Amosando publicacións coa etiqueta aprendizaxe.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aprendizaxe.. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de abril de 2017

LINTERNA MÁGICA

Boyd, Lizi (2014), Linterna mágica, ilust. Sara Gilligham, Barcelona: Libros del Zorro Rojo, (3-6 anos), [34 pp.] (ISBN: 978-84-944160-5-7).


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado interactivo e sen palabras de tamaño cadrado (23,5x23,5 cm), cunha pouca voluminosidade e encadernado en cartoné. 
Na cuberta podemos observar unha ilustración onde predomina o contraste entre a cor branca e a cor negra, representando deste xeito o contraste entre luz e escuridade a través da figura dun neno que está a escuras aloumiñando todo o que está por diante del cunha lanterna. Neste caso o que aloumiña o neno é o título da obra, que aparece en grandes letras de cor vermella, e o nome da autora da obra. Na contracuberta podemos observar unha imaxe moi similar cun fondo negro e, sobre el, unha mariposa de cores, ademais dunha breve descrición do contido da obra. Tanto a cuberta como a contracuberta danos unha serie de pistas do que pode acontecer ao abrila.
O interior presenta fermosas e sinxelas ilustracións a toda páxina coas mesmas características que presentan a cuberta e contracuberta: debuxos feitos con trazos prateados sobre fondos negros onde resalta o contraste entre claro e escuro. Só nalgúns recunchos onde a figura do neno alumea coa lanterna aparecen certos trazos de cor que resaltan nada máis velos, mostrándonos toda a riqueza poética da natureza e as maravillosidades que alberga a noite. Ademais, ao longo da obra podemos atopar certas peculiaridades: non hai presenza de textos, pois o que prima é a interpretación visual; e en cada páxina hai un pequeno recorte que, ao pasala, permítenos descubrir e reparar en pequenos detalles das páxinas anteriores que probablemente non tiveramos en conta.
O contido trata dun neno que sae da comodidade que lle proporciona a súa tenda de campaña e se adentra na escuridade da noite para descubrir, coa axuda da súa lanterna, toda a maxia que pode esconder a natureza que o rodea.

Potencialidades: atopámonos ante un álbum gañador do premio BolognaRagazzi á mellor obra de ficción no ano 2015 da Feria Internacional do Libro de Bolonia.
Trátase dunha “exploración poética de la noche y la naturaleza; una historia sobre la curiosidad de un niño y la superación de sus temores”, tal e como aparece na contracuberta desta obra.
Comentado isto, non é de estrañar a carga de potencialidades que garda esta obra, pois xa dende a cuberta o protagonista invítanos a descubrir, da man da súa curiosidade, a maxia que esconde a  noite a través dunha lanterna que aloumiña e permite descubrir a cor entre a escuridade. É unha obra que fomenta o imaxinario, pois ao carecer de texto, os nenos e nenas terán que centrar toda a súa atención nas ilustracións, que os van mergullando na historia a través das interpretacións que fan delas. Da mesma forma, ten a capacidade de espertar a curiosidade continuamente polo que vai pasar na páxina seguinte: ¿Qué descubrirá agora o protagonista? Neste sentido, favorécese o desenvolvemento da memoria visual, pois ao longo do transcurso da obra o neno vai descubrindo diferentes animais que reaparecen de novo ao final, ademais de que tamén fomenta o reparo nos detalles, pois se os cativos e cativas se fixan ben a medida que pasan as follas, a lúa vai ascendendo cada vez máis no ceo. Desta forma, a curiosidade é algo que debemos aproveitar dos meniños e meniñas fomentándoa ao máximo, pois é o que lles permitirá iniciar novas aprendizaxes con interese e motivación.
Outro feito a destacar é a “superación dos temores”, pois que o neno sexa capaz de adentrarse no bosque en plena noite amosa unha gran valorosidade. Isto ensínalles aos nenos e nenas que sempre poderán ter a capacidade de enfrontarse a situacións complicadas e que supoñan un reto para eles, e que aínda que ao principio coste seguir adiante, se teñen iniciativa poderán con todo o que se lles plantexe, superándose cada día un pouco máis. Neste sentido este aspecto supón un bo aliciente para aumentar a súa autoestima e expectativas de autoeficacia.
Finalmente, cabe destacar a interactividade que potencia a obra, pois involucra aos lectores e lectoras dende o comezo mediante o descubrimento de diferentes elementos con sentido propio, que gardan relación co conxunto da obra.
En definitiva, este é un libro co que pasar momentos máxicos en familia, e nunca mellor dito, pois a verdadeira maxia está máis cerca do que todos nós pensamos.

xoves, 23 de marzo de 2017

VESTIDA CO ARCO DA VELLA

Cortizas, Antón, (2008). Vestida co arco da vella, ilust. Spela Trobec, Ferrol: Embora, col. Fardeldossoños. (+ 3 anos), [20 pp.]. (ISBN: 978-84-95460-93-6).



Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado narrativo escrito en verso con rima, de formato cadrado (21x21 cm), con pouca voluminosidade, tapa dura e encadernado con cartoné. A cuberta presenta, sobre un fondo de cor branca, a cara dunha nena á dereita e, á esquerda, unha serie de cores colgadas en vertical que semellan diferentes tipos de teas. Entre estas dúas cousas podemos ver o título da obra con letras en gran tamaño, mentres que na parte superior están o nome do autor e a ilustradora. Pola contra, a contracuberta ten un fondo máis impactante pola presenza, case na súa totalidade, da cor vermella.
O interior da obra presenta ilustracións orixinais e de calidade a toda páxina, con cores variadas e rechamantes representadas con distintas técnicas (colaxe, lápiz, acuarelas…), que completan o narrado polo texto. En case todas as páxinas, dependendo da cor da que se estea a falar, ésta aparece representada caso por completo. Tamén emprégase a voz poética mediante un texto “asentado na anáfora e o paralelismo” que “se dirixe a un receptor en segunda persoa”, tal e como comentan Roi, Blanca-Ana., Neira, Marta., Agrelo, Eulalia. (2009: 85) no capítulo "A poesía infantil no século XXI en Galicia" da obra A poesía infantil no século XXI (2000-2008). Finalmente, dicir que os textos están situados nas páxinas pares, impares ou en ambas, e neles xógase co tamaño das letras e utilízanse sobre todo as comparacións.
Ademais, as ilustracións, tal e como aparece na publicación O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010) de Blanca-Ana, Isabel Soto e Marta Neira (2011), poden chegar a emocionar ao lector máis novo pola beleza coa que están feitas e constrúen un código que provoca que o lector ou lectora teña que recodificar para así unir o código lingüístico co icónico nunha relación de complementareidade.
O contido trata dunha nena que vai describindo diversas prendas de roupa de diferentes cores comparándoas con elementos da natureza e obxectos cotiás. Ao mesmo tempo dinos que si algún día chegas a vestirte con algunha destas prendas, finalmente “ti a corda poderás choutar co arco da vella collido das mans”.

Potencialidades: é unha obra coa que os nenos e nenas poderán aprender fundamentalmente as cores, pero tamén diferentes prendas de roupa e adxectivos con máis facilidade grazas a axuda que nos proporcionan as rimas e comparacións, recursos que ao mesmo tempo favorecen a memorización e estimulan a concienciación fonolóxica ao presentar palabras con sons semellantes. Ademais, este último aspecto resulta imprescindible desenvolvelo dende os primeiros anos, pois é un prerequisito básico para posteriormente aprender a ler e escribir. Da mesma forma este conto pode ser moi útil para que se introduzan na lectura en lingua galega a medida que van aprendendo e aumentando o seu vocabulario para que sexa máis rico e variado.
Outro feito a destacar é que achega unha forma innovadora de que os cativos e cativas aprecien as cores, as obras artísticas e outras calidades das cousas a través das fermosas ilustracións, introducíndose así na linguaxe visual e comprendendo que unha imaxe ás veces pode dicir moito máis que mil palabras. 
A complementación dos textos coas ilustracións tamén é un bo modo de deixar voar a imaxinación, xa que a medida que se van pasando as páxinas e se vai narrando a historia comezan a aflorar na mente miles de escenas de como poderías estar vestido coas prendas descritas e choutando así co arco da vella. 
En definitiva, esta obra é un instrumento con múltiples utilidades coa que se pode traballar a través da súa lectura, complementando a mesma con expresións artísticas elaboradas polos nenos/as e mesmo coa elaboración dunha representación teatral.
Se queres saber máis só tes que coller este álbum e sumerxirte nel, pois non hai mellor forma de introducir aos neniños/as na lectura e na aprendizaxe que a través da diversión que podemos atopar no interior dun conto.