Amosando publicacións coa etiqueta Os medos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Os medos. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de abril de 2020

Augusta e os seus medos



Fernández Trelles, Sabela (2015). Augusta e os seus medos. Ilust. Alicia Suárez, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-783-3).

Descrición do formato e o contido: este é un álbum ilustrado escrito por Sabela Fernández Trelles e ilustrado por Alicia Suárez, vai dirixido a nenos/as a partir dos 4 anos. A historia está protagonizada por unha nena que quere cumprir moitos soños, mais non o consegue polos medos que ten. Tras pedirlles axuda aos seus pais, dáse conta de que a única forma de superar os medos é enfrontarse a eles.
Este volume de capa dura presenta na cuberta unha imaxe diferente á da contracuberta. Na primeira aparece Augusta voando cun paraugas mentres chove e ao fondo aparecen máis personaxes do álbum facendo o mesmo que a nena. Porén, na contracuberta soamente aparecen uns corazóns en forma de flores. En ambas empréganse cores claras e vistosas, tanto nas imaxes coma nas letras do título, para chamar a atención do lector. Nas gardas iniciais aparece unha imaxe de Augusta coas mans na cara representando o medo que ten. Isto contraponse co que aparece nas gardas finais, nas que podemos atopar a imaxe da nena sorrindo, emoción que demostra que superou os seus medos. Na portada empréganse letras grandes e vistosas, ademais aparecen uns debuxos de barcos de papel de diferentes cores. Antes da portada, aparece unha páxina cos títulos de crédito e a dedicatoria da autora.
O texto presenta un narrador omnisciente en terceira persoa que vai contando como vive o seu día a día cos seus medos. A estrutura é lineal e nela vese o que fai Augusta, coa axuda dos seus pais, para ir superando os diferentes medos. Aparecen algunhas frases con letras de maior tamaño, que pretenden captar a atención do lector e aportar intensidade á historia. O texto está escrito con letras grandes que facilitan a lectura. Emprega frases curtas cun vocabulario acorde coa idade á que vai dirixido. O contido do texto está centrado nos medos e como se pode facer para superalos. As imaxes recrean o que di o texto, facilitando a súa comprensión. As imaxes ocupan a páxina completa. No texto faise referencia aos animais cando a nena ten que superar o medo que ten ao xardín, neste momento aparecen ilustradas diferentes bolboretas. Os materiais empregados son acuarelas, que destacan no fondo branco.

Potencialidades: A lectura deste álbum ilustrado permite reflexionar sobre o que nos dá medo na vida e valorar as razóns que nos producen esa sensación. Identificar os medos é o primeiro paso para poder superalos. A través de historias como a de Augusta, as nenas e nenos poden sentirse identificados e comprender a necesidade de superar os seus temores. Ademais, coñecer as estratexias que lle serviron á protagonista, estimulan actitudes positivas, entre elas o ser capaces de pedir axuda aos pais ou mestres/as para conseguir o noso propósito.

Recursos educativos:




Del más miedoso... Al más valiente. El miedo




Roca, Núria (2005). Del más miedoso… Al más valiente. El miedo. Ilust. Rosa Mª Curto. Barcelona: Edebé, [36 pp.]. (ISBN: 84-236-7767-2).

Descrición do contido e formato: este é un álbum ilustrado creado por Núria Roca e ilustrado por Rosa Mª Curto. É un libro con tapas duras que mostra na súa cuberta aos personaxes da historia; nunha franxa branca aparece unha nena rindo e nunha azul, una nena e un neno escapando. Con estes debuxos adiántase a temática do conto, sendo a branca a que reflicte valentía e a azul a que mostra os medos. Na contracuberta ofrécese un breve resumo da historia e o nome da colección á que pertence. Nas gardas aparecen debuxados os monstros e animais que aparecen ao longo da historia. Estes están debuxados con cores alegres e formas vistosas que intentan captar a atención do lector dende o comezo. Na portada aparece un deseño similar ao da cuberta, ao presentar a páxina dividida en dúas partes co título El miedo. Na parte superior aparece un rapaz tremendo polo medo, mentres que na inferior, está un rapaz cos brazos erguidos sen ningún signo de que teña medo.
Este libro conta catorce historias relacionadas con diferentes medos e como facer para poder facerlle fronte. Nas diferentes páxinas aparecen ilustracións que complementan o texto, estas imaxes son bastante realistas e empregan cores vistosas cando pretenden destacar algo, normalmente os fondos son brancos ou con cores claras. Ao longo da historia a autora fai unha comparación entre os personaxes con medo e os que non o teñen, aparecendo estes últimos cando xa se deron as pautas para combatelo.
O texto presenta un narrador en terceira persoa que vai introducindo ao lectorado na historia, interactúa con el e faille diversas preguntas, como se fose o protagonista. Cada historia é independente e os títulos están escritos con letras grandes e mesturando dúas cores para captar a atención. Estas mostran diferentes situacións de medo con nenos e nenas como protagonistas. Primeiro móstrase como teñen medo e, despois de darlles o consello adecuado para se enfrontar a el, pasan a se converter en situacións de xogo e risas. Os textos presentan un vocabulario sinxelo e frases curtas, adaptadas á idade dos/as nenos/as aos que vai destinado o libro.
No final da obra aparecen varias páxinas con actividades para realizar tras a lectura, todas acompañadas con imaxes ilustrativas, e unha guía para os/as pais/nais, na cal se explica en que consiste o medo e se lles ofrece distintas alternativas para previr a súa aparición e como actuar ante esas situación. Nesta última pódese observar un cambio de letra, sendo moito máis pequena e con vocabulario máis complexo. Por ultimo, podemos atopar a páxina de créditos na cal aparecen os títulos das outras obras da colección.

Potencialidades: con este álbum ilustrado pódese traballar, con nenos/as de 3 a 5 anos, os diferentes medos e as inseguridades. A través de diferentes personaxes podemos mostrarlles distintas situacións que poden provocarnos medo e afectarnos no desenvolvemento da nosa vida con normalidade. A lectura destas historias permítenos ensinarlles que temos que xestionar esta emoción e que, a través das situacións que aparecen no álbum, existen distintas formas de facelo.