Amosando publicacións coa etiqueta a xenerosidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta a xenerosidade. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

Coas mans baleiras




Tortosa, Ana (2010): Coas mans baleiras, ilust. Cecilia Varela, trad. Laura Rubio. Pontevedra: OQO, [36 pp.]. (ISBN 978-84-9871-237-7)


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de lectura convencional. No seu formato físico (cuxas dimensións son: 25x23 cm) ten unha cuberta de tapa dura onde figura na parte superior o título do conto, os nomes da autora Ana Tortosa e a ilustradora Cecilia Varela na parte inferior esquerda e na inferior dereita o nome da editorial OQO. Na ilustración da cuberta podemos apreciar unha rapaza enriba dun tentáculo dun polbo agarrada a temón. Ela ten unha expresión alegre e sorrinte. O fondo da ilustración é dunha cor azul celeste semellando un ceo descuberto nun día soleado, estas cores fannos sentir calma e tranquilidade. O temón que suxeita a nena e os tentáculos do polbo indícanos que non está capitaneando un barco, posto que o temón está só, o que remite cara a un sentido simbólico. Nas gardas aparecen con ilustracións de tentáculos, que desta vez suxeitan outras cousas, como un gato negro ou un acordeón. Na portada aparecen de novo tentáculos suxeitando unha pipa de fumar, da cal saen diferentes letras. Na páxina de títulos de crédito figuran os nomes das autoras do conto, ilustracións e tradución, así como tamén o nome da editorial e a data da publicación, xunto con dúas dedicatorias, unha da autora: “Para ti, que me enches as mans…” e outra da ilustradora: “A todos os polbos e gatos”. Na ilustración central nesta ocasión o polbo suxeita unha cunca de café cun peixiño saltando nela. O fondo destas dúas páxinas da portada é dunha cor amarela moi suave. 
O texto e as ilustracións que se presentan son debuxos realistas en cores suaves. En todas as páxinas están presentes dúas personaxes que acompañan a nena protagonista, Alba, que son o polbo e un gato negro. O texto que atopamos acompañando as ilustracións son frases sinxelas e moi breves, pero cunha gran forza e carga emotiva. 
Este conto é unha conversa entre Alba e un narrador omnisciente que vai relatando a historia de Alba e a busca dun agasallo para o aniversario de Mario. Un día Alba é convidada ao aniversario de Mario e ela quere atopar un agasallo para non ir coas mans baleiras. Polo camiño busca algo que lle poida gustar ao seu amigo… Pero decátase de que todo o que se lle ocorre el xa o ten, polo que chega á súa casa e non ten ningún regalo para Mario ou iso pensaba ela. Porén, o seu amigo explícalle que o mellor regalo é ela e a súa compañía nunha data tan especial. 


Potencialidades: A lectura desta obra permítenos abordar temas coma o materialismo, a imaxinación, a natureza e a amizade. Ao longo do conto vanse dando pistas sobre como é Mario, grazas aos regalos que se lle ocorren a Alba, “E se lle levo auga de mar?” “Non, iso xa o ten, porque está nos seus ollos”, os nenos e nenas poden imaxinarse como podería ser Mario a través destas descricións, nas que se comparan os elementos presentes na natureza con características de Mario e a súa personalidade. Nestas páxinas atopamos un elemento sempre presente, o mar, e moitas referencias mariñeiras. É importante destacar o personaxe do polbo xigante que aparece ilustrado, referencia moi característica de lendas mariñeiras, pero neste caso non se representa coma unha besta feroz, senón que é amigo da protagonista e a acompaña na súa historia, cunhas ilustracións que axudan a humanizar a este personaxe, ofrecendo así unha imaxe tenra e amigable. Tamén é unha referencia característica o outro personaxe que acompaña a Alba, o gato, característica que tamén fai referencia ao mundo mariñeiro, xa que ata non fai moito os mariñeiros levaban sempre a bordo algún gato para axudarlles a controlar os ratos. No final do conto ofrece unha visión moi importante sobre o tema do materialismo, que se contrapón á afectividade e á amizade, como recoñece Mario, quen representa a experiencia das persoas maiores, o que incide tamén na valoración dos anciáns. 

Traducións a outros idiomas e premios:
Este álbum ten edición en lingua castelá, galega, portuguesa, francesa e inglesa

Despois da chuvia



Cerro, Miguel (2015): Despois da chuvia, Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-968-7)


Descrición, formato e contido: Trátase dun álbum ilustrado de lectura convencional. No seu formato físico (cuxas dimensións son: 19,5 x 29 cm.) ten unha cuberta de tapa dura onde figura o título do conto e o premio outorgado (VIII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados) na parte superior, o nome do autor á dereita e o da editorial na parte inferior. Na ilustración da cuberta podemos apreciar un raposo enriba dunha montaña cun fondo azul escuro que asemella a cor da noite, nesta ilustración apréciase un sentimento claro de soidade. 
As gardas son de cor azul escura e lisas, o que remite cara á noite e a escuridade. A portada reproduce os elementos da cuberta, título da obra e ilustracións nas que aparece de novo o raposo, pero o debuxo do raposo sae cortado, coma se estivese entrando no conto e unha nube escura con choiva semella aparecer detrás del. A páxina de títulos de crédito atópase na parte final do libro e nela figuran os datos identificadores da obra, o premio outorgado e os membros do xurado do certame, ademais dunha breve frase, que é a dedicatoria do autor “A miña familia e Sara, sen eles non chegaría isto.” 
O texto e as ilustracións que se presentan son grandes debuxos cheos de cor nas primeiras páxinas ata que chega a noite e todo se torna moi escuro, o que acentúa a sensación de soidade, reflexo do estado anímico do protagonista, o raposo. O texto que atopamos acompañando as ilustracións son frases sinxelas e moi breves, pero cunha gran carga emotiva.
Este conto ten un narrador omnisciente que vai relatando a historia e todo o que acontece. Iníciase coa presentación dos animais e o lugar onde viven; todo semella tranquilo e feliz, pero un día comezou a chover “E cada vez chovía máis e máis e máis…”. Os animais teñen que refuxiarse no alto dunha montaña porque todo comeza a inundarse, tal e como din que pasou no diluvio universal. Ante esta situación os animais comezaron a repartirse tarefas, pero ningunha lle é asignada ao raposo, que sente que non está axudando ao grupo. Finalmente, unha noite atopará a forma de contribuír ao benestar dos seus compañeiros, aportando o seu gran de area. 


Potencialidades para traballar nunha aula: A lectura desta obra permítenos tratar asuntos como a superación das adversidades, a necesidade de sentirse útil en situacións extremas ou incluso percibir que está no lugar adecuado e coa compañía que te acepta e axuda. Ademais tamén se abordan os sentimentos, en especial o desacougo e intranquilidade do protagonista, fronte ao esforzo e coidado do grupo para con el. A lectura deste álbum ilustrado permite tamén enlazar o universo ficcional recreado con historias antigas, como a do diluvio universal recollida na Biblia. Por outra parte, os animais son un gran centro de interese na etapa infantil e se cadra a partires desta obra podemos introducir diferentes temas ao redor deles, así como traballar aspectos de supervivencia, ben común, solidariedade ou cooperación fronte a sobreprotección; desconfianza e prexuízos.


Traducións a outros idiomas e premios
O contro está traducido nos seguintes idiomas: castelán, galego, catalán, éuscaro, portugués e italiano, sendo o seu idioma orixinal o castelán e o título Después de la lluvia. No ano 2015, data de publicación do libro, o autor Miguel Cerro recibiu o VIII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados.

domingo, 26 de abril de 2020

A casa do rato Renato









20200421_123704



Castro Lima, Manuel e Mª Mar Ameixeiras Sánchez (2010). A casa do rato Renato, ilust. Francisco Ameixeiras Sánchez. Vigo: Barafunda editorial, [34 pp.]. (ISBN: 978-84-614-4574-5).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado con texto de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez e ilustracións de FranciscoAmeixeiras Sánchez. Presenta unhas tapas duras. Na cuberta do conto aparece unha imaxe dunha cabaza cun rato. Na contraportada preséntase a imaxe dun porco e un anaco da cabaza. Na garda inicial presenta un fondo
branco cunha bubela, unha bolboreta e dúas cabazas. As imaxes que aparecen ao longo do conto son a toda páxina, de cores vivas e atractivasvisualmente para os cativos e cativas. É un conto rimado con algúns diálogos.
É de salientar que no final do volume se atopan dúas propostas didácticas: a primeira consiste en repasar as palabras dos alimentos do magosto e a segunda en unir os nomes coa imaxe correspondente. Tamén se recollen nas dúas últimas páxinas cantigas e refráns, así como unha breve explicación sobre a festa do Samaín.
Desde o punto de vista do contido, nárrase a historia do rato Renato, ao cal Uxía lle quita a cabaza que el escollera como o seu fogar. O rato busca recuperar a súa casa e por iso cando se atopou cun porco pediulle que lle axudara. A cambio de axudarlle, o porco pediulle que o liberara. Na súa aventura de recuperar a cabaza, atopáronse cunha avelaíña que tamén os axudou a que finalmente o rato recuperara o seu fogar.

Potencialidades: a lectura deste conto permite traballar nas aulas temáticas como as tradicións, en particular o Samaín, a natureza, os animais, o respecto aos hábitats e á forma de vida dos animais, as diferentes tradicións, a xenerosidade, a cooperación e a felicidade. Ademais, a forma rimada contribúe a familiarizar aos máis pequenos co ritmo e a sonoridade da lingua, así como o fomento da memorización.