Amosando publicacións coa etiqueta interxeracionalidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta interxeracionalidade. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de maio de 2020

Margarito



GIL, Carmen (2017). Margarito. Ilust. Silvia Álvarez. Madrid: Cuento de luz. [ 32pp.]. (ISBN: 978-84-16733-31-6).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado con texto de Carmen Gil e ilustracións de Silvia Álvarez. A cuberta e a contracuberta son de cartoné. Na primeira aparece un burro castaño preto dunhas flores, que son margaritas, e enriba del unha póla dunha arbore de cor azul escuro. Na contracuberta aparecen ramas de diferentes plantas e o fondo é de cor gris e verde claro. A cuberta e a contracuberta son complementarias. As gardas teñen debuxado un campo verde e vermello cunhas margaridas brancas e o ceo ten cor rosa, amarelo e azul clariño. As imaxes do interior son a toda páxina, de cores vivas e rechamantes e crean sensación de profundidade. 





Desde o punto de vista do contido, neste conto preséntase a historia dun burro chamado Margarito moi popular na granxa onde vivía, aínda que cos anos ía perdendo axilidade, fortaleza e ouvido. Un día chegou Flamante, un fermoso poldro cheo de xuventude e enerxía, que se converte no seu rival. Hai un narrador en terceira persoa que vai contando a historia e que dá paso nalgúns momentos ao diálogo entre os diferentes personaxes da historia.
Esta obra conta con edición en inglés e recibiu Medalla de Oro en Estados Unidos en 2017 Moonbeam Children's Book Awards
Potencialidades: a lectura de este conto permítenos traballar co paso do tempo, as diferentes etapas da vida, dende a nenez á vellez, valorar a experiencia e a sabedoría que nos aporta o paso do tempo, á vez que nos permite desenvolver a atención sobre as persoas maiores que nos rodean, promovendo as o respecto e as relacións interxeracionais. 

domingo, 12 de abril de 2020

A avoa adormecida


Parmeggiani, Roberto (2015). A avoa adormecida, ilustr. João Vaz de Carvalho, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-914-4).
Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Roberto Parmeggiani e João Vaz de Carvalho, é de formato rectangular (28x19 cm). A súa cuberta presenta a ilustración dunha señora maior con pelo branco que se atopa durmindo cun gran sorriso nos beizos, no seu cabelo aparece escrito o título da obra en letras claras e grandes. Por outra banda, a contracuberta amósanos a imaxe da mesma señora acompañada dun señor con bigote e sombreiro, aparentemente da mesma idade, ambos están en tamaño pequeno rodeados dun círculo, conformando deste xeito, o seu retrato. Tanto a cuberta coma a contracuberta están feitas de cartoné e as súas ilustracións son moi características, xa que semellan ser debuxadas con lapis e están coloreadas con tons neutros. As gardas están debuxadas co mesmo tipo de ilustración, a dobre páxina e amosando diferentes cometas en tons castaños. Xa na portada, atopamos o título escrito a menor tamaño, pero coa mesma caligrafía do comezo, acompañado dunha ilustración de tamaño medio dunha casa botando fume pola cheminea.
No interior pódense ver imaxes a dobre páxina, co texto situado só nunha delas e cunha disposición que lembra á dun poema. A letra non é excesivamente grande. As ilustracións complementan o texto, son sinxelas e dunha grande expresividade. A característica máis significativa é que todas as figuras recordan os garabatos dun neno, ata podemos apreciar uns trazos moi finos como se fosen debuxadas con lapis, procurando o volume mediante o sombreado de liñas. Ademais, só atopamos cores terra e pequenas pinceladas de azul escuro, cuxa textura semella a dunha cera. Incluso a maioría das figuras non chegan a estar coloreadas á perfección, deixando así espazos baleiros que lle aportan máis realismo.
Dende o punto de vista do contido trata o proceso de vellez e morte da avoa dun neno, que é narrado por el mesmo, mostrando sempre o seu punto de vista. Deste xeito, a obra remata de forma relativamente pechada, coa visión que ten dela nun futuro. No fin, podemos observar unha ilustración moi representativa a dobre páxina que mostra o neno no interior do seu fogar ollando a través da fiestra o ceo, cunha expresión de tristeza. Toda a historia propicia dous niveis de lectura, xa que por un lado desenvolve a empatía coas persoas maiores e á vez, trata a morte dun xeito frontal dende o amor e cariño que un neno pode ter cara á súa avoa. O narrador adopta a perspectiva dunha testemuña, posto que o neno conta a historia da avoa como acompañante, pero non como protagonista e sempre dende as súas vivencias.
Con respecto á arquitectura textual, o conto está cargado de metáforas e toques de humor, pero utilizando sempre unha linguaxe clara. Destaca a repetición, sobre todo no comezo da historia, e a ausencia de diálogo. Salienta a capacidade para transmitir sensación de tranquilidade e emotividade, o que axuda a que o lectorado se identifique co conto, tanto por amosar vivencias do día a día, coma polas lembranzas, as referencias simbólicas e a expresividade dos rostros. Este é un conto traducido orixinalmente do portugués.

Potencialidades:
A lectura desta obra aborda un tema considerado durante moito tempo tabú na literatura para os máis novos, como é a morte. Dende o inicio da obra, nenos/as poden sentirse identificados co narrador e a historia, que sempre mantén un ton moi tranquilizador. Ademais, invítanos a imaxinar e viaxar ao longo da súa propia mente. Outro punto a destacar é a variedade de temas que se poden tratar con el, dunha forma directa trabállase a aprendizaxe interxeracional e os temas tabú, pero indirectamente trabállase a repetición, as cancións, o simbolismo e incluso, a figura de Don Quixote, xa que a ilustración do namorado da avoa recorda en gran medida a este gran personaxe da historia da literatura.

Recursos educativos:
Brabádegos (28 de xaneiro de 2015). A avoa adormecida [Blog post]. Recuperado de: http://brabadegos.blogspot.com/search?q=a+avoa+adormecida (Consultado o 23/03/2020)
Corujo, L. (4 de maio de 2018). Rosa, Lucas e A avoa adormecida. [Blog post] Recuperado de : http://infantilamaia3.blogspot.com/2018/05/rosa-lucas-e-avoa-adormecida.html (Consultado o 23/03/2020)
Trafegandoronseis. (31 de xaneiro de 2015). A avoa adormecida [Blog post] . Recuperado de https://trafegandoronseis.blogspot.com/2015/01/a-avoa-adormecida.html (Consultado o 23/03/2020)
BIBLIOPAZOS (10 de decembro 2016). A avoa adormecida [Blog post]. Recuperado de https://bibliopazos.blogspot.com/2016_12_04_archive.html (Consultado o 23/03/2020)
Rodríguez, R.N. (28 de xaneiro de 2015). A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani [Blog post]. Recuperado de https://cadernodacritica.wordpress.com/2015/01/28/a-avoa-adormecida-de-roberto-parmeggiani/ (Consultado o 23/03/2020)