Amosando publicacións coa etiqueta fantasía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fantasía. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de maio de 2020

O desexo do gato Klops



Padullés, Estefanía (2014). O desexo do gato Klops. A Coruña: Hércules de
Ediciones, 24 pp. (ISBN: 978-84-92715-78-7)

Descrición do formato: álbum ilustrado de Estefanía Padullés, cuxa cuberta amosa
un gato mirando cara ao ceo onde só hai unha estrela e un fondo de cores en tons
verdes, amarelos e azuis moi vivos e rechamantes. O título atópase xusto no centro,
formando unha curva entre a estrela e o gato. A contracuberta amosa de novo ao
protagonista, agora en tamaño máis grande e en forma de sombra de cores,
acompañado dunha breve sinopse do contido. As gardas iniciais e finais amosan un
fondo coas mesmas cores rechamantes, mentres que a portada recrea os datos da
cuberta pero sen fondo. Todas as páxinas están ilustradas cun deseño idéntico ao
fondo da cuberta e coas mesmas tonalidades. A tipografía empregada non varía ao
longo do libro, mantén unha letra de tamaño medio e distribúese nun parágrafo por
cada páxina.
O relato conta a historia dun gato chamado Klops que vive na casa dunha avoa. Un
día atopa unha estrela na cheminea e decide pedirlle o desexo de convertelo noutro
animal diferente. Klops pensará en ser un monstro, un rato, un paxaro, unha araña e
incluso unha princesa; pero a todos os desexos lle atopa problemas. El o que quere
é converterse nun animal que poida ser aloumiñado, que teña bastante comida, que
poida durmir onda o lume e que poida subir aos tellados. Por iso o seu desexo final
é seguir sendo un gato.

Cabe mencionar que en toda a historia se segue un fío similar cando Klops vai
modificando o seu desexo. Cada un deles ten unha vantaxe e un inconveniente e ao
pasar á seguinte opción resólvese o inconveniente do anterior. Así, por exemplo,
nun momento o gato pide ser unha princesa para poder durmir cómodo, pero a el
gústalle subir aos tellados e as princesas non poden facelo. Polo tanto para resolver
este inconveniente cambia o desexo a converterse nunha araña, que si pode trepar
ata os tellados máis altos.

Potencialidades: a lectura deste álbum ofrece a posibilidade de traballar nunha
aula o sentimento da autoaceptación dun mesmo, un valor ligado á autoestima. Os
nenos e nenas poderán identificarse co gato Klops para descubrir que cousas lles
gustan deles mesmos e que cambiarían, buscando vantaxes e inconvenientes,
potenciando así o pensamento reflexivo. Tamén se pode utilizar como recurso para
traballar cada unha das personaxes nas que se quere converter o protagonista, que
características teñen e como son por exemplo. Moitas delas proveñen da fantasía,
como os monstros, así que resultaría unha boa temática para traballala de forma
sinxela a través deste recurso, incluso cos nenos/as máis pequenos.

Traduccións: esta obra foi escrita orixinalmente en galego pero conta tamén cunha tradución ao castelán co título El deseo del gato Klops.

martes, 21 de abril de 2020

1001 cosas que buscar en el país de las hadas







Ficha bibliográfica

Doherty, Gill (2005). 1001 cosas que buscar en el país de las hadas. Ilust. Teri Gower, trad. Teresa Muñóz. Londres: Usborne Publishing, 32 pp. (ISBN: 978074608346-8)

Descrición e formato

Trátase dun libro-obxecto de discriminación visual, cuxa cuberta amosa unha paisaxe en tons vivos e cun fondo rosado, no cal está debuxada unha escena na que unhas fadas e trasnos bailan e tocan instrumentos no que parece unha pradería de noite. O título está centrado e escrito con fontes diferentes para destacar a palabra fadas e o número 1001. Nas marxes atópase unha pequena guía para buscar o número de obxectos que se pide, o cal nos indica que o libro en si comeza na cuberta, pois xa se pode utilizar esta escena igual que no resto das páxinas. Na contracuberta pódese ver o mesmo título xunto cunha breve explicación a modo de sinopse sobre o libro. Represéntase varios debuxos de fadas xunto cunha pequena escena na que dúas delas decoran unhas flores con grilandas de margaridas. Tamén se pode destacar que algúns elementos están decorados con papel brillante para atraer a atención dos lectores. Unha vez máis nas gardas amósase a cor rosa sen ningún tipo de deseño. 
Tras a portada o libro conta con dúas páxinas destinadas á explicación do mesmo, xunto cun índice onde se amosan as distintas escenas do país das fadas. Cun fondo de tons claros e un pequeno debuxo dunha das escenas que se presentan nas páxinas (en concreto o título é Na copa da árbore) amósase unha guía para os pequenos lectores sobre o funcionamento dos debuxos e dos números. Como engadido tamén se anima a buscar á fada Acaramelada en todas as páxinas, acompañado dun debuxo dela. 
Trátase dun álbum ilustrado no que as ilustracións pasan a ser a parte central, pois non hai apenas texto escrito. A finalidade deste libro non é contar unha historia de maneira tradicional, senón introducir ao lector/a no mundo das fadas mediante escenas e representacións da súa vida cotiá, nas que deben buscar determinados obxectos. Destácanse como exemplo o mercado máxico e o banquete das fadas, expostos nas imaxes que se mostran a continuación. 

Como engadido ao final do libro para los buscadores máis expertos propóñense certos elementos a buscar en todo o libro, acompañados das respectivas solucións e en que páxina se encontran.

Potencialidades en EI 

Este álbum ilustrado pode converterse nun excelente recurso para achegar aos nenos e nenas a unha forma diferente de utilizar os libros, pois en lugar de contar unha historia ou conto con argumento, ofrece unha interacción constante mediante a busca de obxectos. Nel pódese traballar a discriminación visual a diferentes niveis, ademais das competencias matemáticas básicas, aptas sobretodo para o alumnado de sexto de educación infantil dado que traballa coa numeración do un ao dez. 
Doutra banda tamén achega aos pequenos/as ao mundo das fadas e trasnos mediante recreacións de escenas que resultan cotiás para as persoas, ambientadas nun mundo máxico e imaxinativo, facendo así desta obra un bo recurso para incentivar a creatividade dende unha perspectiva fantástica, ademais de recrear historias segundo a competencia e intereses de cada lector/a.

Traduccións
Este álbum foi orixinalmente escrito en inglés co título 1001 things to spot in fairyland. Conta tamén coas respectivas traducións á lingua holandesa (1001 dingen zoeken in feeënland) e xaponesa.
Outros libros e recursos
Existe outro álbum ilustrado da mesma autora (Gillian Doherty) e co mesmo título, pero co engadido de que inclúe máis de douscentos vinte adhesivos. Os seus datos son: Doherty, Gillian (2015). 1001 cosas que buscar en el país de las hadas con pegatinas. Londres: Usborne Publishing, 32 pp. (ISBN: 9781409590583)

venres, 10 de abril de 2020

Aladino

Trevistán, Irena (2019). Aladino. Ilust. Luna Scortegagna, trad. Mariona

Barrera Aguilera. Barcelona: Timun Mas, 32 pp. (ISBN: 978-84-08-20973-7)


Descrición e formato

Este libro comeza amosando unha cuberta de cores vivas con tons maxentas no fondo e motivos orientais xeométricos. O título está centrado na parte superior da mesma, e debaixo aparece a figura protagonista do relato, Aladino, xunto cunha lámpada marabillosa. Cabe destacar a presenza dunha figura de lámpada que se pode retirar para deixar ver o interior da portada, os ollos do xenio. Na contracuberta aparece unha breve sinopse xunto a unha ilustración representativa do mundo oriental (un palacio e dous camelos no deserto). Nas gardas o fondo presenta pequenas lámpadas de aceite, mais na que pecha o libro aprécianse tamén os créditos e outra ilustración de camelos. A portada amosa outra ilustración do protagonista da historia xunto ao xenio da lámpada marabillosa. Non ten índice nin prólogo.
Trátase dun álbum ilustrado, no cal ilustracións e texto escrito se complementan con troquelados que enganden elementos de interacción coa obra, ademais de aportar orixinalidade e beleza ás páxinas. Os motivos son orientais, ambientando a trama da historia con detalles e sensibilidade, distribuídos cada dúas páxinas aproximadamente.  
O relato conta a historia de Aladino, un mozo que vive en Arabia e que perdeu ao seu pai cando era neno. Un día aparece un personaxe que di ser seu tío, pero en realidade é un bruxo que o que busca é enviar a Aladino a unha cova para recuperar unha lámpada marabillosa que contén un xenio capaz de conceder desexos. A intelixencia do rapaz para  usar esa lámpada serviralle para converterse nun famoso mercador con luxos e riquezas, até mesmo casar coa filla do sultán e construír un palacio de ouro. Tras varios intentos do bruxo e do irmán deste de conseguir a lámpada, ambos acaban derrotados e confinados na propia lámpada, mentres o xenio queda libre e acaba vivindo felizmente no palacio con Aladino e a princesa.

Potencialidades en EI 

Este conto está baseado no clásico Aladin e a lámpada maravillosa (Aladdin and the magic lamp), no que o elemento central é a fantasía e a capacidade de soñar, simbolizada principalmente pola figura do xenio. Tamén se poden abordar diferentes valores, coma a bondade e  a malicia, representadas polas personaxes de Aladino e a princesa fronte aos dous bruxos. Outro aspecto relevante é que, que nos axudan a identificar estereotipos e condutas ou actitudos que configuran ás persoas e ás sociedades. Por último, os elementos materiais interactivos, como son os troquelados, introducen elementos vistosos para o lectorado infantil que se aproxima así a unha obra clásica reescrita e actualizada.

Onde viven os monstros


Sendak, Maurice (2014). Onde viven os monstros, trad. Xosé Manuel González, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [48 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-859-8)

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Maurice Sendak no que se conta a historia de Max, un neno ao que lle gusta facer trasnadas e que un día, cando a súa nai o manda castigado para o seu cuarto, viaxa a un lugar fantástico. Alí coñece a uns monstros que o proclaman rei dese mundo salvaxe por ser o máis temible de todos eles. Tras pasar un tempo cos monstros e divertirse con eles decide volver á casa, xa que bota de menos a súa familia.
Trátase dun álbum ilustrado, no que as imaxes son imprescindibles para entender boa parte da historia. Na cuberta móstrase a imaxe dun dos monstros no mundo fantástico, situado na parte dereita da ilustración, no medio dun bosque e a carón do mar, no cal navega un barco. Se abrimos o libro e miramos a cuberta e contracuberta, pódese observar como a paisaxe continúa ao longo da contracuberta. Utilízanse cores escuras porque é de noite e destácase o barco con cores vivas para mostrar que forma parte da historia, xa que é o medio que utiliza Max para chegar ata o mundo dos monstros. No interior do libro o texto non está inserido nas ilustracións, que comezan sendo cadros sobre un fondo branco, pero que van aumentado de tamaño ata ocupar toda a páxina e desaparecer incluso o texto.


O narrador está en terceira persoa e os personaxes comunícanse mediante diálogos. En canto á arquitectura textual, ao longo do conto podemos atopar diversas estruturas que se repiten («medrou e medrou») e numerosas reiteracións.
As ilustracións son sinxelas aínda que se detallan os elementos importantes (como os rostros dos monstros). Utiliza unha gama de verdes e azuis e emprega a cor amarela en elementos importantes aos que fai mención explícita no texto (barco ou ollos). Emprega planos xerais ao longo de todo o conto para mostrar o lugar onde acontecen os feitos. O protagonista adoita aparecer no centro do plano ou nunha marxe cando aparecen outros personaxes.
Os personaxes son os seguintes: Max, que é o neno protagonista da historia; a súa nai, que non aparece nos debuxos, a pesar de manter diálogo; e por último, os monstros, que representan o mundo imaxinario de Max. Estes aparecen representados con dentes, cornos e gadoupas afiadas para mostrar que son feroces.

Potencialidades educativas: na época na que foi publicado este libro, nos anos 60, xurdiu bastante controversia, xa que non seguía os canons da época e o conto mostraba a un neno rebelde, ademais de que aseguraban que os monstros poderían asustar aos máis pequenos. Na actualidade é un libro que pode axudar aos nenos e nenas a sentirse identificados co protagonista e comprender que poden recorrer á fantasía para identificar os seus propios problemas, como fai Max.
Este álbum pode ser de moita utilidade en Educación Infantil para transmitir aos nenos e nenas a paixón pola lectura, moi importante dende idades temperás, ademais de traballar os contos como fonte de aprendizaxe. Nunha aula de Educación Infantil poderíase realizar unha dramatización do conto a través de marionetas ou cos nenos e nenas disfrazados, para que eles mesmos se poñan no lugar do protagonista.

Traducións a outros idiomas e premios: o libro orixinal está escrito en inglés por Maurice Sendak, publicado no ano 1963. Leváronse a cabo moitas traducións no noso país, ao galego por Xosé Manuel González, ao catalán por María Viu e tamén ao castelán por Agustín Gervás. Ademais, fóra de España realizáronse traducións a outros idiomas como o francés, o alemán, o portugués, entre outros. No ano 2009 fíxose unha adaptación cinematográfica dirixida por Spike Jonze. Este libro recibiu varios premios, entre os que destacan os seguintes: a medalla Caldecott no ano 1964, o premio Andersen ou o Boston Globe-Horn Award.

Recusos educativos
Audioconto do libro en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=y688vDVZeH4 (consultado o 10/04/2020)
Tráiler da adaptación cinematográfica: https://www.youtube.com/watch?v=c_DOyIQktTE (consultado o 10/04/2020)