Amosando publicacións coa etiqueta Poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poesía. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de abril de 2020

Cantiga do Mazarico



Pita, E., & Pintado, I. (2010). Cantiga do Mazarico. A Coruña: Espiral Maior. (ISBN: 978-84-92646-55-5).

Descrición do formato e contido: Cantiga do mazarico é un álbum ilustrado poético no que se recolle a reescrita feita por Emilio Pita deste poema da tradición oral. O volume está composto por 28 páxinas e é recomendado para nenas e nenos maiores de 3 anos. É un libro de formato cadrado (22 x 21) cunha encadernación de tapa dura. A cuberta é de cor azul escura e sobre ela aparece debuxado un Mazarico e unha lúa. Esta mesma ilustración atoparémola tamén dentro do álbum. Na contracuberta aparecen unhas estrelas no mesmo fondo azul, en consonancia co que aparecía na ilustración da cuberta.
Na primeira folla do álbum aparece debuxado un mazarico e na páxina seguinte atopamos o poema “Cantiga do mazarico” enteiro. Nas seguintes páxinas do libro aparece escrito o mesmo poema, pero desta vez dividido en dous ou tres versos por folla, o que facilita a repetición do poema por parte de nenos e nenas. A Cantiga do mazarico destaca pola súa linguaxe, rima e musicalidade, así como o acompañamento de ilustracións que reforzan o texto. As ilustracións destacan pola gama de cores cálidas e suaves. Pódese observar que todas as páxinas están ilustradas co mazarico protagonista en diferentes situacións e os versos teñen forma de diálogo con preguntas a Mazarico sobre quen pica o seu pico e respostas variadas.

Potencialidades: a lectura deste álbum pode ser un dos primeiros que achegue a poesía ás nenas e nenos. É unha poesía sinxela o que facilita a memorización por parte dos máis pequenos e tamén a familiarización coa tradición oral. A esta memorización contribúe o feito de que primeiro se reproduce a cantiga enteira, e nas seguintes páxinas vaise repetindo dividida en versos, o que axuda a repetir e marcar o ritmo poético da composición. Ademais, ler obras coma este axuda a que nenos e nenas se acostumen dende dende cativos a un xénero tan importante como é a poesía, á que responde con entusiasmo cando se traballa adecuadamente, dado que para eles é un xogo, neste caso un xogo coa lingua. Por iso Cantiga do mazarico, entre outros álbums, é un bo recurso para iniciarse neste xénero, tanto a través da lectura, coma do canto, o que o fará máis lúdico e divertido.

Recursos:
Diferentes versións deste poema popular en Orella pendella, recuperado de https://orellapendella.gal/pico-pico-mazarico/ (consultado o 18/4/20).

Otero, Anibal (1977). Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba. Anuario Gallego de Filología. Recuperado de Galicia encantada, en https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=11&id=644
(consultado o 18/4/20).

mércores, 15 de abril de 2020

Lucecitas y Fantasias

Lara Noguera, G. (1998). Lucecitas y fantasías, Santiago, Ecuador: Libresa S.A., [138 pp.]. (ISBN: 9978-80-435-8).


Descrición do formato e do contido da obra: poemario de Galo Lara Noguera. A tapa da obra é rústica cunhas dimensións de 13x20 cm, nela podemos ver como a cuberta e a contracuberta van unidas por un mesmo elemento, que é unha árbore que ocupa a metade de cada parte ao igual que o lombo do libro. Na cuberta podemos ver un coello recostado contra a árbore e mais un colibrí, os dous animais forman parte dalgunhas das poesías polas que está composto o libro. A portada acolle o título da obra, o nome do autor, da editorial e a quen vai dedicada. A seguir, está un índice no que podemos ver o contido do libro desagregado en sete partes que son: “Semillitas”, “La familia”, “La escuela”, “Naturaleza”, “Rondas”, “Moralejas” e “La tierra”, que dan título xenérico a poemas de diversas temáticas dentro de cada apartado.

Cada apartado está marcado por unha páxina de transición, na que se recrea un debuxo alusivo á temática xeral. Acompañando os poemas, aparecen imaxes alusivas, nas que aparece o personaxe principal de cada poema.



Potencialidades: 
A lecturas dos poemas é moi importante pola escasa presenza que a poesía ocupa entre as lecturas que habitualmente se lle ofrecen á infancia. Con estes poemas conseguirase introducir a nenas/os en diversos temas de modo lúdico, musical e marcado polo ritmo sonoro das composicións. Traballar a poesía coa infancia é favorecer a comprensión de como funciona a lingua, gozar coa sonoridade e descubrir o ritmo e cadencia de cada unha das composicións.


luns, 13 de abril de 2020

Polo camiño


Ruiz, M. (2017). Polo camiño. Pontevedra: Kalandraka , [ 26 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-296-1)

Descrición do formato da obra e contido: álbum ilustrado en cartoné da autora Mariana Ruíz Johnson que é un numerario para aprender os primeiros números. A cuberta amosa unha imaxe dunha balea negra cun gorro de festa e o título escrito con diferentes cores no seu interior, o fondo é amarelo con plantas de diferentes formas e tamaños. Na contracuberta obsérvase un fondo morado cunha frase de agradecemento en branco e a información sobre o conto xunto con outras plantas diferentes. 

O contido asenta na forma de poemario de marcado carácter narrativo e reiterativo, con versos octosílabos que van marcando unha progresión numérica. Está protagonizado por diferentes familias de animais que van a unha festa organizada pola balea xa que cumpre 10 anos, e na que cada animal leva os seus fillos e algo de comida. O álbum presenta imaxes a toda páxina, cos versos de cada estrofa inseridos nas imaxes, ademais de xogar tamén cos cromatismos das letras, que recorren ao lettering. Cada unha das estrofas comeza co mesmo verso: “Andando polo camiño”, motivo presente xa no título á obra. 
As imaxes son moi coloristas e permítennos seguir a historia dunha maneira moi visual, ao permitir concretizar en obxectos o número ao que se refire cada estrofa, caso das personaxes que aparecen. O texto sempre se atopa nunha esquina cunha letra dun tamaño pequeno para centrar a atención nas imaxes. 
As cores que predominan no libro son en todo momento rechamantes, luminosas e moi animadas, acentuando o sentimento de alegría. 

Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula a poesía, especialemnte polo marcado ritmo e as repeticións. A través desta lectura ensinarémoslle a nenos e nenas os números e aprender a contar dunha forma moi divertida e dinámica, propiciando un primeiro contacto coa numeración. Isto poderase facer de maneira táctil, empregando as mans para contar os animais que aparecen en cada páxina ou de maneira verbal repetindo os números en función dos personaxes que aparezan. Con obras coma esta pódese tamén traballar a memorización a través da musicalidade do texto e a reiteración. Ademais, fomenta a creatividade para poder crear una melodía coa que cantar o conto. 

Recursos educativos: 
Versión cantada por Sonia Hermida:  https://www.youtube.com/watch?v=rXhSukIBYf8
Versión cantada por Cristina Martín Sanz en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=m4K0m2diN9E

sábado, 29 de abril de 2017

A Árbore


A ÁRBORE

Rodiño, Xan (2002), A Árbore, ilust. María Lires, Gotelo Blanco, (de 4 anos en diante), [22 pp.] (ISBN: 84-7824-423-9).




Breve descrición do formato e contido da obra:
Libro con esquinas cadradas, de forma cadrada e de tapas brandas. Presenta breves textos na maioría das súas páxinas, a modo de poesía con rima consonante, onde se fala sobre as árbores e as súas ventaxas para o ser humano, os animais e o noso planeta, polo que debemos respetalas. Contén ilustracións realizadas como se de un 'collage' se tratase, con fotografías e papel de periódico, onde aparecen escenas de árbores relacionadas co texto que aparece en cada folla.

Potencialidades: Este libro trata un tema moi importante sobre o cal se debe concienciar non só aos nenos, se non tamén aos adultos, pero qué mellor forma de facelo que dende a infancia. A importancia que teñen as árbores na nosa vida e no noso planeta vese moi ben reflexada nas páxinas deste conto a modo de poesía con rima consonante. Paréceme un libro estupendo para entender dita importancia e así poder respetar este ser vivo que tanto ben nos causa. Tamén opino que este é un bo libro para traballar con él na aula; tanto co tema das árbores como coa poesía.


venres, 28 de abril de 2017

POLO CAMIÑO

Ruíz, Mariana (2017), Polo camiño, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka Editora, (pre-lectores e primeiros lectores), [26pp.] (ISBN: 978-84-8464-297-8).



Breve descrición do formato e contido da obra: Estamos a falar dun álbum ilustrado escrito en verso con rimas. É de cartón, encadernado en cartoné, presenta un formato cadrado de 19x19 cm., os cantos son redondeados e non é moi voluminoso.

A cuberta está formada por unha gran balea de cor negra moi sorrinte cun sombreiro festivo, o que nos da unha pista do que atoparemos no interior. Sobre o animal atópase o nome da autora e ilustradora e o nome do álbum-poema no que cada letra é dunha cor diferente. Todo isto, sobre un fondo amarelo. En cuanto á contraportada, é de cor morada e nela vese plasmada unha dedicatoria da autora e os datos do álbum. No interior da obra resaltan as cores rechamantes e vivas. As ilustracións son a toda páxina, é dicir, a primeira ten continuidade na segunda, a terceira na cuarta e así sucesivamente ata chegar ao final. Nas ilustracións predomina a expresividade dos animais e o dinamismo. O texto atópase tanto nas páxinas pares coma nas impares, indistintamente. Iso si, sempre en cor negra ou branca para que resalte nos fondos.

A obra está protagonizada por distintos animais (elefantes, monos, osos, ratiños, leóns,  poliños, tenreiras, gatiños, raposos, e bechiños) que teñen algo en común, todos eles e elas se dirixen ao mesmo lugar, á festa do décimo aniversario da balea. Ademais, todas e todos levan algún alimento para comer nesta festa. Os animais camiñan bailando ao ritmo dos versos octosílabos, marcando unha progresión numérica do 1 ao 10. Mamá elefanta vai coa súa elefantiña. Mamá mona cos seus DOUS macacos. Mamá osa cos seus TRES osos. E así sucesivamente ata chegar a 10. Unha vez rematada a festa, regresan aos seus fogares para descansar.


Potencialidades: Paréceme unha obra idónea para traballar diversos aspectos:

O primeiro deles é a poesía. A autora, coa súa composición, quixo acercar, aos máis pequenos/as, ó ritmo e á musicalidade. Esta obra esperta a curiosidade pola poesía. Tamén pode cantarse en lugar de lerse xa que ao rimar é moito máis sinxelo cantalo.


No álbum Polo camiño trabállanse os números. Coa progresión que se vai facendo no álbum, as nenas e nenos entrarán en contacto cos números do 1 ao 10. Ademais farano dunha forma lúdica xa que, ao ser poesía, todos os números van rimando. Ademais, aparece o número escrito en letras maiúsculas e a representación do número en animais polo que lles resultará máis sinxelo asocialos.

Outro tema a tratar son os animais e a familia. Ao longo da obra aparecen once especies diferentes e identifícanse con moitísima facilidade. De este xeito as nenas e nenos afianzarán coñecementos de animais que xa posuían e construirán outros que descoñecían.

A obra de Mariana Ruíz Johnson tamén contribúe ó coñecemento de distintos alimentos, neste caso todos asociados aos animais que os levan cara á festa. Así, os elefantes levan cacahuetes, as tenreiras herba, os poliños millo, os osos mel... As pequenas e pequenos realizarán asociacións entre os alimentos e os animais que os portan mergullándose un pouco máis nas características de cada un deles.

Por outro lado, poderíase traballar, tamén, cos rapaces e rapazas, o tema das emocións, xa que na obra todos os animais teñen unha expresión e non todos teñen a mesma. Poderían analizar como van facendo o camiño cada un deles e despois falar das diferentes emocións que existen.

Tamén se traballa o valor da amizade, xa que tódolos animaliños recorren o camiño para pasar o día coa súa amiga balea que está de aniversario.

Por último, esta obra favorece á memorización, xa que ó longo da historia vanse mencionando distintos animais que ao final aparecen todos xuntos na festa. As nenas e nenos quererán comprobar se están todos ou falta algún e para iso terán que lembrar todos os que eran.

martes, 25 de abril de 2017

CANTIGA DO MAZARICO

Pita, Emilio (2010), Cantiga do mazarico, ilust. Isabel Pintado, A Coruña: Espiral Maior, col. Lúa Lueira, Poesía para nenos e nenas, ( +5 anos), [28 pp.] (ISBN:978-84-92646-55-5).

Breve descripción do formato e contido da obra: Álbum que ilustra o poema "Cantigas do mazarico" de Emilio Pita. É un libro cadrado de pequeno formato. A cuberta é de cor azul escura e sobre ela debuxase una lúa e un paxariño, un mazarico. A ilustración que sae na cuberta é a mesma que a ilustración dunha das follas do interior do volume. Na dereita da cuberta aparece o título do libro: Cantiga de mazarico, e xusto debaixo o nome do autor: Emilio Pita, e da ilustradora: Isabel Pintado. Na parte central e inferior, o nome da colección; Lúa Luneira. Poesía para nenos e nenas, e debaixo o nome da editorial: Espiral Maior.
As gardas do libro están decoradas coas ilustracións do interior, pero aquí atópanse dentro de cadrados brancos pequenos.
Tras a portada, na primeira folla, aparece debuxado un mazarico, e na páxina que lle segue, atopamos o poema Cantiga do mazarico enteiro. No resto das páxinas do libro tamén aparece escrito o mesmo poema, pero este dividido en dous ou tres versos en cada folla. Xunto co texto, todas as páxinas están ilustradas co mazarico protagonista en diferentes situacións.
A gama de cores que se utiliza en todo o libro son maioritariamente cálidas e suaves.




Potencialidades: Este libro pode ser un dos primeiros libros que achegue a poesia ós nenos cativos. É unha poesía sinxela que contribúe á memorización, xa que nun primeiro momento, ó comezo, móstrase a cantiga enteira, e para reforzar a súa memorización, nas follas seguintes, repitese, pero dividido en versos, para que resulte máis doado. 
Ademáis, tamén xoga un papel moi importante para conseguir a memorización, a repetición da mesma estructura e o emprego de rima ó longo da cantiga.
Outra potencialidade a destacar, é o coñecemento de novo vocabulario relacionado coas aves.

Os nenos non soen traballar dende cativos un xénero tan importante como é a poesía. Por iso Cantiga do Mazarico, entre outros, pode ser un bo recurso para súa iniciación. Non só é un poema para ler, tamén é un bo poema para cantar, polo que pode resultar máis ameno e entretido para os nenos o traballo con este tipo de poesía.

venres, 21 de abril de 2017

O FÍO





O FÍO



Gracia Iglesias (2016) O fío, ilust. Rosa Osuna, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka,         colec: demademora [28pp], (ISBN: 978-84-8464-990-8)


BREVE DESCRICIÓN DO FORMATO E DO CONTIDO DA OBRA: Este álbum, trátase dun álbum ilustrado pola editorial Kalandraka. Conta con tapas duras de forma cadrada, de tamaño mediano e certo grosor. Na cuberta atopamos o título do libro en letras maiúsculas e de cor negra. Na única imaxe que aparece, atopámonos co debuxo dun neno, de pelo loiro que viste unha camiseta amarela e un pantalón branco que está a tirar dun fío engurrado enriba de todo da portada. O fondo é de cor grisaceo, transmitindo unha sensación de tristura e soidade aparecendo o rapaz só.
Na contracuberta, atopamos mais fío enrolado polo chan, e no fío do teito un gato de cor azul colgado intentando trepar por el. Ademais este gato ten unha cola de cores, semellando un arco da vella. No lado esquerdo do libro aparece o logotipo da colección de libros: demademora, en letras minúsculas e negras.








En todas as follas que narran a historia, aparecen unha serie de imaxes que axudan a unha lectura mais levadeira. Todas as imaxes  teñen algo común, a aparición do neno protagonista só, sen a compañía de ningún outro adulto. Só nalgunhas follas aparecen algúns personaxes secundarios, como son o gato azul que atopamos na contracuberta ou uns paxariños amarelos cos seus ovos dentro dun niño de palla. 

A historia cóntase en forma de poesía, onde nunhas páxinas aparecen estrofas completas ou noutras, un par de versos. Os versos pares riman entre sí e a súa rima é asonante, xa que riman as letras vogais. O texto está escrito en minúsculas en cor negra, sendo o protagonista principal ese fío que se vai engurrando e van desaparecendo as cousas ó seu paso.

En canto ó contido do libro, cóntase a historia na cal un neno atopa un fío colgando da súa chaqueta, tira e tira del ata quedar sen chaqueta. O mesmo lle ocorre co resto de roupa que leva posta, ata quedar completamente espido, por culpa de tirar do fío. O fío seguía con el polo que seguiu tirando e tirando del, ata decatarse de que estaba colgando do sol, tirou e tirou ata quedar sin el tamén. Así lle ocorreu cas nubes, co ceo e cas árbores, ata quedar só e cansado. Ó final, quedou cun nobelo de fío engurrado.






POTENCIALIDADES: A primeira potencialidade que presenta este libro é a de estar narrado en forma de poesía, xa que é unha boa forma de contárlles os nenos e nenas unha historia que saia da forma tradicional escrita en prosa. É unha boa fonte para que os nenos e neas coñezan a rima, os tipos de rima, as estrofas os versos que o vexan visualmente e se adentren no mundo da literatura en verso.
Ademais ó estar acompañado de ilustracións, poden facer unha lectura autónoma da historia seguindo as imaxes, e vendo como o neno tira do fío desfacendo a roupa que leva posta, ou como se desfai o sol, o ceo, as nubes etc. É un libro que transmite moito visualmente, cas imaxes, xa que é onde se pode apreciar a soidade do neno, a súa ansia de querer investigar, querer descubrir de onde ven o fío, a súa preocupación etc.
Grazas a estas imaxes a lectura pódese facer de forma autónoma,xa que con tan só unha visualización das mesmas, sen necesidade de escoitar a súa lectura ou lelo pódese comprender o argumento da historia perfectamente. Polo que os nenos e nenas pequenos que non saiban ler todavía, poden interpretar as súas imaxes sen necesidade de que ningún adulto lea a historia.
É de fácil comprensión, xa que o argumento non ten ningún tipo de dificultade para que os nenos e nenas non poidan comprendelo.
E por último, presenta un final aberto, xa que non conclúe de onde ven ese fío que o rapaz atopa sempre colgando del, só se sabe que formou un gran nobelo engurrado, polo que poden ser os propios lectores e lectoras os que continuen a historia, enumerando outros elementos cos que se pode atopar o neno, e dos que pode colgar o fío, ou simplemente porlle un final concreto, sendo eles os que conclúan de onde ven ese fío, polo que desta forma estamos a traballar ca orixinalidade e ca creatividade dos nenos e nenas.

venres, 31 de marzo de 2017

Los versos del libro tonto

Giménez, Beatriz. (2010), Los versos del libro tonto, ilust. Valdivia, Paloma, España: Faktoría k de libros, [64pp] (ISBN: 978- 84-15250-03-6)

Breve descrición do formato e contido: libro de poesía que se caracteriza por ter unha forma rectangular, coas tapas duras e os cantos rematados en punta. Por unha banda, na parte superior da cuberta aparece o título da obra en letras maiúsculas, simulando que están feitas a man. Debaixo, na parte dereita aparece o nome da autora e a ilustradora en cores suaves e letra pequena. Destaca a ilustración dunha árbore, que ocupa a maior parte do espazo. Igual que co título, simula que está feita a man, podendo ser o debuxo de calquera neno/a. Nas súas polas podemos observar a un libro personificado e a uns pequenos bichiños (os versos) que deixan voar a nosa imaxinación. Na parte dereita inferior atópase o nome da editorial. Por outra banda, a contracuberta é moi sinxela, pois na parte central atópase de novo o nome da editorial, en letra moi pequena, e na parte inferior aparecen de novo os bichiños da portada, cada un dunha cor. En ambos casos emprégase unha cor clara para o fondo, dándolle máis énfase ás ilustracións.

En canto ao título, fai referencia a que, ao estar pechado durante moito tempo, o libro volveuse tonto, e os seus versos fuxiron en busca dun dono. En relación ao interior da obra, está formada por 25 composicións. No inicio atopamos un índice, no que se presenta unha estrutura de inicio, tres  partes adicadas a os versos que fuxiron polo mar, polo aire e pola terra respectivamente, e un final. A continuación, nas páxinas pares aparecen os poemas, e nas impares as imaxes que os complementan.
Con respecto  ás ilustracións, seguindo o estilo da cuberta, simulan debuxos feitos a man, e sempre teñen algunha relación co tema do poema da anterior páxina. Son simples, xa que aparecen algúns elementos sobre un fondo liso, captando así toda a atención. Os versos aparecen de distintos tamaños e cores, o que implica a diversidade. As cores empregadas son moi suaves, dándolle máis importancia aos poemas que as acompañan, situados sempre sobre un fondo branco.  En canto ao tipo de letra, xógase moito con acrósticos e cos tamaños, colocando, por exemplo, a palabra “pechados” dentro dun cadrado, ou a palabra “pequenos” nunha letra de menor tamaño. O vocabulario que se emprega é sinxelo, de fácil comprensión.

O contido trata duns versos, que, cansos de estar nun libro que ninguén emprega, foxen en busca de alguén que lles preste atención. Os que fuxiron polo aire, foron tragados polo galo veleta; os que foron polo mar atoparon a unha sirea; aos que fuxiron pola terra, recolleunos un escaravello peloteiro. 


Potencialidades: con esta obra anímase aos nenos e nenas á lectura dunha historia nunha estrutura diferente á habitual, xa que se emprega a poesía. Ademais, as imaxes complementan os poemas, representando os elementos máis destacados e conseguindo que a lectura sexa máis atractiva para os máis pequenos. A historia esperta a curiosidade dos nenos pola poesía, que, alimentando a súa imaxinación mediante a creación dun mundo abstracto coa personificación dos versos, consegue ser moi atractivo para os nenos e nenas.

luns, 20 de febreiro de 2017

Lúa

Rubio, Antonio.(2005). Lúa, ilust. Óscar Villan, Pontevedra:Kalandraka, col."Do berce á lúa", (0 a 3 anos), [16 pp.], (ISBN:978-84-8464-541-2).


Breve descrición e formato da obra: Este libro é un poema visual recitable ilustrado por poegramas, cun formato cadrado (16x16 cm), encadernado con tapas duras e grosas feitas de cartón. Na cuberta, aparece o título do conto en letras brancas, e no medio un debuxo dunha lúa que ten boca, nariz,e ollos mergullada nun fondo azul escuro con pintas brancas como se fosen estrelas, mentres que na contracuberta atópanse os datos da obra e unha escala músical, o que nos dá pistas de como é o libro. As ilustracións están feitas con pinceladas de cores fácilmente apreciables, ata o punto de que as texturas poden ser case palpables. A imaxe resalta sobre un fondo branco nun debuxo sinxelo e atractivo para os máis pequenos, en liña co contido da obra. Aínda que aparece o nome escrito debaixo da imaxe correspondente en cor negra e letra maiúscula, as ilustracións adquiren toda a forza comunicativa.
Este libro móstranos como a través de pictogramas poéticos cheos de rimas e repeticións  podemos achegarnos a lectura tanto con cancións como ca lectura do mesmo.



Potencialidades: Lúa está pensado para nenos e nenas moi pequenos, polo tanto é un libro sinxelo e moi atractivo para eles. Cada poema está perfectamente construído e acompañado polas ilustracións sen que teñan a necesidade de ler, aínda que a medida que van medrando quererán saber o que pon en cada imaxe. O libro pode ser contado a través de cancións, polo que é importante xogar coa voz, as pausas e os distintos ritmos para captar a súa atención. A medida que os pequenos aprendan a falar, farémoslles repetir palabras xa que conta con repeticións e cando o saiban contarémolo todos xuntos, propiciando de este xeito un vínculo afectivo entre adulto-infancia.
A partir desta obra podemos traballar diversos factores como poden ser: a memoria, elementos da natureza (lúa e sol), as cores, as texturas, as rimas, a atención, o ritmo, lateralidad (esquerda-dereita), os sentidos (vista-oído), entre outros aspectos. É un xeito creativo de introducir os nenos/as no mundo da lectura, neste caso na poesía, xa que é conveniente que desde pequenos lle amosemos libros de diferentes xéneros pasando un rato cheo de diversión e fantasía.

Se vos pareceu interesante esta proposta,recoméndovos outros títulos da "Colección do berce á lúa" de Kalandraka. Todos eles son moi interesantes para traballar cos nenos e nenas máis pequenos.








sábado, 11 de febreiro de 2017

Gatuxo

Blanco, Magín (2014), Gatuxo, ilust. Erica Maradona, Pontevedra: Boa Música Editorial, (de 0 a 7 anos), [24 pp.] (ISBN: 978-84-940993-2-8).


 
Descrición do formato e do contido: o presente libro poderiámolo incluír na categoría de álbum ilustrado poético. Esta obra caracterízase polo seu formato de tamaño medio e forma cadrada, ademais, tanto as cubertas como cada unha das páxinas son relativamente grosas e teñen unha textura suave de aparencia satinada. Por outra banda, as ilustracións aluden, na súa maioría, a escenas familiares cuxa continuidade nos transporta á evolución dos nenos e nenas durante o período infantil. Cheas de cor e con estampados xeométricos destacan pola súa sinxeleza e pola variedade de situacións ás que aluden.

En canto ao contido, neste volume atopamos un total de 16 cancións escritas en idioma galego. Estas cantigas están escritas en verso, predominando as rimas consonantes en todas elas e, como ocorre nas ilustracións, forman un conxunto para relatarnos  a historia de como os nenos viven determinadas experiencias segundo a idade que teñan.
Por último debemos destacar que o libro tamén contén un disco onde se atopan gravadas as cancións escritas, acompañadas do son de numerosos instrumentos musicais e doces voces que axudan a que non nos esquezamos delas.


Potencialidades: este volume é idóneo para comezar a introducir os nenos na poesía como elemento para a transmisión dos sentimentos e emocións, ademais de ser un utensilio perfecto para contar historias rimadas, cuxa musicalidade favorecerá a súa permanencia na memoria dos máis pequenos.
Como contido, poderiamos comezar a traballar os tipos de rimas pedíndolle aos nenos que, coa axuda dalgún membro da súa familia, crearan unha pequena estrofa que os identifique. Deste xeito poderemos potenciar a relación e comunicación entre pais e fillos.

Tamén sería posible, para estimular a motricidade, crear entre todos unha coreografía sinxela da cantiga que máis guste aos nenos e nenas. E non só isto, poderiamos contratar o espectáculo que se nos ofrece, ligado á obra, para gozar da música e a poesía!