venres, 17 de abril de 2020

P de Papá

Kalandraka: Book details


Minhós Martins, I. e B. Carvalho (2009). P de papá, trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, col. Libros para soñar, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-96388-17-8).

Descrición do formato: álbum ilustrado con texto de Isabel Minhós Martins, ilustracións de Bernardo Carvalho e tradución de Xosé Ballesteros. Presenta capa dura e na cuberta aparecen dúas siluetas. Unha corresponde a un pai debuxado en cor azul e outra o fillo ao que bica, o cal está debuxado en cor marrón. O neno mostra sentimentos de alegría e calma como consecuencia da protección do seu pai. Na contracuberta vese de novo a silueta do pai e do seu fillo. Non obstante, esta vez aparecen os dous debuxados de negro, camiñando da man con alegría nun fondo coloreado de azul, xunto co nome da colección na que se integra a obra.

Xa no interior, predominan as ilustracións sobre o texto, dado que ocupan a dobre páxina, mentres que o texto se reduce a unha breve frase, o que fai que nos centremos máis nas imaxes. As cores que destacan no libro son o marrón, o laranxa, o amarelo e o azul. 

É un libro para todas as idades, no que ten unha especial significatividade o número dous: as cores, os personaxes… Nas imaxes sempre aparecen o pai e o fillo/a. Estos transmiten sentimentos cara ao lector grazas aos xestos dos personaxes, é dicir, cun abrazo, cun sorriso... Salienta tamén o suxestivo da lectura visual, pola liberdade que ofrece para reconstruír e recrear cada escena de forma persoal.

Descrición do contido: a obra reflicte a relación dunha familia monoparental, formada por un pai e o seu fillo. Narrado en primeira persoa dende o punto de vista do fillo, vaise construíndo o retrato da figura paterna, á que lle vai outorgando diversas características. O pequeno transmítenos a felicidade e a calma que sente cando está ao lado do seu pai, co que se sente protexido. O texto é rimado e parte de dous campos semánticos: o referido á figura paterna e outros elementos próximos ao universo infantil, como os medios de transporte, que son empregados para a comparación. 


Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos traballar cos nenos e nenas a temática da educación emocional e as relacións afectivas, neste caso, centrándonos na figura paterna. Por outra banda, poderán fomentar o respecto pola diversidade de familias existentes grazas ás explicacións da/o mestra/e, xa que non soamente existen familias formadas por nai, pai e fillos. Tamén, a través desta obra, se lles ensinará que os fillos e as fillas non só dependen da nai, senón que a figura paterna tamén é moi relevante na educación e o coidado do fillo/a. A lectura desta obra tamén por de relevo a capacidade que ten a literatura para a emotividade e o poder de empatía e identificación co universo recreado, así como a efectividade da linguaxe para transmitir todos os sentimentos que percorren a obra a través de estruturas textuais moi breves, pero unha ilustracións moi simbólicas e potentes.



Recursos

Comentario e imaxes do libro en Rayuela Infancia, recuperado de https://www.rayuelainfancia.com/blog/p-papa/ (consultado o 10/4/20)


1 comentario:

  1. P de papa é un conto da paternidade vista dunha forma prática, sinxelo e con preciosas ilustracións directas e llamativas con tan só 3 tonos que utiliza. Pareceme un libro ideal para que os pais lean a os seus fillos e como pequena reflexión persoal un claro exemplo de que menos é mais.

    ResponderEliminar