xoves, 23 de marzo de 2017

VESTIDA CO ARCO DA VELLA

Cortizas, Antón, (2008). Vestida co arco da vella, ilust. Spela Trobec, Ferrol: Embora, col. Fardeldossoños. (+ 3 anos), [20 pp.]. (ISBN: 978-84-95460-93-6).



Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado narrativo escrito en verso con rima, de formato cadrado (21x21 cm), con pouca voluminosidade, tapa dura e encadernado con cartoné. A cuberta presenta, sobre un fondo de cor branca, a cara dunha nena á dereita e, á esquerda, unha serie de cores colgadas en vertical que semellan diferentes tipos de teas. Entre estas dúas cousas podemos ver o título da obra con letras en gran tamaño, mentres que na parte superior están o nome do autor e a ilustradora. Pola contra, a contracuberta ten un fondo máis impactante pola presenza, case na súa totalidade, da cor vermella.
O interior da obra presenta ilustracións orixinais e de calidade a toda páxina, con cores variadas e rechamantes representadas con distintas técnicas (colaxe, lápiz, acuarelas…), que completan o narrado polo texto. En case todas as páxinas, dependendo da cor da que se estea a falar, ésta aparece representada caso por completo. Tamén emprégase a voz poética mediante un texto “asentado na anáfora e o paralelismo” que “se dirixe a un receptor en segunda persoa”, tal e como comentan Roi, Blanca-Ana., Neira, Marta., Agrelo, Eulalia. (2009: 85) no capítulo "A poesía infantil no século XXI en Galicia" da obra A poesía infantil no século XXI (2000-2008)Finalmente, dicir que os textos están situados nas páxinas pares, impares ou en ambas, e neles xógase co tamaño das letras e utilízanse sobre todo as comparacións.
Ademais, as ilustracións, tal e como aparece na publicación O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010) de Blanca-Ana, Isabel Soto e Marta Neira (2011), poden chegar a emocionar ao lector máis novo pola beleza coa que están feitas e constrúen un código que provoca que o lector ou lectora teña que recodificar para así unir o código lingüístico co icónico nunha relación de complementareidade.
O contido trata dunha nena que vai describindo diversas prendas de roupa de diferentes cores comparándoas con elementos da natureza e obxectos cotiás. Ao mesmo tempo dinos que si algún día chegas a vestirte con algunha destas prendas, finalmente “ti a corda poderás choutar co arco da vella collido das mans”.

Potencialidades: é unha obra coa que os nenos e nenas poderán aprender fundamentalmente as cores, pero tamén diferentes prendas de roupa e adxectivos con máis facilidade grazas a axuda que nos proporcionan as rimas e comparacións, recursos que ao mesmo tempo favorecen a memorización e estimulan a concienciación fonolóxica ao presentar palabras con sons semellantes. Ademais, este último aspecto resulta imprescindible desenvolvelo dende os primeiros anos, pois é un prerequisito básico para posteriormente aprender a ler e escribir. Da mesma forma este conto pode ser moi útil para que se introduzan na lectura en lingua galega a medida que van aprendendo e aumentando o seu vocabulario para que sexa máis rico e variado.
Outro feito a destacar é que achega unha forma innovadora de que os cativos e cativas aprecien as cores, as obras artísticas e outras calidades das cousas a través das fermosas ilustracións, introducíndose así na linguaxe visual e comprendendo que unha imaxe ás veces pode dicir moito máis que mil palabras. 
A complementación dos textos coas ilustracións tamén é un bo modo de deixar voar a imaxinación, xa que a medida que se van pasando as páxinas e se vai narrando a historia comezan a aflorar na mente miles de escenas de como poderías estar vestido coas prendas descritas e choutando así co arco da vella. 
En definitiva, esta obra é un instrumento con múltiples utilidades coa que se pode traballar a través da súa lectura, complementando a mesma con expresións artísticas elaboradas polos nenos/as e mesmo coa elaboración dunha representación teatral.
Se queres saber máis só tes que coller este álbum e sumerxirte nel, pois non hai mellor forma de introducir aos neniños/as na lectura e na aprendizaxe que a través da diversión que podemos atopar no interior dun conto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario