xoves, 30 de abril de 2020

Yo matare monstruos por ti



BALMES, Santi (2011). Yo mataré monstruos por ti, ilust. Lyona, Principal de libros, Barcelona 32 pp. (ISBN: 978-84-938978-8-8)


Descrición do formato: Yo mataré monstruos por ti é un álbum ilustrado narrativo de Santi Balmes con ilustracións de Lyona. Ten unhas dimensións de 25x25 cm de tapa dura e 32 páxinas resistentes. O libro está recomendado para nenos e nenas maiores de 6 anos. A cuberta presenta á protagonista e a un monstro, xunto con título da obra e os nomes do autor, Santi Balmes, e da ilustradora, Lyone, sobre un fondo azul cian tono pastel.

A contracuberta conta cun breve resumo da historia coa mesma tipografía que utiliza para o resto do conto e sobre unha cor azul pastel escura. No interior do libro atopamos ilustracións cun estilo primitivista, debuxos básicos, sinxelos e planos, xunto cunha técnica dixital, tanto o trazo coma a cor. A tipografía recorre a unha letra que imita a manuscrita, o que fai que sexa complicada para a lectura dos principiantes, aínda que vai acorde coas ilustracións. 

Trátase dun libro interactivo, xa que os nenos e nenas terán que xiralo para poder lelo.

Descrición do contido: a historia aborda os medos nocturnos dos nenos e nenas. A protagonista, Martina, non consegue durmir polas noites polo medo aos monstros. Martina está convencida de que debaixo do chan hai un mundo paralelo de monstros. Á rapaza 
preocúpalle que estes dous mundos se poidan xuntar. O pai de Martina tenta tranquilizala e dille que o tamaño dos monstros dependerá do valente que sinta ela e que se estes son moi grandes, el mataraos. Efectivamente, como dicía a nena, debaixo de Martina atópase Anitram, unha pequena monstruíña moi peluda e rechoncha de cor rosa cos mesmos medos da protagonista: ela tamén teme que poidan levala. O paimonstro dille que o medo é elástico como unha goma de mascar, que se pode facer máis grande ou máis pequeno. De súpeto unha noite, mentres Martina e Anitram dormen, os seus brazos deslízanse fóra da cama e atópanse por primeira vez e nese momento decátanse de que son iguais e que non teñen de que temer unha da outra.

Potencialidades: a lectura desta obra ten unha perspectiva moi orixinal para tratar os medos nocturnos, xa que se confrontan perspectivas e iso enfatiza a capacidade dos máis pequenos para entender a visión do outro. Ademais tamén se poden abordar outras temáticas como as cores, lateralidade, emocións, sentimentos... Na miña opinión é moi divertido para os nenos/as, xa que ao ser interactivo divírtense virando o libro. 

Recursos: 
Pódese ler a obra completa en: file:///C:/Users/Isabel/Downloads/Yo_matare_monstruos_por_ti.pdf (consultado o 18/4/20). 

Pekeleke (2020). Yo mataré monstruos por ti. Recuperado de https://pekeleke.es/libros/yo-matare-monstruos-por-ti-de-santi-balmes/ (consultado o 18/4/20).

Te quiero (casi siempre)


LLENAS, Anna (2015). (Te quiero (casi siempre)), ilust. Anna Llenas, Barcelona Espasa Libros [23 pp] (ISBN: 978-84-670-4370-9)

Descrición do formato: a obra é un álbum ilustrado narrativo de 27x27 cm de tapa dura e 23 follas resistentes, de tal maneira que facilita o seu uso por parte dos nenos/as, xa que está recomendado para nenos a partir de 3 anos. A cuberta móstranos aos protagonistas, Lolo e Rita, un bicho bóla e un vagalume. É unha ilustración de técnica mixta con colaxes sobre un fondo turquesa, onde atopamos aos personaxes acompañados do título da obra e do nome da autora e ilustradora. Na contracuberta aparece una escena similar, un breve resumo do contido da obra e outra vez a Lolo e Rita. No interior da obra predomina a ilustración acompañada de breves oracións. Estas ilustracións acompáñanse de tipografías desiguais, dando énfase e destacando palabras clave da oración, para así facilitar tamén a comprensión lectora. A ilustradora utiliza cores vivas e xoga continuamente coas gamas de cor. Destacan tamén os trazos a man, moi sinxelos pero incriblemente expresivos, ao combinar a técnica da colaxe con materiais reciclados, o que lle permite outorgar volume aos seus debuxos. 

Descrición do contido: Te quiero (Casi Siempre), de Anna Llena, é unha fermosa obra que conta unha historia de amor entre un bicho bola chamado Lolo e unha vagalume chamada Rita que, a pesar das súas grandes diferenzas, aprenden a quererse. Lolo é forte e resistente, experto en camuflaxe, sempre ten os pés no chan e todo controlado. En cambio Rita é lixeira e delicada, brilla como ninguén, é imaxinativa, voa polo aire e gústalle improvisar. Os personaxes séntese diferentes e por iso se gustan. Todo vai ben ata que comezan a chocar polas súas diferenzas, porén a medida que transcorre o conto aprenden a adaptarse un ao outro. 

Potencialidades: a lectura desta obra pon de relevo a importancia de respectar as peculiaridades dos demais, aprender a negociar e a mellorar ou adaptar aquelas actitudes ou intereses nos que somos máis diferentes e que levan a conflito. Reflexionar sobre estas diferenzas e como a pesar delas os caracteres máis distintos se atraen, tamén axuda a percibir as particularidades de cada persoa e as necesidades de convivencia harmónica e complementariedade. Coa lectura desta historia na aula educaremos aos nenos e nenas na diversidade e tamén aprenderán a empatizar cos demais, mellorando así a convivencia na aula e na sociedade futura. Ademais, trabállase a intelixencia emocional, ao identificar estados anímicos e sentimentos, nun texto que está repleto de adxectivos que nos axudarán a que os máis pequenos amplíen o seu vocabulario, a expresar mellor os seus sentimentos, e a poder identificalos nos demais.

Recursos: Materiais sobre a obra en: http://www.annallenas.com/ilustracion-editorial/te-quierocasi-siempre-recursos-gratis.html#.XptTD5mUU2w (consultado o 17/4/20). Pekeleke, en https://pekeleke.es/libros/te-quiero-casi-siempre-de-anna-llenas/ (consultado o 17/4/20)

A horta de Simón




ALEJANDRO, Rocío (2017). A horta de Simón. Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado. Pontevedra: Editorial Kalandraka (ISBN: 978-84-8464-348-7).

Álbum ilustrado de Rocío Alejandro que foi recoñecido co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado en 2017 e co Premio Fundación Cuatrogatos en 2019. De tapa dura e dimensións de 22.5 x 25 cm, presenta unha cuberta de cor laranxa nun ton máis clariño ca outras partes do libro. Na parte superior concéntrase o texto indicando nel o título con letras negras e de gran tamaño e xusto debaixo, cunha letra máis pequena e de cor laranxa, indícase o nome da autora. A parte inferior consta dunha ilustración que representa a Simón, o coello protagonista, agochado detrás do valado da súa horta.

Na contracuberta, tamén de cor laranxa e ocupando toda a superficie, aparecen pequenas cenorias nunha tonalidade máis clara. Na parte superior podemos ver o logotipo do departamento de Educación e Ciudadanía de Santiago de Compostela e na parte inferior temos un código de barras co ISBN do libro e a páxina web da editorial Kalandraka.

Xa no interior, tanto as gardas iniciais coma as finais son de cor laranxa clara e presentan pequenos puntiños por toda a superficie. A páxina de dereitos achega información relevante como o ISBN ou o número do depósito legal, así como os datos da editorial. Ocupando unha boa parte da páxina temos un agradecemento da autora e un texto referido ao galardón recibido pola obra e os membros do xurado. Na parte inferior temos unha ilustración dunha canasta chea de cenorias e o selo que nos di que o papel utilizado para as páxinas procede de fontes responsables.
portada é de cor branca e neste caso a ilustración ten algo máis de protagonismo ca o texto. O título e a autora aparecen coas mesmas características ca na cuberta pero a ilustración mostra a Simón realizando unha  acción que nos pon en coñecemento a temática da historia.

A disposición de cada dobre páxina é co texto centrado na páxina do lado esquerdo, de cor negra e sobre un fondo laranxa, mesturándose a voz dun narrador en terceira persoa cos diálogos dos personaxes. A ilustración, a toda páxina, representan as accións mencionadas no texto. E vai amosando os elementos que introduce no texto, como por exemplo os vexetais e hortalizas que plantan na horta. Nun principio, a páxina que contén a ilustración conta cun marco formado polo valado da horta de Simón. Pouco a pouco, segundo avanza a historia, o tamaño da ilustración aumenta, pasando a aparecer tamén no lado esquerdo e facendo que o texto pase a un segundo plano.

Desde o punto de vista do argumento, este álbum ilustrado achégalle ao lectorado a historia de Simón, un coello que, como cada primavera, decide plantar as súas cenorias. Mentres recollía as cenorias da súa horta, os veciños achegábanse e propuñan plantar novas hortalizas e verduras. Ao principio a Simón non lle pareceu boa idea pero finalmente decide aceptar e facer un cartel no que pon que a horta é de todos e convídaos a merendar. 
O texto conta cun narrador heterodiexétio en terceira persoa, mentres que as intervencións recollen os diálogos dos personaxes cos que se atopa Simón. Estes personaxes son: 
a.                  Polo: un ratiño que lle propón a Simón plantar unhas poucas leitugas.
b.                  Cora: unha galiña que se achega e quere plantar tomates.
c.                  Isidoro: o chivo ao que lle gustaría sementar berenxenas.
d.                  Iago: o porquiño que quería sementar millo.
e.                  Maruxa: unha raposa que devecía polos amorodos.
f.                   Pepe: o parrulo que se deu conta de que Simón xa non estaba na horta.

Destaca o feito de que os animais protagonistas amósanse personificados, é dicir, realizan actividades propias das persoas empregan ferramentas, falan e levan roupa. Ademais, cando se presenta un novo personaxe, mencionase o seu nome pero non se define que animal é, temos que ver as imaxes para sabelo.

Potencialidades educativas: 

1) Dende a dimensión lúdica mostra a posibilidade de realizar actividades nas que as nenas e os nenos manipulen a terra, ferramentas de traballo, sementes…
2) É un recurso para a educación ecolóxica, o respecto á natureza e reflexionar sobre a importancia que o medio ten para a nosa subsistencia.
      3) Facilita a asociación de debuxos con accións.
4) A través da historia podemos coñecer os diferentes pasos para sementar algúns alimentos (preparar a terra, espallar as sementes, coidar e regar e por último recoller os alimentos)5) É un libro moi visual, facilitando así a súa comprensión a través da lectura visual das imaxes, especialmente pola súa capacidade de suxestión e interpretación.
6) Axúdanos a traballar temas como a amizade e a necesidade de axudar e compartir, pero sobre todo para reflexionar sobre o traballo colaborativo.  

Orellas de bolboreta



Aguilar, L. (2008). Orellas de Bolboreta, ilust. André Neves, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [32 pp]. (ISBN:978-84-8464-662-4).

Descrición do formato: álbum ilustrado, impreso en papel, composto de 32 páxinas e dirixido a nenos e nenas de entre 3 a 8 anos. Na cuberta aparece na parte central a protagonista da historia sobre un fondo verde e amarelo cun estampado de flores. Desta imaxe podemos salientar que a ilustradora realza o pelo da protagonista, facendo que ocupe un grande espazo e imprimíndolle relevancia. Ademais do seu cabelo tamén salientan outros trazos como o seu nariz moi matizado e no que aparecen letras, simulando unha páxina de xornal, as orellas de gran tamaño e enriba do seu ollo dereito apréciase o deseño dunha flor azul con follas rosas, mentres que no vestido aparecen de novo letras debuxadas. Ademais, tamén aparece na parte superior o título da obra e os nomes da autora e do ilustrado, xunto cunha bolboreta azul, flores de diversas cores e tamaños e un pequeno cartel no que se pode ler o nome da editorial.Esta cuberta configura unha imaxe rechamante, tanto polo contraste de cores coma polos seus debuxos.
A contracuberta é sinxela, mantén o mesmo fondo que a cuberta e algúns dos elementos citados, como as flores, xunto co nome da colección “demademora”. As gardas presentan un fondo azul en distintos tons, sendo máis claro na base e máis escuro na zona superior. Encima deste fondo sae nove bolboretas, tamén azuis co contorno negro, medio corpo da protagonista simulando que está voando e un banco no que volven saír letras debuxadas.

                           

As ilustracións do interior ofrecen unha lectura paralela á historia. Resaltan pola súa orixinalidade, polos trazos moi marcados dos personaxes: uns teñen a cara alongada, outros redonda, uns teñen o nariz vermello e cadrado, outros alongado e con letras, uns teñen pelo curto e marrón, outros levan gorro. Esta diversidade contrasta coa semellanza entre a nena protagonista e a súa nai, tanto polo estilo de pelo, nariz, orellas, así como os trazos dun rostro similar. É importante mencionar que nas ilustracións se percibe un carácter entre cómico e esaxerado das figuras. Na miña opinión as ilustracións deste conto son un modo de reivindicar a riqueza que hai na diversidade.




Descrición do contidoestamos ante unha narración lineal cun vocabulario sinxelo e con numerosos diálogos e repeticións. Cabe resaltar que, o formato da letra non sempre é o mesmo, senón que utiliza dous tipos de letra: un para as burlas e outro para a resposta e o resto de argumentos. Isto, na miña opinión, é outro recurso para remarcar as posicións encontradas entre agresores e agredida, entre falta de respecto e habelencia intelixente nas respostas. Os temas nos que se centra a obra son a autoestima e a apreciación da diversidade como algo positivo, aínda que tamén traballa outros temas secundarios como son a resiliencia, a empatía ou o rexeitamento ao acoso.

Potencialidades: a lectura desta obra sitúanos ante unha temática de gran relevancia social, xa que con ela se pode traballar o concepto de diversidade, potenciando a empatía e explicando a necesidade dunha socialización positiva. Ademais, tamén nos permite traballar o desenvolvemento da autoestima e da resiliencia.


Premios e outras mencións:

  •   Finalista do IV Premio Nacional de Cittá di Bella (Italia 2008).
  • Selección Ministerio Nacional de Educación (Argentina 2015).
  •      Plan Nacional de Lectura (PNL, Portugal).
  •    Programa “Leggere senza stereotipi” (Italia 2015).




El payés y los caracoles


LARREULA, Eric, RUIZ e CORBERA (1982). El payés y los caracoles. Barcelona: Teide, col. Graó (ISBN: 84-307-2920-8).
Este conto é un álbum ilustrado, escrito por Enric Larreula (1982), o cal conta con ilustracións de Ruiz  e Corbera. Está composto de cartón fino e presenta unha cuberta simple a raias amarelas e brancas. Na parte superior aparece o título do libro e o nome da editorial na parte inferior. No centro da cuberta amósase un recorte en forma de cadrado no que podemos ver un anaco da ilustración final, na que aparece unha horta con leitugas e dous caracois enriba dunha delas. A contracuberta segue a mesma temática cá cuberta, na parte central amósase un recadro co nome da colección e as quince obras do que está composto, entre elas El payés y los caracoles.
No interior do libro aparece a portada de cor branca, na parte superior móstrase o nome da colección e o número do libro ao que pertence dentro desta. Na parte central amósase o título ao cal se lle dá máis importancia, xunto coa ilustración mencionada con anterioridade. Na parte inferior aparece o nome do autor xunto cos ilustradores e a editorial. No centro da última páxina aparece a páxina de dereitos do libro.
O libro está composto por vinte e catro páxinas, enumeradas na parte inferior, de 20x21. As páxinas son de papel e non teñen resistencia. O texto e as ilustracións non están nun lugar fixo, senón que adoptan diferentes posicións, nas que se realzan unhas ou outro en función da lectura que se quere destacar, a visual ou a textual. Nas ilustracións aparecen os personaxes principais, o payés e os dous caracois, aínda que non aparecen en todas as páxinas, sempre coa horta de fondo. Por outro lado, destacar que as ilustración son debuxos con pouca realidade que imitan estar feitos con acuarelas. Por último, en canto á tipografía observamos que é grande, sinxela e clara.
O argumento está composto por un narrador en terceira persoa que se mestura con diálogos en primeira persoa dos personaxes. O narrador cóntanos a historia dun payés que tiña unha horta na que coidaba as plantas. Este enfadábase moito porque os caracois lle comían as follas da leituga, ata que un día os caracois lle explican ao payés porqué comen as follas das súas leitugas. Finalmente este decide plantar unha col só para os caracois.

Potencialidades educativas: a lectura desta obra propicia reflexións sobre a importancia do coidado dos animais e da natureza, ao achegar á infancia a se iniciar na aprendizaxe de novo vocabulario sobre a horta, ademais de coñecer a alimentación dos animais, neste caso dos caracois.

El pequeño Valentín



Schmidt, Hans-Christian (2003). El pequeño Valentín, ilust. Hartmut Bieber, trad. Amalia Bermejo. Madrid: Santillana Ediciones Generales (ISBN: 84-372-2404-7).

Álbum ilustrado de Hans-Christiann Schmidt e Hartmut Bieber traducido ao castelán por Amalia Bermejo. A cuberta é de cartoné, cun tamaño de 22.5 x 25 cm. Nela aparece o protagonista, un rato de cor gris observando unha bolboreta que sae voando dunha flor. Entre a vexetación aparece unha toupeira e no fondo o mar, un barco e un faro xunto a un acantilado. Por outra banda, na parte superior esquerda aparece o nome do ilustrador, mentres que na parte superior central aparece o nome do albúm e na dereita o nome do autor. A contracuberta está composta por un fondo de cor laranxa, que imita o atardecer. Así mesmo, aparece a bolboreta mencionada con anterioridade, a cal observa o aterdecer desde o cumio dunha montaña. Por outra banda, no lado inferior esquerdo aparece o ISBN xunto cos datos de autoría, o do deposito legal e a idade recomendada (+4 anos). Por último, na parte central, aparece o resumo da obra.
Elaborado en cartoné e coas esquinas redondeadas, o que facilita a sua manipulación por parte de nenos e nenas pequenos/as. En canto ás ilustracións, ocupan as páxinas pares e impares con debuxos sinxelos e coloridos. Así mesmo, debemos destacar que as ilustracións manteñen unha estreita relación unhas con outras, xa que se trata dun albúm de transformacións debido a que os obxectos que observa o protagonista se transforman noutros ao cambiar de páxina. Por exemplo, unha montaña transfórmase nunha árbore mediante o troquelado desa ilustración e un paraugas nunha flor. Respecto ao texto, este atópase na parte superior de cada páxina dándolle desta maneira protagonismo ás ilustracións. As letras son pequenas e de cor negra.
En canto ao argumento da obra, o protagonista é un rato de cor gris chamada Valentín que sae a pasear. Durante o paseo atópase con diversos elementos naturais que se para a observar de maneira respectuosa. Estes elementos van sufrindo diversas transformacións, xa que ao pasar as páxinas transfórmanse uns noutros. Así mesmo, Valentín observa como unha larva se converte en bolboreta e voa entre a vexetación e as flores. Por último, debemos destacar que este albúm, xogando coas ilustracions, nos amosa que o que vemos non sempre se axusta á realidade, á vez que, dunha forma didáctica, nos mostra o ciclo da naturera. A historia xira ao redor dun só personaxe, o protagonista. Este móstrase como un rato curioso, o cal lle gusta pasear e observar a natureza. A pesar disto, e aínda que non se mencione no texto, nas ilustracions aparecen diferentes personaxes como os paxaros, patos, unha abella ou unha toupeira. Respecto ao narrador da historia, este é heterodiexético, é dicir, o narrador está en terceira persoa, xa que é o propio narrador o que conta a historia dende fóra.

Potencialidades educativas: a lectura desta obra ofrece, dende unha visión lúdica, o xogo mediante as transformacións da imaxes, xa que podemos xogar co efecto sorpresa como co relevo das ilustracións. Tamén potencia a atención dos nenos/as mediante o efecto sorpresa das transformacións e propicia a reflexión sobre o ciclo da natureza: o anaco de madeira foi unha árbre, a eiruga convértese en bolboreta e despois da chuvia sae o sol. Esta obra tamén facilita a interacción cos/as nenos/as, xa que poden manipular e observar as transformacións do libro e os seus relevos sen que este se rompa. 

Familias


Sánchez, Verónica (2018). Familias, ilust. Marina Mayor. Barcelona: Somos libros. (6-8 anos)



Descrición do formato: poemario escrito por Verónica Sánchez e ilustrado por Marina Mayor. Composto en lingua castelá, consta de 48 páxinas en cartoné. A cuberta presenta un fondo branco e o debuxo dunha cama. Isto é algo revelador xa que é o elemento que acompaña todos os poemas. Predomina a cor turquesa e gris. A colcha da cama ten un estampado de puntos de diferentes cores e tamaños. Ademais deste elemento, tamén atopamos o título da obra, o nome artístico da escritora, da ilustradora e da editorial. Na contracuberta, sobre fondo branco aparece un breve resumo do contido do libro e a mesma cama, pero desta banda desfeita. As gardas están tinxidas de verde turquesa. As do principio teñen a ilustración da cama cun trazo fino e un pouco difuminado. Con esta mesma técnica está debuxada nas gardas do final, pero como na contracuberta, agora aparece desfeita. Isto simboliza que a utilizou unha familia. Na portada aparecen unicamente os datos da edición (título, autora, ilustradora e editorial) sobre un fondo branco, mentres que os títulos de crédito se sitúan no final da obra, na páxina anterior ás gardas. Despois da portada, atopamos unha páxina en branco cunha dedicatoria: “A nuestras familias”.



Contido: O título, Familias, está directamente relacionado cos poemas. Cada composición presenta un tipo de familia diferente: homosexual, heterosexual, monoparental, unifamiliar, multirracial, numerosa… Os títulos de cada poema son: “Alex y sus mamás”,” Abuelitos”, “Las gemelas”,” Jan y su familia”,” Aritz tiene dos familias”,” Iria, su mamá, su papá y el bebé que va a llegar”,” La tía María”, “Gonzalito y sus papás”,” Raquel y su mamá”,” Familia multicolor”, “La pareja multirracial”,” La gran familia”, “Pepe y su familia”, “Susana la valiente, con su gato suele estar”, “Miguel y Gabriel” e “Martín y Lucas”. O conxunto reflicte o mundo, diferentes tipos de combinacións para darllas a coñecer ás crianzas e que as asimilen como algo normal. Traballar este tipo de temas é moi importante para desenvolver neles unha conciencia crítica e normalizar situacións, así nun futuro é menos probable que se contaminen con prexuízos ou odio inxustificado. 
Os poemas teñen entre dúas e tres estrofas, polo tanto son bastante breves. Entre eles destacamos o de “La tía María”, que é o que máis relacionado está coa temática do empoderamento e a abolición de estereotipos de xénero. Nas composicións hai rima consonante, aínda que predomina a asonante. A linguaxe empregada é clara e sinxela e con poucos recursos literarios, agás algunhas comparacións.
As ilustracións están debuxadas e coloreadas con lapis de madeira, o que lle dá suavidade á imaxe. Mestura cores cálidas e frías, estas son apagadas, non se caracterizan pola súa vivacidade. Cada vez que pasamos a páxina, vemos á esquerda o poema sobre un fondo sólido (vai variando a tonalidade) e á dereita o debuxo. Ao final do libro hai unha cama baleira para que as crianzas poidan debuxar a súa propia familia. Está acompañada con esta frase “Existen tantas familias como formas de amar. Una familia no necesita ser explicada, sólo vivida. Y tu familia, ¿cómo es?” Isto afianza o sentido do libro, xa que o importante é que entre os nosos seres queridos haxa amor e respecto, a forma ou o número, é insignificante.



Potencialidades educativas: Este libro é un poemario que reflicte a diversidade de familias que existen, dándolle a volta aos roles establecidos pola sociedade e normalizando a liberdade sexual e de elección de mulleres e homes. O libro serviríanos tamén para achegar a poesía aos máis pequenos, traballar a conciencia fonolóxica para o desenvolvemento da linguaxe, traballar o ritmo e a musicalidade. Tamén poderíamos abordar os sentimentos que lle provocan ás crianzas estes poemas, e pedir que cada un debuxe ou fale da súa propia familia. 




Marta no da besos


Gaudes, Belén e Macías, Pablo (2017). Marta no da besos, ilust. Nacho de Marcos. Madrid: Cuatro Tuercas (a partir de 3 anos)

Descrición do formato: álbum ilustrado de cartoné, da colección “Ande yo valiente” e cun total de 25 páxinas. A cuberta presenta un fondo nun azul luminoso e no centro a ilustración de Nacho de Marcos na que aparecen unha nena e unha anciá. A nena parece que non quere recibir un bico por parte da anciá, o que nos revela, xunto co título, máis arriba en branco e en grande, que a nena, Marta, non quere que lle dean bicos. As cores empregadas son vivas e alegres, mesturando frías con cálidas. Tamén aparecen na cuberta os nomes dos autores e o ilustrador, xunto co da colección e da editorial. A contracuberta está tinxida coa mesma cor azul luminosa e aparece a mesma ilustración ca na cuberta, pero máis pequena, ao carón dun breve resumo do que nos atoparemos no libro. Máis abaixo está o nome da colección e información editorial. As gardas están tinxidas dun amarelo claro e luminoso. Na portada está a mesma ilustración ca na cuberta e contracuberta, pero esta vez sobre un fondo branco co título debaixo e a dedicatoria: “A todas las Martas del mundo que tienen los besos contados”. O texto do conto está escrito en letras minúsculas e bastante pequenas.

Contido: O título, Marta no da besos, xa nos revela o tema deste libro, que é a expresión da afectividade. A historia é rimada e cada dobre páxina mostra unha situación diferente á que se ten que enfrontar Marta, a protagonista. Todas esas situacións teñen relación coas persoas da súa contorna que lle piden bicos a cambio de obxectos materiais, algo que Marta non considera necesario. Deste modo trátase un tema moi normalizado na nosa cultura como é a necesidade de que os nenos e nenas pequenos teñan que dar bicos na meixela aos adultos que coñecen como costume. Porén, neste caso, Marta decide que os bicos soamente os dará cando queira e a quen queira, non cando llo impoñan. O texto está narrado en primeira persoa, aínda que tamén aparecen diálogos coas persoas do círculo da nena, que interactúan con esta: unha veciña, o froiteiro, un amigo do seu pai, a súa nai… Ao principio non ten unha estrutura lineal, porque calquera desas situación puido pasar nunha orde diferente. É nas últimas páxinas cando a nena resolve o problema ela soa despois de negarlle un bico á súa nai.
Con respecto ás ilustracións, ao longo do álbum, configuran unha unidade de sentido cada dobre páxina. Marta aparece en todas elas e a gama de cores é moi variada, mesturando cores frías con cálidas e tamén diferentes texturas. As ilustracións parecen estar debuxadas e coloreadas, ás veces de forma incorrecta e outras mesturando estampados. Incluso algunhas figuras ou obxectos están inacabados ou sen pintar  o que lles resta importancia na historia por centrarse a atención nas personaxes. As expresións das personaxes están moi ben representadas, incluso as persoas que piden os bicos teñen a boca máis grande, co que son máis facilmente recoñecibles. Xa sen ler o texto sabes que esa persoa tamén vai pedirlle o correspondente bico á nena. Marta remata dando un consello no final do libro: “Da besos solo a quien quieras y solo cuando tu decidas”, revelándose contra o costume e a imposición de bicar a descoñecidos, unha realidade na nosa sociedade. 

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permite reflexionar sobre as diferentes manifestacións da afectividade, sobre a necesidade ou non destes xestos e os sentimentos que poden experimentar nenas e nenos aos que non lles gusta o contacto físico con adultos. É un tema controvertido pola aceptación social e a súa implantación colectiva, o que leva a que en moitas familias se impoña este tipo de acto, sen ter en conta o que desexan facer os máis pequenos. Con esta lectura ponse de manifesto a importancia da liberdade das expresións afectivas, a espontaneidade e sobre todo tomar consciencia de que non se pode exercer presión sobre os máis pequenos para que realicen este tipo de actos, que poden contribuír a unha imaxe distorsionada do consentimento e o afecto.

mércores, 29 de abril de 2020

Orellas de bolboreta



Kalandraka: Book detailsOrellas de bolboreta (demademora): Amazon.es: Aguilar, Luisa ...


Aguilar, Luisa, (2018). Orellas de bolboreta. Ilust. Neves André. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, (6-8 anos), [ 32 pp.]. (ISBN:978-84-8464-662-4).


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado traducido á lingua galega de Luísa Aguilar e André Neves, cun formato cadrado e unhas dimensións de 2 2 x 22cm. Na cuberta aparece a protagonista cos seus trazos característicos, xunto cunha bolboreta e un fondo amarelo cheo de flores. Na contracuberta aparece ese mesmo fondo amarelo con flores doutras cores. Neste libro cóntase a historia dunha nena chamada Mara que ten que soportar que se metan con ela un grupo de nenos, pero a ela non lle afecta e demostra en cada contestación o contenta que está con ela mesma, actitude na que tivo moito que ver a súa nai. Cada páxina do libro conta cunhas imaxes que acompañan o texto, as cales axudan a que se entenda ben, de modo que as ilustracións permiten seguir a historia a través da lectura visual.

OREJAS DE MARIPOSA

Potencialidades: a lectura permite abordar a temática da autoestima, aspecto moi importante para a infancia. Tamén se pode traballar a imaxinación e a capacidade dos máis novos para se enfrontar a situacións que non lle agradan, en particular cando as agresións parten do grupo de iguais. Outro aspecto de interese é a empatía.


Recursos: