Amosando publicacións coa etiqueta bilingüe.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bilingüe.. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de febreiro de 2017

No colo de mamá


Evans, April T. (2006), No colo de mamá, ilust. Michelle López, trad. Manuel Ramos, Ourense: Ediciones Linteo, [34 pp.]  (ISBN: 978-84-96067-79-0).



Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de formato cadrado e tamaño medio e moi atractivo a primeira vista. O primeiro detalle que nos vai atraer del é o debuxo da cuberta, onde podemos observar sobre un fondo cheo de cores intensas a unha muller cun neno. O sorriso destas dúas personaxes que nos van presentar esta pequena historia, xa nos anticipa o tema central da mesma: o amor da familia. Por outra banda, na cuberta imos atopar un breve resumo acerca da colección á que pertence este álbum, que ademais ten a característica de que se trata dunha colección bilingüe, pois o texto que vai acompañar no interior ás imaxes, misturará neste caso, lingua galega e lingua inglesa.


Xa inmersos no interior desta fermosa obra, as primeiras páxinas amósannos unha chea de ilustracións rebosantes de estrelas, arcos da vella ... onde a cor amarela, a verde, a laranxa e o azul intenso nos van ir adentrando nun máxico mundo, onde a imaxinación e as cores cobran un dobre sentido, co que a autora pretende xogar de principio a fin. A medida que nos imos adentrando no nó do relato, podemos observar de modo completo unha representación da relación que o noso pequeno protagonista, que non ten un nome (pois vainos permitir personalizalo a cada caso, cada vez que llo leamos a unha nena ou un neno distinto) expresa como se sente cando se atopa no colo da súa nai, ou ben do seu pai, da súa avóa e do seu avó, sempre facendo comparacións con diferentes axentes presentes na natureza. A presenza de pouco texto acompañando a cada unha das ilustracións, delimitando os que se atopan no lado esquerdo sempre en galego e os da dereita sempre en inglés, aporta certa musicalidade á hora da súa lectura, sexa quen sexa o narrador.    



Potencialidades: o tema das emocións é hoxe un dos que máis importancia ten dentro de etapa da Educación Infantil. Supón o eixo central no desenvolvemento da personalidade e das relacións interpersoais de calquera nena ou neno. A familia é ese primeiro axente socializador que teñen como referencia para abrirse cara ó mundo exterior, así como para entendelo. A través deste relato, podemos traballar nalgún caso que se nos poida presentar a carencia de afecto que tan a miúdo apreciamos nalgúns cativos/as dentro das nosas aulas ou na nosa contorna de maneira xeral. Outra das potencialidades que presenta este álbum é a identificación co medio natural como axente identificador dos sentimentos. O nexo entre sensibilidade e natureza fainos achegar dun xeito novo á necesidade de sentirnos parte daquilo que nos rodea e que nos fai sentir ben.

Familia, amor, terra, medio ... son conceptos que a diario tanto nós coma os nosos nenos e nenas sentimos e precisamos ter nas nosas vidas. A palabra COLO, tan nosa e tan presente durante cada unha das partes deste fermoso relato, esíxenos como non  pode ser doutra maneira, lerlle ós cativos e cativas dun xeito amoroso cada frase e parágrafo que integra esta marabillosa obra. 


"Velaquí o meu compañeiro de relato máis recente, o meu pequeno Marcos,
 que tamén traballou confeccionando a súa propia cuberta, 
e como non ... no colo de mamá".