venres, 10 de marzo de 2017

CERCA


Colombo, Natalia (2008), Cerca, ilust. da autora, trad. Manuela Rodríguez, Vigo: Kalandraka, [36 pp.] (ISBN: 978-84-8464-677-8).

Breve descrición do formato e do contido: Estamos ante un álbum ilustrado de Kalandraka, a editorial que abriu camiño ao resto das editoriais galegas neste ámbito (Domínguez, 2015). Este volume podémolo catalogar segundo a clasificación que fai Mónica Domínguez no documento “Tipos de álbumes ilustrados en galego dende 1998” en álbumes ilustrados de texto nunha soa lingua, no apartado literarios, narrativos sobre historias da vida cotiá.
O libro é de tamaño pequeno e formato rectangular cunha dimensión de 20 x 20 cm, é de fácil manexo para os máis cativos. As cubertas son de material duro, diferenciándose das páxinas do libro, que son de papel. Nesta, ao principio, aparece en grande e con letra maiúsculas o título do álbum, onde cada letra está composta por diferente decorado xunto coa imaxe dos personaxes e o nome da autora e da editorial, en cambio, na contracuberta aparece un pequeno debuxo de dous paraugas co ISBN.
      O álbum comeza e remata cunhas gardas cas mesmas ilustracións, só cambia que na primeira aparecen de novo os personaxes e no final aparece a palabra FIN ocupando o mesmo lugar en cada lado. A partir de aquí introducímonos nunha historia de 36 páxinas onde nos narran o conto de dous personaxes, o pato e o conexo, que viven nunha rutina de ir todos os días ao traballo polo mesmo camiño, e a pesar de cruzarse todos os días, non se falan nin se saúdan. Nunca chegan a comunicarse, non se dan a oportunidade de coñecerse.
Esta historia cóntase a través dun pequeno texto que aparece ao longo das páxinas en letras maiúsculas cambiando de cor e estampados, pero non é a única forma de seguila, xa que o libro presenta tanto o código textual como o ilustrativo e ao ser un álbum ilustrado, a través destas podemos seguir a historia que nos quere transmitir a autora, as imaxes falan por si soas, incluso dando pé a non precisar texto en todas as páxinas. Estas son a toda páxina e represéntanse de diversas maneiras, a partir de liñas rectas, de cadros,... vemos que son feitas a man, sendo naturais e fermosas con cores de diferentes tonalidades onde se notan os trazos da pintura e sen ser nítidas.


Potencialidades: Cerca é un dos libros en galego que gañou o 1º Premio Internacional Compostela para álbumes ilustrados. É un libro que serve tanto para nenos como para adultos xa que é unha fábula que conta unha historia orixinal e real. Trata de mostrar aos lector o mundo no que se vive; a autora fai unha crítica sobre a incomunicación, sobre o mundo de hoxe en día, a gravidade de vivir rodeados de xente que non coñecemos e que non deixamos que nos coñeza, a mala educación de non saudar, a ignorancia que se está dando no ser humano e que cada vez vai a máis debido ás novas tecnoloxías. A historia remata coa afirmación “Poderían ser grandes amigos.” e cunhas imaxes do pato e co coello xuntos felizmente paseando, xogando, tomando un café,..., isto fainos reflexionar sobre a vida, sobre como somos e como deberíamos ser, de como serían as cousas se as víramos de fronte, se nos enfrontásemos a elas e compartísemos máis momentos coa xente que temos na nosa contorna. A ensinanza do libro é que non debemos encerrarnos en nós mesmos, compartamos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario