Amosando publicacións coa etiqueta a vida cotiá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta a vida cotiá. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

Distinta




Valencia, Beto (2019): Distinta, ilust. Sofía Zapata Ochoa (Sozapato), trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora [36 pp.]. (ISBN:978-84-8464-440-8)


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de lectura convencional que foi finalista do X premio internacional Compostela de álbum ilustrado. Conta cunhas dimensións de 22x22 cm e cunha cuberta de tapa dura na que figura o título da obra na parte superior. A disposición do título propicia que poida pasar desapercibido para a nosa mente, por facer unha lectura moi rápida e visual, pero se nos fixamos ben atopamos algo que non está como normalmente o atopamos: o “N” do título está do revés, coma se lle deran a volta ou coma se fose un “N” distinto. Isto podería ser unha pista e un bo recurso para imaxinar como pode ser o conto. Xusto enriba do título atópanse os nomes do autor do texto Beto Valencia e da ilustradora Sofía Zapata Ochoa (Sozapato). Na ilustración da cuberta atopamos unha nena sorrinte que semella estar moi feliz e alegre. Parece que ten os ollos pechados, coma se estivese soñando esperta. Ao redor da nena podemos observar uns peixes de fermosas cores, todos diferentes en cores, tamaño e forma. A nena ten o pelo coma se lle estivese voando ou coma se ela mesma estivese voando, impulsada por todos os peixes que a acompañan. No fondo desta ilustración, ocupando todo o fondo da cuberta, preséntase unha cor turquesa que semella a cor do mar. Nun dos lados, concretamente na esquina superior dereita, enntrase un pequeniño barco de papel en posición vertical que nos convida a usar a imaxinación e a experimentar coa imaxe, ladeando o libro e colocando o barco en posición horizontal, o que colocará a nena tamén nesa posición e deixará de dar a sensación de que está voando para simular que está sendo levada polos peixes no mar.
As gardas presentan unha gran cantidade de caixas, todas elas moi diferentes: grandes, pequenas, con tapa, sen tapa, con raias, sen elas… e de moitísimas cores. Estas ilustracións das caixas poderían ter certa similitude coas persoas, todas somos diferentes en moitos aspectos, tamén na nosa forma de pensar. E cada caixa agocha nela unhas ideas distintas e unha imaxinación diferente, exactamente igual que pasa coas nosas mentes. A portada conta cun fondo branco, os datos da cuberta (de novo co título da obra DISTINTA co N do revés) e unha ilustración da nena, agora dentro do barquiño de papel, cunha expresión alegre e feliz. Ten os brazos moi estirados e abertos, dando unha sensación de liberdade e un sentimento de estar a gusto. Nun dos lados do barquiño encóntrase pousada una bolboreta de grandes ás. 
No interior as ilustracións ocupan toda a páxina e presentan unha nena, que agora sabemos que se chama Lúa, cunha expresión triste, aburrida e desganada. Lúa observa dende o seu balcón unha cidade chea de edificios sombríos e xente inexpresiva mirando para a televisión. Lúa é a única persoa que está no balcón. Na parte inferior das páxinas atópase o texto do conto, sobre fondo branco, conformado por frases moi breves e sinxelas, onde nos presenta o que lle pasa a Lúa. Ela séntese distinta e o narrador vainos explicar porqué. Ao pasar a páxina seguinte as ilustracións seguen a mesma liña, pero cando pasamos a quinta páxina todo cambia: as ilustracións agora teñen cores vivas e cálidas e Lúa está feliz, porque ese nivel é o da súa imaxinación. A transición fixo que agora o texto xa non se atope fóra das ilustracións, senón que forme parte delas. A partir deste momento prodúcese unha constante contraposición entre as ilustracións referidas á realidade e á imaxinación.


Potencialidades: a lectura desta obra propicia múltiples posibilidades para traballar con nenos e nenas, pois a historia de Lúa podería ser a de calquera neno ou nena que sinta que non pensa coma os demais ou que se sente ra de lugar no sobrio mundo das rutinas dos adultos. Tamén é importante recoñecer ese gran privilexio e valor que é a imaxinación, non na etapa infantil, senón durante toda a vida, pois temos a capacidade de imaxinar un mundo totalmente diferente nas nosas mentes. É por iso que unha das potencialidade desta obra é a da diferenza, a de ser capaces de ver o lado bo das cousas e non deixarnos levar por algo que non nos gusta ou unha situación que non nos apetece, senón ser capaces de tentar sacar sempre o positivo da cada situación que se nos presenta no día a día. Por exemplo ao comezo do libro podemos ler a primeira frase que nos amosa como é iso de ver o lado positivo da vida: “Cada día, mentres uns se queixan por ter que madrugar…,a ela encántalle erguerse cedo para escoitar os segredos que murmuran as nubes da mañá”. As ilustracións desde conto representan outro gran recurso que podemos empregar cos nosos alumnos e alumnas, polas múltiples lecturas que propician e a súa capacidade de suxestión.

domingo, 30 de abril de 2017

MI ABUELO

ALTÉS, Marta (2012), Mi abuelo, Madrid: Macmillan Iberia, S.A., (+ de 3 anos), [ 26 pp.], (ISBN: 978-84-15-42-697-4).



Breve descrición e contido da obra: álbum ilustrado en formato cadrado de 26.5x26.5 cm. As cubertas son de cartón duro. A cuberta dianteira, cun fondo branco, móstranos unha ilustración de dous osiños da man, un vello e un cativo, avó e neto; na parte superior o título do conto e na parte inferior o nome da autora. Na contracuberta observamos debuxos de paxariños e unha oración extraída do contido interior, ademais dunha pequena biografía da autora. Nas gardas iniciais e finais ilústrase un bosque en cores vermello, marrón e negro sobre fondo branco. Do mesmo xeito, o contido do álbum tamén está ilustrado nestas cores, as que nos fan adentrarnos nunha paisaxe outonal e melancólica. Cada páxina contén un pequeño texto sinxelo e unha imaxe que lle da sentido e trasmite os sentimentos dos protagonistas.

                                       
O conto presenta unha historia da vida cotiá, na que un pequeno oso vaise facendo consciente do paso da vida, e coma o seu avó vai envellecendo. Trasmite unha bonita historia de amor entre os dous personaxes, avó e neto, e coma un nútrese do outro para ser felices.

Potencialidades: marabillosa forma de facer ver aos nenos e nenas o paso do tempo, o ciclo da vida e o amor polos seus seres queridos. A lectura trasmite moita ternura e amor, e pode ser unha boa opción para traballar cos nenos e nenas de educación infantil unha situación da vida cotiá, na que os avós co paso dos anos van perdendo a memoria e como eles poden contribuir a facerlles a situación moito máis doada. Ademais dos valores, podemos traballar as emocións.



mércores, 19 de abril de 2017

El LIBRO DEL OSO.

·      
Kate Banks (2012) El libro del oso Ilust. Georg Hallensleben. Editorial Juventud ( A partir de 4 años) ISBN: 978-84-261-3950-4 [24pp.].

Breve descrición do formato e contido da obra:  O conto infantil El libro del oso  é un álbum ilustrado pola editorial juventud. Conta que é a  hora de ir durmir... e un neno le o seu libro favorito coa súa mamá. A medida que pasa as páxinas, entra no mundo dun oso que se prepara para durmir un profundo soño: o da hibernación. A vida continúa en torno ao oso mentres dorme durante os fríos días de neve. O neno intervén na narración, nos que imos descubrindo momentos de complicidade e tenrura coa súa nai. E por fin, cando se esperta o oso na primavera, o neno, á súa vez, pecha os ollos.
Por outra parte na cuberta amósase o oso, ao autor, o lustrador e a editorial. O formato é de 3,1 x 23,4 cm cun volumen pequeno. O interior está conformado por ilustracións a toda páxina, carecendo de abundante texto.






Potencialidades:  É un libro sobre o ritual de ir durmir, para primeiros lectores, acompañado dun rítmico e poético texto e fermosas ilustracións, que xoga co paralelismo entre o ritual nocturno dun neno e o soño longo e profundo dun oso no inverno e o pracer da lectura entre unha nai e o seu fillo. O momento de durmir é un momento moi especial para os nenos pequenos, xeralmente esperta certos temores e certa resistencia xa que aos nenos cústalles perder proximidade coa mamá ou a figura encargada da súa protección e coidado.

Unha das formas máis efectivas é establecer un ritual, que consiste nunha serie de procedementos que se repetirán máis ou menos igual todas as noites. É un libro moi bo e entretido.