Amosando publicacións coa etiqueta enfermidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta enfermidade. Amosar todas as publicacións

venres, 27 de marzo de 2020

A avoa adormecida




Parmeggiani, R. (2015). A avoa adormecida, ilustr. João Vaz de Carvalho, trad. Xosé Antón Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Maremar, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-914-4).

Descrición do formato e contido: Álbum de tapa dura, de formato rectangular (18,5x28cm) con encadernación a cartoné, texto de Roberto Parmeggiani e ilustracións de João de Carvalho. Na cuberta aparece o título en maiúsculas, o nome do autor e do ilustrador, así como unha ilustración dunha avoa durmindo na súa cama cun gran sorriso, e o nome da a editorial. Na contracuberta aparece a ilustración de dous avós xuntos, moi felices, dentro dun redondel, baixo un fondo azul, coa indicación do nome da coleción. No interior, o texto convive con ilustracións en tons brancos, azuis, grises e marróns que semellan a vellez e os hospitais. Son sinxelas e están realizadas a lapis.
Dende o punto de vista do contido, este conto relata a historia dunha avoa que antes de botarse “a durmir” e esquecer moitas das cousas que sabía, xa que tiña alzhéimer ou demencia, aspecto que na historia non se expresa, cociñaba, bailaba, lía, saía co neto, contáballe contos... Porén un día cando chegou o neto a avoa xa non estaba no seu cuarto, xa que falecera, e isto represéntase dunha forma metafórica nas últimas páxinas. O autor recorre á súa memoria sentimental, para describir un proceso de perda e dor, cunha metáfora nos debuxos que acompañan aos textos e que representan o tránsito do tempo e a doenza das persoas que xa non están connosco. Tamén é importante nomear o espazo no que ocorre a narración, que é o fogar, un lugar tranquilo e cheo de tenrura.
Este é un libro adicado aos avos/as, persoas que queremos moito e sobre todo para todos os nenos/as que coidan deles.


Potencialidades educativas: Un mesmo álbum sérvenos para achegar o sentimento da perda e a morte dun xeito máis sútil aos máis pequenos/as e facelos pensar sobre esta cuestión natural que é o final da vida das persoas. Tamén esta lectura promove a reflexión sobre as enfermidades dexenerativas e os seus síntomas, como é o caso do alzhéimer ou a demencia, que por desgraza está moi presente na actualidade. Tamén nos permite traballar as relacións interxeracionais entre avós/as e netos/as, xa que fai referencia á importancia que teñen os avós/as nas súas vidas, ao contarlle contos, xogar con eles, ser os transmisores do legado cultural, encarnar a tenrura e a ilusión, así como o agarimo e a tenrura. 

Recursos:
CEI Estibela (2018). A avoa adormecida, en ponte lectura infantil, en http://pontelecturainfantil.blogspot.com/2018/04/a-avoa-adormecida.html(consultado o 27 de marzo de 2020).