao que vai dirixido, pero máis aló disto atopamos que este conto é un recurso que moitas escolas empregan nas súas programacións para traballar, como mencionaba nas súas potencialidades, diferentes temáticas dentro do currículo, como as emocións ou o día do libro, dándolle cada docente o enfoque que considera. Tamén é importante destacar que podemos atopar o libro en versión vídeo en Youtube ou materiais e xogos sobre o protagonista. 
A continuación deixo algunhas páxinas de consulta sobre actividades e blogs de docentes.
  Collado, A. (2014). Recursos Para Celebrar El Día Del Libro Desde La Igualdad – Elmer – La Mochila Del Arco Iris. Lamochiladelarcoiris.com. Obtido de  https://www.lamochiladelarcoiris.com/recursos-para-celebrar-el-dia-del-libro-desde-la-igualdad-elmer/ . Visitado 22 marzo 2020.

Huber, S. (2020). Libros De La Colección Elmer, De La Editorial Beascoa. Boolino. Cuentos Infantiles y Juveniles. Boolino.es. Obtido de:  https://www.boolino.es/es/libros/coleccion/elmer/. Visitado 13 marzo 2020.

Pintado Málaga, E. (2014). Cuéntame Un Cuento: Elmer. Aula de Elena. Obtido de http://www.auladeelena.com/2014/12/cuentame-un-cuento-elmer.html. Visitado 22 marzo 2020.

1 comentario:

  1. Gústame moito este conto, xa que se traballa, entre outras cousas, a diversidade e creo que é un tema moi interesante e importante para traballar dende a Educación Infantil. Ademais de todo o que a miña compañeira dixo, creo que tamén se poden traballar dúas emoción básicas que son a tristeza, cando Elmer se sinte diferente aos demais e a alegría, cando ve que ao chover se pón gris como os demais elefantes.

    ResponderEliminar