Amosando publicacións coa etiqueta Aprender hábitos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aprender hábitos. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de abril de 2020

Maruxa



  • Referencia bibliográfica:

Mejuto, Eva (2014). Maruxa, ilust. Mafalda Milhões. Pontevedra: OQO, col. Egalité, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-490-6)

  • Breve descrición do formato e do contido: 

Album ilustrado escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Mafalda Milhões. Orixinalmente, este álbum, está baseado nunha canción popular polaca chamada “Maryna gotuj pierogi”. O libro é cadrado e de tapa dura de cartoné, tamén conta cun total de 28 páxinas. Na cuberta atópase a figura representativa de Maruxa con distintos materiais para elaborar pan como fariña, culleres, sal, báscula etc. Destaca o título do álbum, que remite á protagonista, en letras de cor vermella maiúsculas, enriba do que aparecen os nomes da autora e da ilustradora, mentres que na parte central está o nome da editorial. Na contracuberta atópase o debuxo de Maruxa e o seu marido Pepiño xunto co can de ambos, sentados nunha manta no campo comendo pan.
O conto está narrado en terceira persoa e escrito en versos de seis sílabas porque busca manter o ritmo orixinal da canción. As ilustracións son figurativas, véselle na cara aos protagonistas as emocións que senten. Maruxa é una muller que aparece modernizada para a súa idade porque atopamos dispositivos electrónicos nas ilustracións. Xoga cos tons da paisaxe, dende o ceo á mañá cedo como á noitiña. Maruxa é unha señora que decide darlle unha lección ao seu marido. El pasaba o día na cama e facendo o folgazán e ela era quen cociñaba, cosía e facía os labores da casa, ata que un día todo cambiou: Pepiño pediulle a Maruxa que lle fixera o almorzo e ela, con retranca, decidiu darlle unha lección. Ao final Pepiño rematou axudando a súa muller a facer o pan.

  • Potencialidades educativas: 

A lectura deste álbum permítenos traballar os roles de xénero, de como a muller traballa na casa e fóra dela. Así como tamén a distribución das tarefas da casa no ámbito da familia, vendo que é a muller a que se encarga de todas as tarefas e como o home lle esixe dende o sofá que faga o pan. Destácase tamén o traballo en grupo ou neste caso en parellas, vendo que se cada membro aporta o seu traballo se pode atopar un equilibrio entre os membros da familia. Esta obra tamén permite traballar a linguaxe, especialmente pola forma rimada e as reiteracións, recurso moi eficaz para a aproximación lúdica á lectura dos máis cativos.

  • Recursos educativos:

“Stop motion” do CEIP Do Carballal de Marín https://www.youtube.com/watch?v=VuX6KG472qc. Publicado o 9 de maio de 2019 (consultado o 4 de abril do 2020)

domingo, 12 de febreiro de 2017

Pimpón el muñeco


Gubiana, Valentí (2009), Pimpón el muñeco, ilust.Mónica Calvo y Patricia Metola, Zaragoza: Edelvives, col. Gotas Dulces, (de 2 a 6 anos), [10 pp.]

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado da vida cotiá que é de pequeno formato, de cantos redondeados e de cartón  Nas páxinas  represéntase en cada unha un hábito, acompañado dun breve texto, que vai formando unha rima que mantén a mesma estrutura en todas elas. Este texto ocupa sempre o mesmo lugar, que é o final de cada páxina, e sempre son dúas frases. Tamén se mostra nas ilustracións os distintos hábitos que fai o boneco desde que se levanta ata que  vai  durmir, mentres o texto que acompaña a imaxe indica como o vai facendo. Ademais, hai unha canción protagonizada polo boneco pimpón que reproduce a historia que narra o conto,  polo que despois de ler o libro se pode pór a canción. (Enlace da canción: https://www.youtube.com/watch?v=RX0VtkQOddw).

Potencialidades. Como se indica na propia contracuberta, é “un libro para aprender os hábitos”. Nesta colección os nenos/as a través do personaxe aprenden hábitos como neste caso, descobren o contorno, amplían o seu vocabulario... Por outra parte, vai formando rimas que lle permite de maneira máis fácil e divertida acordarse de como fai o personaxe os diferentes hábitos, para  logo imitalo. Permite tamén que os nenos/as se sintan identificados co boneco Pimpón. Este libro eu recomendaríallo para nenos a partir dos dous anos, xa que é cando se empezan a facer máis autónomos e adquirir pouco a pouco uns hábitos que chegan case asentados a escola.