Amosando publicacións coa etiqueta amizade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta amizade. Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de maio de 2020

A que sabe a lúa?


A QUE SABE A LUA? | MICHAEL GREJNIEC | Comprar libro 9788484646259


Grejniec, Michael (2009). A que sabe a lúa?, ilust. do autor, trad. Carmen Barreiro, Pontevedra: Kalandraka, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-564-1).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Michael Grejniec, traducido ao galego por Carmen Barreiro. Na cuberta pódese ver unha lúa chea enorme con ollos e boca, debaixo dela, unha xirafa intentando tocala, enriba da lúa, o título do libro e da autora e embaixo o nome da editorial. O álbum é de tapa dura, o que o fai resistente ao uso. A súa lectura está recomendada para nenos e nenas de entre seis e oito anos.
A historia conta que había moito tempo que os animais andaban a investigar a que sabía a lúa, non sabían se era doce ou salgada, o único que querían era probar un anaco pequeno. Polas noites, miraban ansiosos para o ceo imaxinando como poderían probala. Estiraban o pescozo, as pernas e os brazos, tentando collela... Este foi precisamente o desexo dos animais deste conto. Tan só querían probar un anaquiño pero, por máis que se estiraban, non eran capaces de tocala. Un bo día, a tartaruga tivo unha idea fantástica: díxolle ao elefante que se subía encima do seu lombo igual poderían chegar onda a lúa, como non chegaban, chamaron á xirafa, pero seguían sen chegar, de maneira que chamaron pola cebra, polo león, polo raposo, polo mono e polo rato, que logrou arrincarlle un anaco e compartilo con todos seus compañeiros/as.
Dende o punto de vista da ilustración, as imaxes son a toda páxina e axudan a comprender a historia, ampliando o contido do texto. Emprega a estrutura acumulativa, xa que cada vez hai máis animais intentando chegar a lúa. O texto do libro está sobre un fondo branco, mentres que as imaxes están sobre un fondo negro. 

Potencialidades educativas: A lectura deste conto permítenos traballar contidos como a curiosidade, o afán por aprender, a solidariedade, o compañeirismo, a capacidade de compartir, o traballo en equipo, a amizade ou os soños. A estrutura acumulativa da narración propicia a memorización do relato, mentres que a disposición do texto e as imaxes favorecen o xogo de inferencia do lectorado infantil, ao adiantar visualmente as respostas ao texto. 

Recursos:
Taxi Roberto Burela (2018). A que sabe a lúa?. (Narración del cuento). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=f03MdJvFk8A&t=22s (consultado el 20/5/20)



xoves, 14 de maio de 2020

Leotolda


Leotolda

 Leotolda, de Olga de Dios - Pekeleke

DE DIOS, Olga (2016). Leotolda. España: Silonia (ISBN: 978-84-943134-9-3 )

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado no que se narra unha historia orixinal da autora e ilustradora Olga de Dios. Composto en cartoné, presenta na cuberta, que é de cor rosa clara, o título en maiúsculas e en cor azul. Este sitúase na parte superior. Debaixo do título, aparece un debuxo dos tres personaxes relevantes da obra: os amigos de Leotolda. Estes móstranse en diferentes cores rechamantes. O nome da autora aparece na parte inferior da cuberta de maneira centrada e na mesma cor que o título. Por outra banda, a contracuberta preséntase tamén con diferentes cores, nun fondo branco e amarelo aparecen diferentes palmeiras e plantas en cor rosa, verde e azul, na parte superior esquerda aparece un círculo amarelo imitando o sol e no centro un texto en cor azul cun resumo do conto. Na parte inferior e de maneira centrada aparece o nome da editorial, mentres no lado dereito aparece o sinal de CC (Creative Commons). No interior aparece a páxina de dereitos de cor azul e cunha dedicatoria da autora a todos e todas os nenos e nenas que debuxan, desexando que Leotolda lles axude a sacar a súa creatividade. As gardas iniciais teñen un fondo de cor branca e un texto breve en cor azul, algúns trazos e o debuxo de tres lapis desas cores: amarelo, azul e rosa. Na páxina dereita preséntanse os tres amigos de Leopolda, que se forman coas cores mencionadas anteriormente. Estes tres personaxes chámanse: Tuto, Catalina e Kasper. Na parte inferior dereita aparece a presentación co texto: “Nos falta lo más importante…”. As gardas finais usan a cor branca e puntos coas de cores como fondo, nelas tamén aparecen os amigos de Leotolda saltando e mirando cara a arriba, xa que por encima deles aparece un breve texto de agradecemento por axudar a encontrar a Leotolda. A portada e nela aparece o nome da protagonista, Leotolda, en letras maiúsculas e en cor branca, nun xogo de continuidade coa páxina precedente.
O libro componse de 42 páxinas de 22x25 cm. Están impresas en offset CMYK, tal como nos informa a autora na súa páxina web e na páxina de dereitos. Respecto ás ilustracións e o texto, podemos observar como as ilustracións levan todo o protagonismo ocupando ambas as páxinas, mentres que o texto simplemente desenvolve un papel de guía ocupando os laterais das páxinas ou nalgunhas ocasións o centro destas. Os debuxos, que son pouco realistas, aparecen sobre un fondo de cor branca ou sobre fondos escuros combinando tonalidades. Son sinxelos eimitan trazos realizados con acuarela. As diferentes cores que aparecen son resultado de mesturas. O texto emprega dúas cores diferentes: branco e azul. Este é de fácil comprensión e mestura a voz do narrador con diferentes diálogos dos personaxes. Recórrese ao xogo de tipografías para destacar palabras ou fragmentos, que aparecen en maiúsculas, como é no caso das onomatopeas. Nas esquinas dalgunhas páxinas aparecen pequenos fragmentos con posibles preguntas que se lles pode facer aos nenos e nenas durante a lectura do conto. Un exemplo disto é na páxina na que aparece a balea, xa que na súa barriga podemos observar diferentes obxectos debido ao lixo existente no mar. Na esquina da páxina pregúntase que fan aí todas esas cousas.
En canto ao argumento, os amigos de Leotolda van pasar a tarde á súa casa, pero non a encontran. Búscana por toda a casa, dentro do armario, nun parque de dinosauros, nunha praia de sereas, dentro dunha balea, sóbense a un faro e van ata o espazo, pero a pesar de buscar por diferentes sitios e de preguntarlle a distintos personaxes, non a encontran. Sen saber que facer, os personaxes pídenlle ao lector ou oínte que debuxe a Leotolda na seguinte páxina en branco, xa que durante o conto foron dando diferentes características da súa amiga: grande, redonda, alegre, sincera, de moitas cores e que canta mal.

Potencialidades: a lectura e narración desta obra permite desenvolver a creatividade e a imaxinación. A súa vez, as cores, os diferentes espazos mencionados e, en xeral, o tipo de ilustracións que se empregan durante toda a obra permiten distanciarse da realidade, favorecendo así a procura no mundo do imaxinario. Ademais dos xogos que a obra propicia, é de sinalar a temática da contaminación e o respecto pola natureza e os animais, fomentando unha visión crítica e propiciando unha actitude activa de defensa do medio natural.

Recursos: Páxina web da autora, en https://olgadedios.es/ (materiais, ilustracións e información sobre as súas obras) (consultada o 11/05/2020).

mércores, 13 de maio de 2020

Un agasallo diferente


Azcona, Marta de (2005). Un agasallo diferente, ilust. Rosa Osuna, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-527-6).

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Marta Azcona, con ilustracións de Rosa Osuna, no que as imaxes son necesarias para seguir o fío da historia. Na cuberta preséntase unha imaxe dos protagonistas, Marcel e Tristán, no que se pode observar o que será o comezo da historia: Marcel abrindo o agasallo que Tristán lle fixera polo seu aniversario. Na parte superior da cuberta atópase o título, en tipografía de cor negra. A cuberta incorpora formas xeométricas, ao igual que no resto do álbum. Na contracuberta pódese apreciar a imaxe do can de Marcel, presente ao longo de toda a historia, sentado enriba dunha rocha.

No interior do álbum a tipografía é sinxela e de cor negra, ademais de empregar o espazo dispoñible, adaptándose á colocación das imaxes. As ilustracións non son realistas e a ilustradora emprega gamas de cores apagadas como grises ou azuis, aínda que tamén emprega cores máis vivas, como o vermello ou o amarelo para crear contraste. Ao longo das páxinas pódese observar o emprego de formas xeométricas e abstractas nas ilustracións. A historia está contada a través de diálogos entre os dous protagonistas, aínda que a autora tamén recorre a un narrador en terceira persoa. En canto á arquitectura textual, ao longo do álbum a autora emprega repeticións; ademais, cando se lles presenta un problema ás personaxes, déixase en mans das ilustracións a interpretación da solución a ditos problemas. 


En canto ao contido do álbum, está protagonizado por Marcel e Tristán, dous amigos. No seu aniversario, Marcel recibe un agasallo do seu amigo Tristán, este agasallo é un anaco de tea sobrante dunhas cortinas e Marcel dille ao seu amigo que el preferiría unha buxaina. Despois, Marcel convida a Tristán a merendar e como non querían mancharse utilizan a tea como pano para limparse. A continuación, marchan dar un paseo e ao longo da súa camiñada, danse de conta da infinidade de usos que ten un anaco de tea: emprégano para taparse do sol, utilizárono como vela para cruzar o río ou para chegar voando de volta a súa casa. Ao final da historia, Marcel recoñécelle a Tristán que lle gusta máis ese agasallo que a buxaina que el quería.
Potencialidades: este álbum ilustrado ofrece moitas posibilidades para traballar en Educación Infantil. A lectura desta obra transmite valores como a amizade, a importancia de compartir e sobre todo, o poder da imaxinación e a creatividade, xa que os protagonistas conseguen darlle moitísimas funcións e utilidades a un anaco de tea. Ademais, trátanse temas como a humildade, a cooperación ou o agradecemento, valores que é moi importante tratalos dende a infancia.


Traducións a outros idiomas e premios: a versión orixinal deste álbum ilustrado está en castelán e publicouse no ano 2005. Ademais da tradución ao galego por Manuela Rodríguez Lorenzo, publicouse no ano 2008 unha tradución ao inglés por Esther Sarfatti Bacolas e no ano 2016, unha tradución ao catalán por Ignasi Centelles.

Recursos educativos
A historia contada por nenos e nenas de 4 anos do CEIP Plurilingüe de Covas, en Lugo: http://covastk.blogspot.com/2017/06/os-nenos-e-nenas-de-4-anos-contannos-un.html (consultado o 26/04/20)
Vivir entre versos (2016). Un regalo diferente (comentario sobre a obra): http://vivirentreversos.blogspot.com/2016/03/un-regalo-diferente_6.html (consultado o 26/04/20)
Un punto curioso (2014). Un regalo diferente (dramatización da obra): https://www.youtube.com/watch?v=_iR5Q938vOw (consultado o 26/04/20)

luns, 11 de maio de 2020

Por cuatro esquinitas de nada.


Ruillier, J. (2014). Por cuatro esquinitas de nada, trad. Elodie Bourgeois Bertin. Barcelona: Editorial Juventud. [a partir de 3 años], [32 pp.]. (ISBN: 978-84-261-3447-9).

Descrición do formato e contido: Por cuatro esquinitas de nada é un álbum ilustrado recomendado para nenos a partir de 3 anos. Este conto infantil ten unhas medidas de 21x21 cm, conta con 32 páxinas e está encadernado con tapa dura feita de cartoné. As páxinas son de papel resistente, o que fai que sexa adecuado para ser manipulado por pequenos/as. A cuberta na que predomina a cor verde preséntanos a dous dos protagonistas da historia, Cuadradito e un dos seus amigos Redondito, entrando na súa casa, a cal ten a porta redonda. Ademais, están acompañados do título da obra en grande nunha esquina, así como o nome do seu autor e a editorial á que pertence. Na contracuberta aparecen outra vez os mesmos tons de verde que na cuberta, pero esta vez aparece Cuadradito con outro dos seus amigos, o cal está a suxeitar unha serra coa que quere cortar a Cuadradito, que adianta o fío da historia. Ademais, tamén está presente o código de barras co seu respectivo ISBN e a páxina web da editorial.
No interior, os fondos non seguen un patrón concreto, en cada páxina o fondo é dunha cor distinta e o tipo de letra que se utiliza é sempre a mesma. Ademais, en todas as páxinas os textos son curtos e están acompañados dunhas ilustracións coloristas e sinxelas, moi expresivas. 
En canto á historia, trata sobre Cuadradito e os seus amigos Redonditos, os cales están a xogar no exterior, pero, cando chega a hora de ir á casa grande, todos pasan perfectamente, a excepción de Cuadradito, posto que a porta é redonda e iso pono moi triste porque non pode ir cos seus amigos. Estes, no interior pensan que poden facer para que Cuadradito poida pasar e deciden que lle cortarán as esquinas para facer unha forma redonda e sexa coma eles, pero Cuadradito di que non, que iso lle doería moito. Polo que despois de volver pensar durante moito tempo, danse conta de que quen ten que cambiar non é Cuadradito, senón a porta, á que lle recortan catro esquiniñas de nada e fan unha forma cadrada que permite o acceso a todos.

Potencialidades educativas: Con este conto pódense tratar gran variedade de temas moi importantes e interesantes na etapa de Educación Infantil. O primeiro é a integración social, xa que é moi importante que os alumnos e alumnas acepten e respecten a todos os seus compañeiros. O segundo é un aspecto matemático, ao abordar figuras xeométricas como o círculo e o cadrado. Outros aspectos tamén serían as cores, a aprendizaxe ou afianzamento dos números do 1 ao 4, a aceptación dun mesmo, o respecto á diversidade e a importancia da amizade.

Recursos educativos:
- Solís Sáez, M. G. (2018). Por cuatro esquinitas de nada. Juan Rafael Muñoz Muñoz (Canción do conto, acompañada de Mabel, unha intérprete para persoas sen audición). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=PeVSXnFVqrc (consultado o 29/04/2020)
- Montero, B. (2017). Por cuatro esquinitas de nada. Cuentos infantiles por la igualdad (Audioconto interpretado por). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=_aoF0RYp2lE (consultado o 29/04/2020)
- La jirafa diminuta (s.d.). Por cuatro esquinitas de nada (actividades relacionadas coa historia). Recuperado de: https://lajirafadiminuta.wordpress.com/2016/02/25/por-cuatro-esquinitas-de-nada/ (consultado o 29/04/2020)

sábado, 9 de maio de 2020

Sin ti




CÔTÉ, Geneviève (2011). Sin ti. Trad. R. Pérez. Barcelona: Editorial Almadraba, (ISBN: 978-84-15207-92-4).

Sin ti é un álbum ilustrado de Geneviève Côté e traducido por R. Pérez. Conta con tapa dura e dimensións de 22.5 x 25 cm e presenta unha cuberta de cor celeste. Na parte superior da mesma concéntrase o texto, indicando nel o título con letras de gran tamaño e en dúas cores, a palabra “Sin” en cor branca e “ti” en cor negra. Podemos ver que, no título, non só varía a cor, senón que tamén o fai o formato da letra, o que se debe, na miña opinión, a que a forma de escribir cada palabra reflicte a personalidade de cada un dos protagonistas. Debaixo do título está o nome da autora en cor negra e nunha tipoloxía de letra simple. O espazo sobrante está dedicado aos protagonistas da historia, un coelliño e un porquiño, que neste caso aparecen ilustrados nunha actitude de enfado, sentados no chan de costas un co outro e de brazos cruzados. Porén, as sombras que proxectan encóntranse cara a cara, reflectindo así o que estes dous personaxes desexan, que é volver xogar xuntos. Esta ilustración ocupa máis da metade do espazo da cuberta e parece debuxada con ceras e coloreada con acuarelas.
Na contracuberta, tamén de cor celeste, a metade superior da superficie é ocupada por outra ilustración. Neste caso aparecen os protagonistas xogando na herba, o porquiño enriba dun carriño e o coello tirando deste. Ambos aparecen sorrindo e pasándoo ben. Na metade inferior da contracuberta concéntrase un texto que se divide en dúas frases que aparecen na historia (“Ya no quiero jugar más contigo” e “¡Muy bien! A mí me da igual”) coma no caso da portada, cada unha destas frases aparece escrita cunha tipoloxía de letra diferente: a primeira, dita polo coelliño, está escrita cunha letra que se asemella á feita co ordenador e de cor branca e, a segunda, dita polo porquiño, parece feita a man e é de cor negra. Debaixo destas dúas frases atopamos un pequeno resumo da historia cunha letra branca e de pequeno tamaño. Por último, cara ao final da contraportada podemos ver o logo da editorial Almadraba e o código de barras do libro.
Xa no interior, tanto as gardas iniciais coma as finais seguen sendo de cor celeste e están cubertas de trazos brancos que parecen feitos cunha cera ou cun xiz. A páxina de dereitos achega información relevante como o ISBN ou o número do depósito legal, así como os datos da editorial. Ocupando unha parte da páxina temos unha dedicatoria da autora á que acompaña o debuxo dunha ra perseguindo unha bolboreta. A portada é de cor branca e outra vez conta co título e o nome da autora, escrito do mesmo xeito que na cuberta e, no centro da páxina, unha ilustración na que aparecen as personaxes tirando dun carriño cheo de xoguetes. Na parte inferior figura a imaxe que representa á editorial.
A disposición de cada dobre páxina é co texto que se relaciona con cada personaxe disposto na páxina onde aparece este, é dicir, no lado esquerdo amósase sempre ao coelliño branco e con el o seu texto, no lado dereito está o porquiño co outro fragmento de texto. As letras son de cor negra e cada frase aparece cunha tipoloxía diferente. Respecto ao fondo, sempre é de cor branca. As ilustracións, a toda páxina, debuxadas con cera negra e coloreadas con acuarelas ou témperas, representan o dito no texto e centran a importancia nas dúas personaxes, xa que a súa representación ocupa a maior parte do espazo. Na última páxina represéntanse aos dous no mesmo lado xogando xuntos.
Desde o punto de vista do argumento, este álbum ilustrado achégalle ao lectorado a historia de dous amigos, o porquiño e o coelliño, que debido á personalidade tan diferente que teñen, un día enfádanse e deciden non xogar xuntos nunca máis. Segundo avanza a historia, cada un vai comprendendo que, a pesar de que poden facer as mesmas cousas ca antes, é moito máis divertido facelo co seu amigo.
O texto está composto por diálogos e non conta con narrador. Aparece sempre en cor negra e situado na páxina onde se atopa a personaxe que fala. As personaxes son dúas:
·      Coelliño: fisicamente, o coelliño é de cor branca, con longas orellas nas que aparecen partes rosiñas. Na súa cara aparece un rubor ao redor das súas meixelas e o seu nariz. Respecto ao seu carácter, amosa ser tranquilo e gústalle ler e pintar.
·         Porquiño: respecto ao seu aspecto físico non podemos destacar ningún detalle fóra do común, xa que está representado coma un porco normal, de cor rosa co rabiño enroscado, pero da súa personalidade podemos dicir que é moi inquedo. Gústalle facer carreiras, tocar instrumentos de música e cociñar.

Potencialidades educativas: 
        A lectura deste álbum ilustrado dende a dimensión lúdica mostra a posibilidade de realizar actividades nas que xeralmente participa unha soa persoa pero que se poden adaptar para que participe máis dun e desta forma compartir o tempo cos nosos amigos, como pode ser ler, isto é algo que adoitamos facer sós, pero tamén podemos ler en alto para un amigo. Deste modo a lectura desta obra axúdanos a traballar temas como a amizade e a necesidade de axudar e compartir o noso tempo coas persoas que queremos. Dado que é un libro moi visual, propicia a súa comprensión a través da lectura visual das imaxes,
especialmente pola súa capacidade de suxestión e interpretación. Ademais, transmite valores como o respecto polos demais, así como polos seus gustos.

luns, 27 de abril de 2020

fox + chick: la fiesta y otras historias



Ruzzier, Sergio (2018). La Fiesta y otras historias, trad. Marta Tutone. Madrid: Liana Editorial, [56 pp.]. (ISBN: 978-84-949830-6-1).



Descrición do formato: cómic por Sergio Ruzzier, de formato rectangular e de dimensións 19,5 x 23,5 cm. É de tapa dura, resistente e fácil de manexar para nenos e nenas de 5-6 anos, aproximadamente. A cuberta componse de cores vivas e aparecen debuxados os dous protagonistas do cómic en primeiro plano, mentres que na parte inferior aparece o nome da editorial e na superior o título do libro. A contracuberta é menos atractiva e nela aparecen os protagonistas dentro dun círculo e un fondo laranxa, cun breve resumo do contido da obra, ademais do nome da editorial e o código de barras. Nas gardas do libro aparece un patrón de baldosas, as do principio limpas e as do final manchadas de comida.

Descrición do contido: a obra conta cunha sintaxe sinxela e ilustración moi clara, coa que se busca un contacto precoz coa estrutura dun cómic. Este libro desenvolve unha experiencia lectora na que se esixe a implicación e a atención do lector para a produción de sentido e ofrece dous niveis de lectura a través dunha historia cotiá de amizade e complicidade entre Fox e Chick, pero tamén unha lección de respecto de cada un polas diferenzas do outro. Conta as aventuras de Fox, un zorro sensato e relaxado, e Chick un poliño que é todo o contrario: impulsivo e inmaduro. Non existe ningunha voz narradora, senón que os que introducen o conflito e pechan a historia son os propios protagonistas, cos que os nenos e nenas se poden sentir identificados. En canto á arquitectura textual este cómic presenta cada unha das páxinas en forma de diálogo e, aínda que hai diálogos que poden calar moito máis nos lectores maduros, polo carácter humorístico, todos son comprensibles para os máis pequenos. Os campos semánticos nos que asenta a historia son os dos animais (toupas, zorros, ratos...) e o da comida (cenorias, cebolas...).

Potencialidades: a lectura deste cómic propicia abordar temáticas como a amizade, o respecto ás diferenzas de cada persoa e a empatía ou a resolución de conflitos, deixando a un lado a individualidade e pensando nos demais. Tamén nos ofrece a posibilidade de traballar con vocabulario de animais ou de alimentos e a lingua inglesa.

Recursos:
Colby S. (2018). Fox + Chick The Party and Other Stories. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=tLM8eSGAeZc (consultado o 26/4/20).


El peor cumpleaños de mi vida

Chaud, B. (2016). El peor cumpleaños de mi vida. Trad. Esther Rubio. Madrid: Kókinos [36 pp.]. (ISBN: 978-84-16126-67-5).

Descrición do formato e do contido: obra de tapa dura cunhas dimensións de 34 x 22 cm. Na cuberta podemos ver un neno triste subido a unha árbore xunto coa súa mascota, que é un coello; na contracuberta aparece o mesmo neno, agora menos triste cun regalo na man e ao lado do seu coello que está sentado nun sofá vermello, encima do cal atopamos unhas bandeirolas. Ambas as imaxes adiantan información sobre a historia do relato. As gardas inciden na temática da cuberta e contracuberta ao se presentaren cheas de bandeirolas de todos os colores. Na portada podemos ver ao neno xa plenamente feliz celebrando algo ao lado do seu coello, ademais do título da obra.

O contido que narra esta historia xira ao redor dun neno que tras sentirse só e avergoñado nunha festa, descobre o que realmente é a amizade. O protagonista vai á festa da súa “noiva” pero dende o momento que entra séntese cada vez máis avergoñado, entón decide saír da festa e subirse a unha árbore. A rapaza vendo como estaba o seu amigo, decidiu saír a onda el e darlle os ánimos que precisaba. Resulta de interese indicar que non se menciona o nome do neno, aínda que si se sabe que a súa “noiva” se chama Julia e o seu coello, Manoplas.

As imaxes do interior da obra son moi narrativas, polo que permiten seguir a historia de modo visual, complementada por un texto moi sinxelo.



Potencialidades: a lectura desta obra permite traballar a amizade e a vergoña, emoción que nalgúns casos pode representar un problema para a socialización dos máis novos.
Tamén se pode reflexionar sobre o consumismo e o valor que se lle dá aos obxectos materiais, fronte a outros valores como os afectivos. 
Nesta obra tamén se abordan outras cuestións como a autoaceptación, a asunción dos erros e a busca da felicidade.


mércores, 22 de abril de 2020

El monstruo de colores va al cole.

El monstruo de colores va al cole






Llenas Serra, Anna (2018). El monstruo de colores va al cole. Barcelona: Flamboyant, [44 pp.]. (ISBN: 978-84-9488-324-8).



Descrición do formato: álbum ilustrado de Anna Llenas con cubertas de cartón duro e tamaño de 25x25 cm. Na cuberta principal aparece o protagonista, o monstro de cores coa súa mochila vermella, nervioso ante o enfrontamento á súa nova aventura e unha amiguiña. O fondo de dita portada é de cor branca. O protagonista, como o resto das ilustracións ao longo do conto son de cores variadas e moi vistosas, rechamantes para a vista dos lectores. Realizados posiblemente coa intención de semellar a un debuxo infantil, xa que tanto o monstro de cores, coma unha amiguiña que se mostra na cuberta, teñen trazos de debuxo infantil. Ademais, tamén se pode observar o emprego de elementos que destacan algunhas palabras no título como o cartón pintado de termos como “cole”. Na parte superior aparece tamén o nome da autora. Na contracuberta, tamén de cor branca, aparece un pequeno resumo do contido da obra, acompañado dunha imaxe do monstro de cores no seu baño peiteándose e aseándose. As gardas están cheas de imaxes dos distintos monstros de cores en diversas situacións da vida cotiá. A portada é moi sinxela, ao amosar o título do conto en letra negra acompañado do nome da autora sobre un fondo branco de novo. No interior, as follas son grosas e resistentes. As ilustracións son de carácter figurativo, con contornos en lapis e estilo infantil. A disposición é a ocupar unha páxina e mostra moitas cores e moitos elementos rechamantes para calquera lector/a. En ocasións tamén son empregados elementos como recortes de xornal pintado ou cartóns.




O texto é moi breve e con xogos de tipografía para destacar palabras concretas e dirixir a atención cara a elementos semánticos de interese para o desenvolvemento do contido. A voz narrativa é unha terceira persoa e a linguaxe é moi sinxela e directa, o que favorece a comprensión dos máis pequenos/as.

Dende o punto de vista do contido, a historia está protagonizada polo monstro de cores, o cal se enfronta ao seu primeiro día de escola. Está nervioso posto que non sabe nin o que é. Pero pronto descobre que é un lugar onde lle esperan moitas aventuras e coñecer moitos novos amigos.


Potencialidades: a lectura desta obra trata principalmente o tema do medo ás experiencias novas, en concreto á escola, e da amizade. A medida que pasan as páxinas deste conto, imos descubrindo as rutinas e as vivencias que o noso monstro de cores vai presenciando. Tamén coñeceremos distintas dinámicas da escola e aos seus compañeiros de aula. A lectura da obra permite reflexionar sobre a importancia da escola e a parte positiva que ten a súa asistencia. Outra das temáticas destacadas neste conto son as distintas emocións que experimenta o noso protagonista, estados anímicos polos que pasa durante a súa nova experiencia que o lectorado debe identificar e aprender a xestionar. Tamén salienta no relato a importancia da conversa e a busca de acordos, así como o uso do vocabulario, especialmente no campo dos adxectivos.


Recursos de interese:

Aula de Elena (2018, setembro 25). El monstruo de colores va al cole- videocuento. [Arquivo de vídeo] https://www.youtube.com/watch?v=cP66Fyl3ej0 (consultado o 21/04/2020).

Cuentos para crecer (2017). El monstruo de colores. Actividades y materiales. https://cuentosparacrecer.org/blog/el-monstruo-de-colores-actividades-y-materiales/ (consultado o 21/04/2020).

domingo, 19 de abril de 2020

A cebra Camila





A cebra camila Idioma Gallego | KALANDRAKA | Libros EurekaKids


Núñez, Marisa (2004). A cebra Camila. ilus. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka. Editorial, col. Demademora , [33 pp.] . (ISBN: 978-84-8464-126-1).






Descrición do formato e do contido: Álbum ilustrado de Marisa Núñez e Óscar Villán, o cal presenta na cuberta a protagonista con todas as súas raias e os seus tirantes. Tamén aparece o nome da autora, do ilustrador e da editorial. Na gardas  pódense ver numerosas raias de diversos cores, que ocupan os dous lados das gardas. As cores dos fondos son predominantemente a verde e a marrón, mentres que Camila vai cambiando de cor a medida que avanza a historia. As cubertas son de cartón duro e as follas son fortes, de maneira que son resistentes ao uso e manipulación reiterada.
Dende o punto de vista do contido, nárrase como unha cebra chamada Camila, a cal a súa nai sempre lle aconsellaba que non saíse da casa sen tirantes e cueiros. Porén, un día decidiu non obedecer a súa nai e cando saíu ocorreulle o que ela lle advertira: perdeu as súas raias por culpa do vento. Asustada e chorando, regresou á casa, pero polo camiño foi atopando con diferentes animais que lle axudaron, cada un á súa maneira: unha serpe deulle un anel para poñer na pata; un caracol fíxolle unha listiña de prata; o arco da vella deulle un remendo azul; unha araña teceulle unha arañeira de tul; unha chicharra deulle unha corda do seu violín; e unha oca atoulle un amalló de botín. Ao chegar á casa, a nai tíñalle preparada unha sorpresa, que era a última raia que lle faltaba. Finalmente, conseguiu recuperar as sete raias que lle levara o vento grazas á axuda de todos os seus amigos.
Dende o punto de vista da ilustración, as imaxes son útiles para seguir o conto, xa que en cada páxina aparece un amigo diferente de Camila e cun remedio distinto para poñer no corpo. Ademais, tamén nos mostran como lle poñen eses remendos. Os espazos nos que se desenvolve a historia son sempre abertos e en contacto coa natureza.

Potencialidades: a lectura deste álbum fomenta exemplos do importante que é a cooperación, xa que grazas á unión dos amigos de Camila esta pode recuperar as súas raias, aínda que sexan diferentes ás que tiña. Ademais, é moi importante que os nenos/as saiban o que é traballar en equipo, xa que lles vai servir de axuda para o seu día a día. Outra temática que se pode abordar son aprendizaxes moi diversas, dende as de conceptos matemáticos, pasando polas cores, as diferentes especies de animais que axudan á cebra, os elementos que cada un lle regala ou o que é proceso de maduración, elemento central do relato, así como a importancia da familia e dos consellos dos adultos, que guían coa súa experiencia e coñecemento de posibles consecuencias que pode ter para a infancia condutas pouco adecuadas. 

Recursos:
Orientacións para a dramatización desta obra: Poveda Catasús, Olga. (2013). El rincón de la maestra. Recuperado de: http://olgacatasus.blogspot.com/2013/03/la-cebra-camila.html (consultado o 18/4/20).
Santiago Trabado, Belén (2018). La cebra Camila. Creciendo con libros y juegos. Recuperado de: http://creciendoconlibrosyjuegos.blogspot.com/2018/10/la-cebra-camila-cuentomuneco.html (consultado o 18/4/20). 

luns, 13 de abril de 2020

Velliñas


Pita, Charo (2009). Velliñas, ilust. Fátima Alonso, Pontevedra: OQO Editora, col. O, [48 pp.]. 
( ISBN: 978-84-9871-150-9).

Descrición do formato e contido:
A obra Velliñas é un álbum ilustrado de cartoné composto por 48 páxinas e dirixido ao lectorado infantil. O libro ten na súa cuberta unha ilustración das protagonistas, Antea e Filipa, mirando unha para cada lado e entreténdose unha cun libro e outra acariñando o seu gato. Enriba da imaxe aparece o título en letras grande e vermellas que chaman a atención, acompañado dos nomes das autoras debaixo. A contracuberta é un fondo en rosa pastel, que vai ser a gama de cores que se utilice en todo o álbum, e non hai ningunha ilustración relevante para a obra, aínda que crea unha unidade coa cuberta por presentar o mesmo cromatismo. As gardas está atravesadas por un camiño de fabas, moi relevante porque nos introduce como se vai iniciar o conflito que conta na obra. Na portada vólvense representar as figuras das protagonistas, pero desta vez reflectindo un acto de coidado e de amizade por parte de Antea cara a Filipa. Esta imaxe volve anticiparnos o que vai pasar no relato, xa que Antea, despois de equivocarse e non compartir ás fabas con Filipa, intenta arranxar a súa amizade coidando dela.



No interior do álbum as imaxes complementan os textos escritos e fan que o espectador manteña o interese mentres se conta a historia. Estas ilustracións caracterízanse polos seus trazos doces e sinuosos que fan espertar a imaxinación dos máis cativos. As autoras xogan cos tamaños das letras para poñer énfase nos diálogos das protagonistas e nas onomatopeas, de modo que se lle indique ao lectorado a énfase que se lle debe poñer á hora de ler o relato. Desde o punto de vista do contido, no álbum cóntase como Antea e Filipa son dúas velliñas humildes que viven xuntas. Todas as semanas comen sopa de auga, menos os domingos que lle botan un fideo para compartir entre as dúas. Un día Antea atopa unha faba e decide facer unha sopa para ela soa. A fabeira creceu dentro da casa e a protagonista puido chegar ata o ceo para alí descubrir un muíño que quitaba a fame. Antea baixou á casa para contarllo a Filipa. Cando as dúas subiron de novo Filipa caeu ao chan porque estaba moi débil e sen forzas, quedando esparexida en anacos polo chan. A súa compañeira baixa da árbore e tenta encaixar todas as partes do corpo de Filipa para que volva a vivir. Unha vez que o consegue, decide coidala e compartir a súa vida con ela para sempre.

Potencialidades educativas:
A historia das velliñas fainos reflexionar sobre a amizade, o coidado das persoas que apreciamos e a grande importancia de compartir. Trátase dunha versión actual do conto clásico As fabas máxicas, agora protagonizado por dúas mulleres de idade. Isto permítenos aprender que a literatura é unha constante reescritura e actualización de historias moi antigas. Con este relato tamén se pode facer unha reflexión sobre o poder da amizade, de valorar as persoas e de saber axudar cando se necesita. Ademais pode ser unha introdución a unha proposta de relacións interxeracionais, xa que Antea e Filipa son un exemplo de que non hai idade para deixar de xogar, descubrir novas cousas ou de ter afecto cara a outras persoas, sexan ou non do mesmo sexo. De feito, unha lectura posible é a de achegarse á obra como unha forma de tratamento das relacións homosexuais, neste caso encarnada polas dúas mulleres anciás, o que pon de relevo que o amor non entende de idades. A autora tamén nos fala do paso do tempo e do Carpe Diem cando se representa a Filipa florecendo cada primavera, coma se fora unha árbore milenaria, símbolo do propio renacer e capacidade de anovarse da literatura para os máis novos.

domingo, 12 de abril de 2020

El mar lo vio


Percival, Tom (2019). El mar lo vio, ilust. do autor, Andana Editorial, col. Locomotora, [32 pp.]. (ISBN 13: 978-84-17497-12-5).



Descrición do formato e contido: álbum ilustrado do autor Tom Percival. Na cuberta pódese ver unha praia, o mar de fondo e no medio os dous protagonistas da historia, Sofía e o seu osiño de peluche. Na contracuberta do libro temos a continuación da praia e do mar. Predominan as cores azuis e vermellas. Nas gardas iniciais e finais temos un mar debuxado co respectivo ceo azul. Na portada temos unha paisaxe de importancia na obra e o título escrito no ceo.
O álbum ten ilustracións que, nuns casos, son a toda a páxina e noutros aparecen enmarcadas nun fondo branco cos debuxos no medio, ademais de acompañarse con texto breve. As imaxes contan e permiten seguir a historia contada por un narrador. É importante destacar a delicadeza empregada nas ilustracións do autor, as cales están inspiradas en máis de 50 obras do Rijksmuseum de Amsterdam. Outro detalle curioso é a aparición dun fío vermello que aparece en toda a obra, o cal ten un forte simbolismo.
A historia trata sobre unha nena chamada Sofía que ten un osiño de peluche que pertenceu ao se avó e posteriormente á súa nai, unha figura de apego que ten un forte valor sentimental, pois Sofía perdeu a súa nai. Un día vai á praia co seu pai e perde o seu osiño de peluche. O mar mírao só na praia e decide devolverllo á súa dona, aínda que non sabe quen é. Así comeza a aventura do osiño, o cal movido polo mar, conseguirá regresar con Sofía aínda que sexa despois de moito tempo.

Potencialidades: a obra trata temas variados como son o mar, a familia, a morte e o apego entre outros. Entre estas temáticas destaca o tema da figura de apego que case todos os nenos e nenas teñen na infancia. Neste caso ademais, a historia permite ir máis aló, xa que a separación de Sofía co oso supón un duelo que fai referencia a perda da súa nai. Mediante esta poderemos transmitir a mensaxe aos máis cativos de que só morre quen é esquecido, pois se o recordamos xamais nos deixará, dalgunha maneira sempre estará con nos. Por outra banda está o mar, aparentemente indiferente ao sucedido, é o que consegue volver xuntar os dous protagonistas. Esta personificación do mar, aterrador pola súa inmensidade, admirado pola súa beleza, pero sobre todo fundamental para a sobrevivencia da vida no planeta e como ecosistema.

mércores, 8 de abril de 2020

A viaxe de Olaf


León, M, (2011), A viaxe de Olaf. Trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [ 44 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-769-0).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura con dimensións de 22x22, do autor e ilustrador Martín León Barreto e traducido por Manuela Rodríguez. A cuberta, moi colorida, amosa a cara dun home en primeiro plano, á súa dereita, sobre o que parece a terra, podemos ver un peixe coa cola do revés, un cabalo ao que se lle pode ver un anaco dunha á, un tigre dos cores do arco da vella e a trompa dun elefante, aínda que a maior parte do seu corpo é tapado polo home. Na contra cuberta, tamén con cores vistosos, seguimos vendo parte da súa cabeza, un paxaro subido ao que parece o pescozo dunha xirafa, á que tamén está agarrado un mono, un león e o sol. Ademais, podemos distinguir nun plano afastado unha casa moi alta con cheminea. As gardas, ámbalas dúas de cor azul escuro, son o planeta de Olaf durante a noite: na do inicio do conto vemos a un lucecú subido a unha escaleira; na final, está a mesma casa que podemos ver na cuberta aínda que nesta ocasión a cheminea está botando fume.
Este conto relata a historia de Olaf, un home que vivía nun planeta moi pequeno e nunha casa moi grande, que un día como estaba moi aburrido, saíu a camiñar. Neste paseo que dura todo o día atópase con diferentes animais: un peixe coa cola do revés, un cabalo alado, un tigre arco da vella, un elefante elegante e un paxaro que sabía falar. E todos eles acompañan a Olaf no seu recorrido. Ao final do día, cando xa está escuro, encóntranse cun lucecú, ao que lle pediron que lles guiase na escuridade ata o amencer. Ao rematar o paseo, todos os animais foron cara á casa de Olaf, pero cando chegan, danse conta de que era moi pequena para todos eles.
O álbum presenta imaxes de toda a páxina, nas que podemos observar un forte contraste entre as cores utilizadas nos personaxes e as dos fondos. As ilustracións caracterízanse por estar formadas maioritariamente por figuras xeométricas e, dependendo da cor do fondo da imaxe, o texto é branco ou gris. As letras teñen diferente tamaño e son máis grandes en palabras nas que se quere enfatizar. É un texto no que podemos ver un diálogo entre Olaf e os animais e ademais estas partes son rimadas.

Potencialidades educativas: a través desta historia, como futuras docentes, poderemos traballar cos nosos nenos e nenas valores tan importantes como son a amizade e a xenerosidade. Todos os animais que aparecen neste conto teñen cualidades que os diferencian dos demais, pero que lles fan únicos. Aínda así, todos fanse amigos e acompañan a Olaf na súa viaxe polo seu planeta. Ningún dos protagonistas é rexeitado polo seu aspecto físico e a súa forma de ser e iso é una mostra de xenerosidade pola parte dos outros personaxes. Reflexionar e traballar cos nenos e nenas mais pequenos sobre a importancia da amizade supón sentar as bases das futuras relacións amistosas, e este libro é moi útil para alcanzar este propósito.


luns, 6 de abril de 2020

Cerca


Colombo, N. (2008). Cerca. Pontevedra: Kalandraka [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-677-8).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións 20x20 cm. Na cuberta preséntase aos protagonistas do libro, un coello e un pato, unha fronte á outra nun fondo vermello. Nacontracuberta podemos observar dous paraugas xuntos. No seu interior atopamos os mesmos protagonistas nun fondo cuadriculado. As ilustracións teñen moita cor e corresponde coa realidade. O texto está composto por frases breves e sinxelas, algunhas páxinas non teñen texto, unicamente ilustracións.
O álbum cóntanos a historia dun pato e un coello que viven moi preto un do outro. Ambos transitaban as mesmas rúas e cruzábanse todos os días, pero nunca se falaban nin se saudaban.


Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permítenos traballar temáticas como a amizade e o valor da afectividade. O conto é moi interesante para traballar na aula de infantil xa que podemos ensinar que os amigos son persoas importantes e que sempre nos axudan, que hai que coidalos. Esta obra permítenos reflexionar sobre o individualismo, a falta de empatía nas sociedades urbanas e a soidade. Coñecer historias como a de pato e coello permite analizar a realidade do mundo que nos rodea e valorar a diversidade.

Recursos educativos:
Conto en youtube: https://www.youtube.com/watch?v=oldzXZeee0k&t=7s