Amosando publicacións coa etiqueta alfabetización visual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta alfabetización visual. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de abril de 2020

Os ratos da casa


González, X. M (2015). Os ratos da casa. Pontevedra: Kalandraka, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-467-5).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura con dimensión de 200 mm x 200 mm. Escrito polo autor Xosé María González Barreiro, tamén coñecido como Oli, e ilustrado por Natalia Colombo. Na cuberta podemos observar a imaxe dun coche azul no que van dentro catro ratos. Este coche está metido dentro dunha figura que parece ser unha casa. Ademais, o chan e o ceo están representados de cor vermella e azul, respectivamente. O título do conto e mais o nome do autor e a ilustradora, encóntranse na parte superior da imaxe, na metade desta, con letras maiúsculas brancas grandes. Na contracuberta podemos ver o que parece un pequeno bosque, no que hai unhas cantas árbores de distintos tamaños e cores e nun deles vemos pousado un paxaro. Ademais, ao lonxe hai unha montaña de cor vermella, parte do ceo de cor azul, o chan onde están plantadas as árbores de cor amarela e verde e unha parte cha de cor azul. Na parte esquerda, xunto ao pequeno paxaro, está plasmada a frase “libros para soñar” en letra minúscula de cor negro.
Este conto relata a historia dunha familia de ratos, a cal sae dunha montaña e a través dos camiños chega a unha casa chea de buracos na que poden agocharse. Os ratos ao chegar a noite chegan á cociña, que está chea de comida. Pero a comida está en pratos, que ao caeren ao chan alarman ao gato. O gato, querendo chamar a atención da muller da casa, comeza a miañar. A muller, asustada, dille ao seu marido que pensa que no andar inferior, na cociña, andan os ladróns. O marido, non dándolle importancia, non se levanta, e a muller vai avisar ao seu fillo. Este pensou durante toda a noite ata que chegou a mañá, cando o galo cantou. Cando este cantou, a familia de ratos asustouse e marchou.
Este álbum presenta imaxes a toda a páxina. A ilustradora fai moito uso dos colores primarios e secundarios. Gran parte das imaxes están coloreadas de amarelo, vermello e azul, e hai moitos detalles en cores verdes, laranxas, marróns... Ademais están feitas con ceras e lapis de cores. Moitas destas ilustracións representan espazos domésticos, como poden ser a cociña e a habitación, detalle que fai que o lector poida encontrarse con situacións e espazos cotiáns. O texto, de cor negra, e cun tipo de letra fácil de ler para os mais pequenos, é na súa totalidade rimado e vai encadeando as personaxes e os elementos a medida que vai transcorrendo a historia.

Potencialidades educativas: este conto está orientado para que sexa lido polos máis pequenos. Non é un libro no que poidamos destacar unha aprendizaxe en valores, pero con el, podemos traballar de maneira eficiente a lectoescritura e a discriminación visual. É un álbum ilustrado con cores moi vivas, o que chamará a atención dos nosos nenos. Ademais, ao longo da historia, podemos distinguir distintos personaxes, distintos lugares, obxectos, animais... Poderemos desenvolver a alfabetización visual e outras competencias a través de preguntas como: cantos animais ves nesta imaxe? Que obxectos de cociña son estes? Na habitación, onde se encontra a cama? Con isto, ademais de contarlles a historia, conseguiremos que os/as nenos/as estean tamén atentos ás ilustracións.

Recursos educativos:
O autor conta o conto: http://www.kalandraka.tv/es/busqueda.php?busqueda=ratones+de+casa (consultado o 20/4/20)

Nenas de 3º de primaria contan o conto: https://www.youtube.com/watch?v=sY5Mf0MZmJM (consultado o 20/4/20)