Amosando publicacións coa etiqueta a diferenza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta a diferenza. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

Distinta




Valencia, Beto (2019): Distinta, ilust. Sofía Zapata Ochoa (Sozapato), trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora [36 pp.]. (ISBN:978-84-8464-440-8)


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de lectura convencional que foi finalista do X premio internacional Compostela de álbum ilustrado. Conta cunhas dimensións de 22x22 cm e cunha cuberta de tapa dura na que figura o título da obra na parte superior. A disposición do título propicia que poida pasar desapercibido para a nosa mente, por facer unha lectura moi rápida e visual, pero se nos fixamos ben atopamos algo que non está como normalmente o atopamos: o “N” do título está do revés, coma se lle deran a volta ou coma se fose un “N” distinto. Isto podería ser unha pista e un bo recurso para imaxinar como pode ser o conto. Xusto enriba do título atópanse os nomes do autor do texto Beto Valencia e da ilustradora Sofía Zapata Ochoa (Sozapato). Na ilustración da cuberta atopamos unha nena sorrinte que semella estar moi feliz e alegre. Parece que ten os ollos pechados, coma se estivese soñando esperta. Ao redor da nena podemos observar uns peixes de fermosas cores, todos diferentes en cores, tamaño e forma. A nena ten o pelo coma se lle estivese voando ou coma se ela mesma estivese voando, impulsada por todos os peixes que a acompañan. No fondo desta ilustración, ocupando todo o fondo da cuberta, preséntase unha cor turquesa que semella a cor do mar. Nun dos lados, concretamente na esquina superior dereita, encóntrase un pequeniño barco de papel en posición vertical que nos convida a usar a imaxinación e a experimentar coa imaxe, ladeando o libro e colocando o barco en posición horizontal, o que colocará a nena tamén nesa posición e deixará de dar a sensación de que está voando para simular que está sendo levada polos peixes no mar.
As gardas presentan unha gran cantidade de caixas, todas elas moi diferentes: grandes, pequenas, con tapa, sen tapa, con raias, sen elas… e de moitísimas cores. Estas ilustracións das caixas poderían ter certa similitude coas persoas, todas somos diferentes en moitos aspectos, tamén na nosa forma de pensar. E cada caixa agocha nela unhas ideas distintas e unha imaxinación diferente, exactamente igual que pasa coas nosas mentes. A portada conta cun fondo branco, os datos da cuberta (de novo co título da obra DISTINTA co N do revés) e unha ilustración da nena, agora dentro do barquiño de papel, cunha expresión alegre e feliz. Ten os brazos moi estirados e abertos, dando unha sensación de liberdade e un sentimento de estar a gusto. Nun dos lados do barquiño encóntrase pousada una bolboreta de grandes ás. 
No interior as ilustracións ocupan toda a páxina e presentan unha nena, que agora sabemos que se chama Lúa, cunha expresión triste, aburrida e desganada. Lúa observa dende o seu balcón unha cidade chea de edificios sombríos e xente inexpresiva mirando para a televisión. Lúa é a única persoa que está no balcón. Na parte inferior das páxinas atópase o texto do conto, sobre fondo branco, conformado por frases moi breves e sinxelas, onde nos presenta o que lle pasa a Lúa. Ela séntese distinta e o narrador vainos explicar porqué. Ao pasar a páxina seguinte as ilustracións seguen a mesma liña, pero cando pasamos a quinta páxina todo cambia: as ilustracións agora teñen cores vivas e cálidas e Lúa está feliz, porque ese nivel é o da súa imaxinación. A transición fixo que agora o texto xa non se atope fóra das ilustracións, senón que forme parte delas. A partir deste momento prodúcese unha constante contraposición entre as ilustracións referidas á realidade e á imaxinación.


Potencialidades: a lectura desta obra propicia múltiples posibilidades para traballar con nenos e nenas, pois a historia de Lúa podería ser a de calquera neno ou nena que sinta que non pensa coma os demais ou que se sente fóra de lugar no sobrio mundo das rutinas dos adultos. Tamén é importante recoñecer ese gran privilexio e valor que é a imaxinación, non só na etapa infantil, senón durante toda a vida, pois temos a capacidade de imaxinar un mundo totalmente diferente nas nosas mentes. É por iso que unha das potencialidade desta obra é a da diferenza, a de ser capaces de ver o lado bo das cousas e non deixarnos levar por algo que non nos gusta ou unha situación que non nos apetece, senón ser capaces de tentar sacar sempre o positivo da cada situación que se nos presenta no día a día. Por exemplo ao comezo do libro podemos ler a primeira frase que nos amosa como é iso de ver o lado positivo da vida: “Cada día, mentres uns se queixan por ter que madrugar…,a ela encántalle erguerse cedo para escoitar os segredos que murmuran as nubes da mañá”. As ilustracións desde conto representan outro gran recurso que podemos empregar cos nosos alumnos e alumnas, polas múltiples lecturas que propician e a súa capacidade de suxestión.

mércores, 1 de abril de 2020

Lolo, un conejo diferente




Van Genechten, Guido (2013). Lolo, un conejo diferente, Madrid: Editorial Ediciones SM, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-675-6128-9).
Descrición do formato e o contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura do autor Guido Van Genechten. A cuberta amosa unha imaxe na que aparece o protagonista da historia, Lolo, un coello branco cunha orella erguida e outra caída. Leva unha vestimenta amarela e unha cenoria na man. Na contracuberta obsérvase unha imaxe dunha paisaxe na que aparece unha horta con moitas cenorias sobre un ceo azul. Sobre o ceo soleado hai un resumo do contido da historia. Nas gardas aparecen grandes cenorias. Na portada e páxina de créditos vemos moitos coellos diferentes con expresión alegre.
Dende o punto de vista do contido, a obra trata varias temáticas entre elas, a diversidade, a diferenza, o acoso e a amizade. Lolo, un conejo diferente é un conto no que o protagonista é un coello que ten unha orella caída. Os demais coellos sempre se rin del e fanlle comentarios que a Lolo non lle gustan. Lolo ante as burlas dos demais intenta colocar a súa orella e poñela recta, a pesar diso, os demais séguense rindo del. Ata que un día decide ir ao doutor. Este dille que todas as persoas teñen as orellas diferentes e que as súas son iguais de boas que as dos demais. Despois desta conversa, Lolo séntese moito mellor e proponlle un xogo aos seus amigos. Con este conto, todos/as podemos observar que moitas veces rímonos do físico ou da personalidade doutra persoa e podemos chegar a facerlle dano. Tamén é unha demostración de que todos somos moi diferentes tanto física como persoalmente. O texto presenta un narrador heterodiexético, con frases curtas e escritas en letra redonda, o que favorece a aproximación á lectura dos máis pequenos.
As imaxes teñen unha disposición de dobre páxina durante toda a historia e presentan aos personaxes humanizados e de marcado estilo infantil. As emocións reflíctense nos seus rostros, pero mentres todos rin, Lolo aparece como un personaxe angustiado e triste polas burlas das que é obxecto. Todas as escenas son sinxelas e incitan ao lector a continuar lendo. Empréganse moitas cores de diferentes tons, con personaxes ataviados con roupas coloristas e remarcados en cor negra, o que permite que destaquen sobre os fondos, sempre en espazos abertos e ao aire libre.
Potencialidades educativas: Despois da lectura deste álbum pódese reflexionar co alumnado sobre valores como a diferenza, as características individuais e únicas que nos definen. Con este conto demóstrase que todos somos diferentes pero que todos somos iguais de importantes. Xa sexamos gordos, xa fracos, altos ou baixos, merecemos respecto por parte dos demais e a súa aceptación. É por iso necesario traballar nas aulas temas como o respecto e a amizade, así como o acoso, que se representa coas burlas e os comentarios que lle fan a Lolo os demais coellos. O respecto vese claramente na persoa do doutor, aconsellando e animando ao protagonista. E a amizade obsérvase no final do conto cando todos os amigos/as gozan xogando xuntos/as, sen importarlles as diferenzas entre os uns e os outros.
 Recursos educativos:
Lectura do conto por parte dunha persoa aulta, en https://www.youtube.com/watch?v=MeYQNp1qqjc (consultado o 29 de marzo de 2020).
Documento en pdf con varias actividades coa temática do conto para traballar nas aulas de Educación Infantil, en http://ecat.server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES147020_011164.pdf (consultado o 29 de marzo de 2020).