
Díaz
Reguera, Raquel (2019). Yo soy.
Barcelona: Thule, [40 pp.]. (ISBN:
978-84-16817-58-0).
Descrición
do formato e contido: Este é un álbum ilustrado de Raquel Díaz Reguera. O seu formato é
rectangular e as cubertas son de tapa dura e de cor marrón clara. Na cuberta
inicial podemos ver o título da obra en cor azul, o nome da autora do libro, o
nome da editorial e ademais unha ilustración do protagonista desta historia, un
neno sorrinte, o cal vai descalzo, cos zapatos ao seu carón e suxeitando un
corazón marrón. Na cuberta tamén atopamos etiquetas nas que observamos que as
letras caen e algúns paxaros, algúns deles enriba da súa cabeza. Na
contracuberta atopamos o ISBN e o código de barras. O lombo do libro é de cor
azul e nel aparece de novo o título e o nome da autora. Na portada vemos o
título da obra, o nome da autora e da editorial e na última páxina do libro
aparece unha etiqueta, na cal a autora expón a ensinanza da historia. Os debuxos
que aparecen neste libros son a toda páxina e intégranse co texto.
A personaxe principal é Martín, un neno que, no comezo da
historia, se ve sorrinte e as cores das páxinas son moi vivas. Porén, segundo vai
transcorrendo a historia e lle van dicindo que ten que cambiar a súa forma de
ser, o neno vai perdendo o sorriso e as cores vanse volvendo máis escuras. A
razón é que ao neno lle gusta unha rapaza con paxaros na cabeza pero, como el
está no grupo dos “populares”, os seus amigos dinlle que debe olvidarse dela e
ser “guai”. Vanlle aconsellando cómo debe ir cambiando de roupa, de peiteado,
vestido de marca… E tamén que debe ignorar a rapaza. Isto vai facendo que
Martín se vaia distanciando cada vez máis do seu “eu” e cargando con etiquetas
que lle van impoñendo os demais. Finalmente, o neno remata por darse conta de que
desa forma non é feliz e decide liberarse de todas esas etiquetas.
Potencialidades: Coa lectura deste libro podemos
traballar cos nenos e nenas o autoconcepto, é dicir, cómo se ve cada un a si
mesmo e aos demais, que relacións se establecen dentro do grupo, atendendo a
esa percepción do Outro. Por outra parte, tamén permite analizar cal é a
importancia que se lle dá hoxe en día á imaxe persoal, que referentes son os
que máis inflúe no alumnado dende cativo, que tipo de condutas representan esas
figuras ou que modelos son aqueles que están máis interiorizados entre nenas e
nenos, como exemplos a imitar.