martes, 28 de abril de 2020

“Abuelo ¿dónde estás?”





Mantoni, Elisa (2003). Abuelo ¿dónde estás?. A Coruña: Everest (ISBN: 84-241-7887-4)
Abuelo, ¿dónde estás? (Leer es vivir): Amazon.es: Mantoni Elisa ...

Descrición do formato: Álbum ilustrado de Elisa Mantoni, de forma cadrada e tamaño 19cm x 21cm, composto por 48 páxinas e encadernado por tapas brandas. A súa cuberta presenta o neno protagonista da historia e ao seu can que miran abraiados e confusos ao sofá baleiro do seu avó. A escena conta cun fondo totalmente negro, que remite cara á tristeza e a falta de luz, co título na parte superior dereita en letras tamén negras. Na contracuberta atopamos unha breve descrición do argumento da historia na parte inferior, unha foto na parte superior do protagonista e do seu can e no centro, o título da obra. As gardas do libro non teñen contido, están en branco. As imaxes son a dobre páxina, con ilustracións que mostran personaxes realistas e moi expresivos, os cales destacan sobre fondos planos e maioritariamente escuros, nos que se poden ver diferentes partes dunha casa. En canto ao texto, aparece enteiramente escrito en letra maiúscula e dentro de bocadillos, indicando que o texto fai referencia a un diálogo entre o neno protagonista e a nai. 

Descrición do contido: o argumento xira ao redor dun neno que volve á súa casa dunha excursión da súa escola. Cando entra na casa saúda á súa nai, que intenta falar con el sobre o seu avó, pero o neno ignóraa, xa que quere ir xogar con el. De súpeto, o neno ve que o seu avó non está na súa butaca e pensa que está xogando ás agochadas, polo que comeza a buscalo por toda a casa ata que decide preguntarlle á súa nai onde se atopaba o seu avó. É entón cando a nai lle conta que o avó foi facer unha viaxe moi longa, ante o que o neno comeza a sentirse triste e frustrado, consciente de que non houbo despedida. Comeza a ter sentimentos de culpabilidade, coma se el provocara que o seu avó non quixese estar alí. O neno, preocupado, decide volver onda a súa nai e ela explícalle que o seu avó morreu e que aínda que xa non poida velo, el sempre estará no seu corazón. Desta maneira, o neno entende a situación e tranquilízase porque o seu avó segue queréndoo.

Potencialidades: coa lectura da obra podemos facer un achegamento á morte e ás sensacións que se poden ter ao falecer un familiar próximo. Ademais, poderíase introducir a educación emocional, ser consciente do que sentimos e regular as emocións propias, en especial as do duelo que nos axudan a superar un falecemento. Por outra parte, con esta obra pódese traballar a capacidade de escoitar con atención, as relacións afectivas que marcan as nosas vidas, as relacións interxeracionais e as figuras dos avós para os máis novos, así como outros temas secundarios, como as distintas partes dunha casa.


1 comentario:

  1. Paréceme moi interesante este libro como dis ti, para achegar os máis cativos á morte e os sentimentos que esta produce. Cando somos pequenos creamos un vínculo moi forte cos nosos avós e avoas, sendo moitas veces estes quenes nos coidan a maior parte do tempo. Cando os perdemos pasamos por un duelo e este libro paréceme perfecto para axudar os cativos a afrontar esa pérdida.

    ResponderEliminar