Amosando publicacións coa etiqueta memorización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta memorización. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de abril de 2020

Ernestina la gallina


REYES, Yolanda (2010). Ernestina la gallina, ilust. Aitana Carrasco. Ciudad de México: Editorial Océano Travesía, (a partir de 3 anos), [24 pp.]. (ISBN: 978-607-400-264-5).

Descrición do formato: álbum ilustrado poético escrito en castelán cuxa primeira edición é de 2010. Está encadernado en cartoné con dimensións 19 x 19 cm. O formato presenta unha cuberta cunha galiña no centro sobre un fondo de tonalidades verdes. Por enriba da galiña atópase o título da obra dentro dun óvalo de ton clara coma os bordes do álbum; ao lado dereito aparece un polo amarelo e ao lado esquerdo un rato gris; por debaixo aparece media cara dun home e os seu brazos sinalando ao polo e ao rato. Na contracuberta, tamén sobre un fondo de tonalidades verdes, aparece o rato gris e un gran de arroz durmindo abrazados nunha cama e o código de barras co ISBN.

Este álbum non contén gardas polo que nada máis abrilo atopamos a páxina de dereitos e a portada co título da obra e a galiña enriba dun gorro de cociña.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda a historia dunha galiña que puxo un ovo na cociña, un rato mordeu a casca do ovo do cal saíu un polo redondo coma un repolo; o repolo tiña unha flor e tres grans de arroz. Posteriormente coméronse o repolo, a casca do ovo e un gran de arroz e quedou o rato escondido na cociña. No relacionado coa lingua que se presenta, todo o texto é de carácter poético, cada oración está formada por dous pareados, como por exemplo: “Del cascarón saltó un pollo,/ redondo como un repollo”. Os campos semánticos que se atopan no texto son os animais (galiña, rato e polo) e os alimentos (ovo, repolo e arroz).

As ilustracións: a estrutura que segue o álbum non é sempre a mesma; a colocación do texto varía de forma continua, hai páxinas nas que o texto aparece na páxina impar, noutras na páxina par e noutras en ambas as páxinas. Ás ilustracións ocórrelle o mesmo, non seguen a mesma estrutura; hai páxinas que abordan unha mesma ilustración e hai páxinas que a ilustración da páxina impar é diferente da páxina par.


Potencialidades: ao traballar con álbums ilustrados que presenten musicalidade é positivo para o desenvolvemento dos nenos e nenas dende idades moi temperás. Este álbum ilustrado, cunha linguaxe sinxela, é un bo instrumento para traballar a musicalidade e o ritmo; por un lado, pódese contar con diferentes ritmos e así traballar a lentitude e a velocidade. Por outro lado, ao estar formado por rimas, achega aos nenos e nenas aos poemas, versos e a un emprego da lingua moi motivador para o desenvolvemento da conciencia fonolóxica. Outro aspecto interesante é a posibilidade de empregalo para iniciar ao alumnado na memorización grazas a súa rima fácil, traballando este aspecto pódese traballar tamén a imitación e recitar de forma teatral a historia do álbum ilustrado.

Recursos:

Angy Porras González (2014). ¡Apégate! a leer - Lectura en voz alta del cuento Ernestina la Gallina de Yolanda Reyes. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=2Tv1I6ckOTI (consultado o 20/04/2020).

El maravilloso mundo de de los cuentos (2018). Ernestina la gallina. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=eO1rUTzvlKI (consultado o 20/04/2020).

Laura Escuela. Ernestina la gallina. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=T1umB52ATD8 (consultado o 20/04/2020).

luns, 13 de abril de 2020

Polo camiño


Ruiz, M. (2017). Polo camiño. Pontevedra: Kalandraka , [ 26 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-296-1)

Descrición do formato da obra e contido: álbum ilustrado en cartoné da autora Mariana Ruíz Johnson que é un numerario para aprender os primeiros números. A cuberta amosa unha imaxe dunha balea negra cun gorro de festa e o título escrito con diferentes cores no seu interior, o fondo é amarelo con plantas de diferentes formas e tamaños. Na contracuberta obsérvase un fondo morado cunha frase de agradecemento en branco e a información sobre o conto xunto con outras plantas diferentes. 

O contido asenta na forma de poemario de marcado carácter narrativo e reiterativo, con versos octosílabos que van marcando unha progresión numérica. Está protagonizado por diferentes familias de animais que van a unha festa organizada pola balea xa que cumpre 10 anos, e na que cada animal leva os seus fillos e algo de comida. O álbum presenta imaxes a toda páxina, cos versos de cada estrofa inseridos nas imaxes, ademais de xogar tamén cos cromatismos das letras, que recorren ao lettering. Cada unha das estrofas comeza co mesmo verso: “Andando polo camiño”, motivo presente xa no título á obra. 
As imaxes son moi coloristas e permítennos seguir a historia dunha maneira moi visual, ao permitir concretizar en obxectos o número ao que se refire cada estrofa, caso das personaxes que aparecen. O texto sempre se atopa nunha esquina cunha letra dun tamaño pequeno para centrar a atención nas imaxes. 
As cores que predominan no libro son en todo momento rechamantes, luminosas e moi animadas, acentuando o sentimento de alegría. 

Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula a poesía, especialemnte polo marcado ritmo e as repeticións. A través desta lectura ensinarémoslle a nenos e nenas os números e aprender a contar dunha forma moi divertida e dinámica, propiciando un primeiro contacto coa numeración. Isto poderase facer de maneira táctil, empregando as mans para contar os animais que aparecen en cada páxina ou de maneira verbal repetindo os números en función dos personaxes que aparezan. Con obras coma esta pódese tamén traballar a memorización a través da musicalidade do texto e a reiteración. Ademais, fomenta a creatividade para poder crear una melodía coa que cantar o conto. 

Recursos educativos: 
Versión cantada por Sonia Hermida:  https://www.youtube.com/watch?v=rXhSukIBYf8
Versión cantada por Cristina Martín Sanz en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=m4K0m2diN9E

sábado, 29 de abril de 2017

Animais da granxa


Baía Edicións (2011), Animais da granxa, ilust. Madeddu. Estelle, A Coruña: Baía Edicións, (de 1 a 3 anos), [8 pp.] (ISBN: 978-84-92630-96-7)


Breve descrición do formato e contido da obra: libro interactivo en galego,  que se caracteriza polo seu volume de formato mediano e cadrado, cantos redondeados e as súas paxinas de cartón e cuberta e contracuberta do mesmo material. Este é un libro no que a ilustración ocupa case a totalidade das súas páxinas, sendo estas moi realistas, pois os animais da granxa que se nos amosan, son como os que atoparíamos na realidade. En canto o texto, é moi breve e ocupa un lugar característico na maioría das páxinas, en concreto nas pares, nel faise uso da rima e garda correlación con cada imaxe, é dicir, con cada animal. Ademais, os sons de cada un dos animais están escritos en maiúsculas e nunha letra maior ao resto do texto.  Tamén, podemos engadir, que en cada páxina impar, atopamos un anaco redondeado cunha textura asociada a cada animal do libro, e a súa vez, nestas mesmas, indícaselle aos nenos que preman, para escoitar os sons, un dos botóns que se atopan a súa dereita, e que xa teñen enriba a súa imaxe correspondente. Polo que igualmente, podemos denominar este libro, como libro xoguete. Por último, cabe destacar, que a cada animal fóiselle adxudicando unha cor, como por exemplo, ao porco, a cor verde; a galiña e o galo, a amarela.


Potencialidades: este libro interactivo a simple vista parece moi sinxelo, pero nel podemos descubrir unha gran variedade de potencialidades. Algunhas das que podemos atopar nunha primeira ollada son que, ademais de coñecer os animais máis característicos da granxa, os máis pequenos desenvolven o sentido do tacto e do oído, a vez que asocian cada animal co seu son e a súa textura. Xunto con todo isto, ao empregar a rima, facilita traballar a memoria e incluso, que os oíntes participen na súa lectura ou recitado, debido o doado que resulta memorizalo. Xa para rematar, tamén poden aprender as cores básicas, coas páxinas coloreadas sobre as que aparece cada animal. En resumidas contas, tratase dun libro co que a nenez ademais de aprender, divírtese e xoga. 



venres, 28 de abril de 2017

POLO CAMIÑO

Ruíz, Mariana (2017), Polo camiño, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka Editora, (pre-lectores e primeiros lectores), [26pp.] (ISBN: 978-84-8464-297-8).



Breve descrición do formato e contido da obra: Estamos a falar dun álbum ilustrado escrito en verso con rimas. É de cartón, encadernado en cartoné, presenta un formato cadrado de 19x19 cm., os cantos son redondeados e non é moi voluminoso.

A cuberta está formada por unha gran balea de cor negra moi sorrinte cun sombreiro festivo, o que nos da unha pista do que atoparemos no interior. Sobre o animal atópase o nome da autora e ilustradora e o nome do álbum-poema no que cada letra é dunha cor diferente. Todo isto, sobre un fondo amarelo. En cuanto á contraportada, é de cor morada e nela vese plasmada unha dedicatoria da autora e os datos do álbum. No interior da obra resaltan as cores rechamantes e vivas. As ilustracións son a toda páxina, é dicir, a primeira ten continuidade na segunda, a terceira na cuarta e así sucesivamente ata chegar ao final. Nas ilustracións predomina a expresividade dos animais e o dinamismo. O texto atópase tanto nas páxinas pares coma nas impares, indistintamente. Iso si, sempre en cor negra ou branca para que resalte nos fondos.

A obra está protagonizada por distintos animais (elefantes, monos, osos, ratiños, leóns,  poliños, tenreiras, gatiños, raposos, e bechiños) que teñen algo en común, todos eles e elas se dirixen ao mesmo lugar, á festa do décimo aniversario da balea. Ademais, todas e todos levan algún alimento para comer nesta festa. Os animais camiñan bailando ao ritmo dos versos octosílabos, marcando unha progresión numérica do 1 ao 10. Mamá elefanta vai coa súa elefantiña. Mamá mona cos seus DOUS macacos. Mamá osa cos seus TRES osos. E así sucesivamente ata chegar a 10. Unha vez rematada a festa, regresan aos seus fogares para descansar.


Potencialidades: Paréceme unha obra idónea para traballar diversos aspectos:

O primeiro deles é a poesía. A autora, coa súa composición, quixo acercar, aos máis pequenos/as, ó ritmo e á musicalidade. Esta obra esperta a curiosidade pola poesía. Tamén pode cantarse en lugar de lerse xa que ao rimar é moito máis sinxelo cantalo.


No álbum Polo camiño trabállanse os números. Coa progresión que se vai facendo no álbum, as nenas e nenos entrarán en contacto cos números do 1 ao 10. Ademais farano dunha forma lúdica xa que, ao ser poesía, todos os números van rimando. Ademais, aparece o número escrito en letras maiúsculas e a representación do número en animais polo que lles resultará máis sinxelo asocialos.

Outro tema a tratar son os animais e a familia. Ao longo da obra aparecen once especies diferentes e identifícanse con moitísima facilidade. De este xeito as nenas e nenos afianzarán coñecementos de animais que xa posuían e construirán outros que descoñecían.

A obra de Mariana Ruíz Johnson tamén contribúe ó coñecemento de distintos alimentos, neste caso todos asociados aos animais que os levan cara á festa. Así, os elefantes levan cacahuetes, as tenreiras herba, os poliños millo, os osos mel... As pequenas e pequenos realizarán asociacións entre os alimentos e os animais que os portan mergullándose un pouco máis nas características de cada un deles.

Por outro lado, poderíase traballar, tamén, cos rapaces e rapazas, o tema das emocións, xa que na obra todos os animais teñen unha expresión e non todos teñen a mesma. Poderían analizar como van facendo o camiño cada un deles e despois falar das diferentes emocións que existen.

Tamén se traballa o valor da amizade, xa que tódolos animaliños recorren o camiño para pasar o día coa súa amiga balea que está de aniversario.

Por último, esta obra favorece á memorización, xa que ó longo da historia vanse mencionando distintos animais que ao final aparecen todos xuntos na festa. As nenas e nenos quererán comprobar se están todos ou falta algún e para iso terán que lembrar todos os que eran.

xoves, 27 de abril de 2017

Xogos Infantís

Xogos infantís (1997), ilust. Maria Fe Quesada, Galicia: Ediciones Everest , col. Montaña encantada, [47 pp] . (ISBN: 84-403-0372-6).
Breve descrición do formato e contido da obra : álbum ilustrado poético que engloba o folclore popular. Recolle un amplo repertorio de ditos, xogos populares, refráns, cancións para xogar a corda ou pita cega, de botar sortes ou pandas, o conto de San Perillán. Os textos son breves, rimados e con ritmo para poder ser cantados,  neles utilízanse recursos que facilitan a memorización para así ser recordados con facilidade, como o son a repetición,  enumeración e a acumulación de elementos.

Permite aos máis cativos gozar dunha escoita ou lectura entretida, ademais de ofrecerlle diferentes opcións para xogar, pasar o seu tempo de lecer o na escola, revivindo desta maneira a literatura tradicional. 
As ilustracións xogan un papel importante na obra para o recoñecemento do xogo, a dobre páxina expresan e representan o texto. É dicir, dan diversos datos da dinámica do xogo e invitan ao lector ou lectora a imitación. O recurso técnico que se utiliza nelas de esaxerar as expresións faciais fainas máis divertidas, dándolle ao libro bo humor e retranca, algo tan propio da tradición oral, sobre todo galega.

Potencialidades: “xogos infantís” sáese do libro clásico para a infancia e paréceme innovador. Pese a ser un libro para nenos de mais de sete anos considero que en educación infantil tamén se podería traballar con el, xa que supón un contacto inicial da infancia coa poesía lírica, ao mesmo tempo que contribúe a súa socialización e ao seu proceso de crecemento e aprendizaxe.
 A tradición oral , algo tan propio de Galicia, un legado que vai de xeración en xeración e que ensinou a tantas persoas, riqueza cultural e educativa que debe seguir presente nas aulas. Para os máis pequenos resulta divertido e estimulante que un conto sirva para cantar e xogar. Podería ser un recurso utilizado para actividades de desenvolvemento motor, porque neles está presente a expresión corporal e o ritmo. Ademais do coñecemento e a conciencia do corpo, foméntanse as relacións persoais entre iguais o que propicia un bo clima de aula e que o alumnado este a gusto e motivado para aprender. Outro aspecto salientable das cancións populares ou xogos acompañados por cancións é a utilización dos recursos expresivos de enumeración, acumulación de elementos, rima, repetición e recursos poéticos cos que se describe, isto mellora a adquisición de moitos conceptos de vocabulario e facilita o aprendizaxe dos números, estimulándose así  a memoria e a linguaxe.
Tendo en conta que nesta etapa linguaxe e xogo están relacionados, visualizar e descubrir diferentes maneiras de xogar fai que o alumnado sexa partícipe do seu aprendizaxe é por tanto, máis activo .

martes, 25 de abril de 2017

CANTIGA DO MAZARICO

Pita, Emilio (2010), Cantiga do mazarico, ilust. Isabel Pintado, A Coruña: Espiral Maior, col. Lúa Lueira, Poesía para nenos e nenas, ( +5 anos), [28 pp.] (ISBN:978-84-92646-55-5).

Breve descripción do formato e contido da obra: Álbum que ilustra o poema "Cantigas do mazarico" de Emilio Pita. É un libro cadrado de pequeno formato. A cuberta é de cor azul escura e sobre ela debuxase una lúa e un paxariño, un mazarico. A ilustración que sae na cuberta é a mesma que a ilustración dunha das follas do interior do volume. Na dereita da cuberta aparece o título do libro: Cantiga de mazarico, e xusto debaixo o nome do autor: Emilio Pita, e da ilustradora: Isabel Pintado. Na parte central e inferior, o nome da colección; Lúa Luneira. Poesía para nenos e nenas, e debaixo o nome da editorial: Espiral Maior.
As gardas do libro están decoradas coas ilustracións do interior, pero aquí atópanse dentro de cadrados brancos pequenos.
Tras a portada, na primeira folla, aparece debuxado un mazarico, e na páxina que lle segue, atopamos o poema Cantiga do mazarico enteiro. No resto das páxinas do libro tamén aparece escrito o mesmo poema, pero este dividido en dous ou tres versos en cada folla. Xunto co texto, todas as páxinas están ilustradas co mazarico protagonista en diferentes situacións.
A gama de cores que se utiliza en todo o libro son maioritariamente cálidas e suaves.




Potencialidades: Este libro pode ser un dos primeiros libros que achegue a poesia ós nenos cativos. É unha poesía sinxela que contribúe á memorización, xa que nun primeiro momento, ó comezo, móstrase a cantiga enteira, e para reforzar a súa memorización, nas follas seguintes, repitese, pero dividido en versos, para que resulte máis doado. 
Ademáis, tamén xoga un papel moi importante para conseguir a memorización, a repetición da mesma estructura e o emprego de rima ó longo da cantiga.
Outra potencialidade a destacar, é o coñecemento de novo vocabulario relacionado coas aves.

Os nenos non soen traballar dende cativos un xénero tan importante como é a poesía. Por iso Cantiga do Mazarico, entre outros, pode ser un bo recurso para súa iniciación. Non só é un poema para ler, tamén é un bo poema para cantar, polo que pode resultar máis ameno e entretido para os nenos o traballo con este tipo de poesía.