Amosando publicacións coa etiqueta ritmo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ritmo. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de abril de 2020

Ernestina la gallina


REYES, Yolanda (2010). Ernestina la gallina, ilust. Aitana Carrasco. Ciudad de México: Editorial Océano Travesía, (a partir de 3 anos), [24 pp.]. (ISBN: 978-607-400-264-5).

Descrición do formato: álbum ilustrado poético escrito en castelán cuxa primeira edición é de 2010. Está encadernado en cartoné con dimensións 19 x 19 cm. O formato presenta unha cuberta cunha galiña no centro sobre un fondo de tonalidades verdes. Por enriba da galiña atópase o título da obra dentro dun óvalo de ton clara coma os bordes do álbum; ao lado dereito aparece un polo amarelo e ao lado esquerdo un rato gris; por debaixo aparece media cara dun home e os seu brazos sinalando ao polo e ao rato. Na contracuberta, tamén sobre un fondo de tonalidades verdes, aparece o rato gris e un gran de arroz durmindo abrazados nunha cama e o código de barras co ISBN.

Este álbum non contén gardas polo que nada máis abrilo atopamos a páxina de dereitos e a portada co título da obra e a galiña enriba dun gorro de cociña.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda a historia dunha galiña que puxo un ovo na cociña, un rato mordeu a casca do ovo do cal saíu un polo redondo coma un repolo; o repolo tiña unha flor e tres grans de arroz. Posteriormente coméronse o repolo, a casca do ovo e un gran de arroz e quedou o rato escondido na cociña. No relacionado coa lingua que se presenta, todo o texto é de carácter poético, cada oración está formada por dous pareados, como por exemplo: “Del cascarón saltó un pollo,/ redondo como un repollo”. Os campos semánticos que se atopan no texto son os animais (galiña, rato e polo) e os alimentos (ovo, repolo e arroz).

As ilustracións: a estrutura que segue o álbum non é sempre a mesma; a colocación do texto varía de forma continua, hai páxinas nas que o texto aparece na páxina impar, noutras na páxina par e noutras en ambas as páxinas. Ás ilustracións ocórrelle o mesmo, non seguen a mesma estrutura; hai páxinas que abordan unha mesma ilustración e hai páxinas que a ilustración da páxina impar é diferente da páxina par.


Potencialidades: ao traballar con álbums ilustrados que presenten musicalidade é positivo para o desenvolvemento dos nenos e nenas dende idades moi temperás. Este álbum ilustrado, cunha linguaxe sinxela, é un bo instrumento para traballar a musicalidade e o ritmo; por un lado, pódese contar con diferentes ritmos e así traballar a lentitude e a velocidade. Por outro lado, ao estar formado por rimas, achega aos nenos e nenas aos poemas, versos e a un emprego da lingua moi motivador para o desenvolvemento da conciencia fonolóxica. Outro aspecto interesante é a posibilidade de empregalo para iniciar ao alumnado na memorización grazas a súa rima fácil, traballando este aspecto pódese traballar tamén a imitación e recitar de forma teatral a historia do álbum ilustrado.

Recursos:

Angy Porras González (2014). ¡Apégate! a leer - Lectura en voz alta del cuento Ernestina la Gallina de Yolanda Reyes. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=2Tv1I6ckOTI (consultado o 20/04/2020).

El maravilloso mundo de de los cuentos (2018). Ernestina la gallina. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=eO1rUTzvlKI (consultado o 20/04/2020).

Laura Escuela. Ernestina la gallina. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=T1umB52ATD8 (consultado o 20/04/2020).