venres, 31 de marzo de 2017

Los versos del libro tonto

Giménez, Beatriz. (2010), Los versos del libro tonto, ilust. Valdivia, Paloma, España: Faktoría k de libros, [64pp] (ISBN: 978- 84-15250-03-6)

Breve descrición do formato e contido: libro de poesía que se caracteriza por ter unha forma rectangular, coas tapas duras e os cantos rematados en punta. Por unha banda, na parte superior da cuberta aparece o título da obra en letras maiúsculas, simulando que están feitas a man. Debaixo, na parte dereita aparece o nome da autora e a ilustradora en cores suaves e letra pequena. Destaca a ilustración dunha árbore, que ocupa a maior parte do espazo. Igual que co título, simula que está feita a man, podendo ser o debuxo de calquera neno/a. Nas súas polas podemos observar a un libro personificado e a uns pequenos bichiños (os versos) que deixan voar a nosa imaxinación. Na parte dereita inferior atópase o nome da editorial. Por outra banda, a contracuberta é moi sinxela, pois na parte central atópase de novo o nome da editorial, en letra moi pequena, e na parte inferior aparecen de novo os bichiños da portada, cada un dunha cor. En ambos casos emprégase unha cor clara para o fondo, dándolle máis énfase ás ilustracións.

En canto ao título, fai referencia a que, ao estar pechado durante moito tempo, o libro volveuse tonto, e os seus versos fuxiron en busca dun dono. En relación ao interior da obra, está formada por 25 composicións. No inicio atopamos un índice, no que se presenta unha estrutura de inicio, tres  partes adicadas a os versos que fuxiron polo mar, polo aire e pola terra respectivamente, e un final. A continuación, nas páxinas pares aparecen os poemas, e nas impares as imaxes que os complementan.
Con respecto  ás ilustracións, seguindo o estilo da cuberta, simulan debuxos feitos a man, e sempre teñen algunha relación co tema do poema da anterior páxina. Son simples, xa que aparecen algúns elementos sobre un fondo liso, captando así toda a atención. Os versos aparecen de distintos tamaños e cores, o que implica a diversidade. As cores empregadas son moi suaves, dándolle máis importancia aos poemas que as acompañan, situados sempre sobre un fondo branco.  En canto ao tipo de letra, xógase moito con acrósticos e cos tamaños, colocando, por exemplo, a palabra “pechados” dentro dun cadrado, ou a palabra “pequenos” nunha letra de menor tamaño. O vocabulario que se emprega é sinxelo, de fácil comprensión.

O contido trata duns versos, que, cansos de estar nun libro que ninguén emprega, foxen en busca de alguén que lles preste atención. Os que fuxiron polo aire, foron tragados polo galo veleta; os que foron polo mar atoparon a unha sirea; aos que fuxiron pola terra, recolleunos un escaravello peloteiro. 


Potencialidades: con esta obra anímase aos nenos e nenas á lectura dunha historia nunha estrutura diferente á habitual, xa que se emprega a poesía. Ademais, as imaxes complementan os poemas, representando os elementos máis destacados e conseguindo que a lectura sexa máis atractiva para os máis pequenos. A historia esperta a curiosidade dos nenos pola poesía, que, alimentando a súa imaxinación mediante a creación dun mundo abstracto coa personificación dos versos, consegue ser moi atractivo para os nenos e nenas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario