luns, 13 de abril de 2020

A cousa que máis doe do mundo

LIVÁN, P y R. OLMOS (2018). La cosa que más duele del mundo. Pontevedra: OQO Editora (ISBN: 978-84-987471-5)

Breve descrición do formato e do contido: Trátase dun álbum, escrito por Paco Liván e ilustrado por Roger Olmos, publicado por OQO editora no ano 2005 por primeira vez. Está composto por un total de 36 páxinas, con encadernación en cartoné. O conto está dirixido a nenas e nenos de idades comprendidas entre 3 e 8 anos. É unha historia baseada nun conto tradicional africano, cunha clara orientación educativa e transmisora de valores. Na cuberta aparecen a lebre e a hiena, personaxes que protagonizan a historia, subidas enriba dunha montaña. Na imaxe a hiena aparece ao lado dereito, abrindo a boca e berrándolle á lebre dunha maneira agresiva, mentres que a lebre é representada á esquerda, inclinando o seu corpo un pouco cara a atrás ao recibir os berros do outro animal. Os nomes do autor e do ilustrador aparecen no lado esquerdo e o nome da editorial na parte debaixo ao lado dereito e en vertical. O título da obra aparece en cor branca sobre a montaña. É un título que, antes de comezar ler o conto, nos convida a reflexionar sobre que é aquilo que máis nos doe, o que dá xogo para traballar cos cativos e cativas antes de somerxernos na historia. Na contracuberta atopámonos con máis montañas debuxadas e unha cabra enriba. Tamén aparecen de novo o nove da editorial, a colección e o ISBN xunto ó código de barras. Ao abrir o álbum observamos na garda inicial un ceo azul e un grupo de moscas no lado esquerdo; na garda final aparece de novo o ceo azul e o grupo de moscas, pero esta vez o séquito é mais numeroso e apréciase claramente que están voando cara ao lado dereito onde figura un pastel de excrementos. A historia que se narra comeza coa pregunta que lle formula a lebre á hiena: ¿sabes cuál es la cosa que más duele del mundo?; tras ela formúlanse diferentes hipóteses, como a pisada dun elefante, unha dor de moas ou a picadura dunha avella. Pero a lebre aclara que o que máis doe é a mentira e para demostralo decide, coa axuda do séquito de moscas, tramar un plan, deixando na porta de palacio un tremendo pastel. Decide culpar a hiena, que non tivo nada que ver, para facerlle ver que no mundo, a cousa que mais doe, é a mentira. A historia segue unha estrutura lineal e emprega un vocabulario sinxelo, o que fai que resulte comprensible para nenas e nenos. O narrador da historia é un narrador hetereodiexético, xa que presenta a situación, as personaxes e o conflito, coñece e relata os feitos e pecha a historia As voces dos protagonistas, que no texto aparecen remarcadas en letra grosa, expoñen os seus sentimentos e pensamentos. Mediate ás ilustracións represéntanse as personaxes dunha maneira moi expresiva, que permite unha lectura visual da obra. Mentres que a lebre aparece representada con cores cálidas, coloretes nas meixelas e unhas longas orellas como sinal da súa astucia, a hiena móstrase con cores escuras, coa boca aberta en moitas ocasións, os pelos de punta e nunha perspectiva de superioridade. Sobre as demais personaxes cabe mencionar o rei, quen aparece representado nun tamaño moi pequeno pero cunha enorme coroa na cabeza símbolo do seu poder.

Potencialidades educativas:  A través da lectura deste conto podemos traballar diferentes sentimentos como a dor, a mentira ou a empatía. Tamén nos permite reflexionar sobre que consecuencias ten a mentira, en especial a dor que pode ocasionar a outras persoas ou seres. Tamén visibiliza outros valores, como a amizade, a lealdade ou a xustiza. O xogo de palabras que se empregan ao longo da historia para designar tan suculento pastel, permite tratar temas escatolóxicos, moi pouco presentes na literatura para os máis novos e permite abrir estes xogos a outras palabras ou conceptos, de maneira que se achegue ós nenos e nenas ao nivel simbólico da linguaxe, ás metáforas e aos eufemismos.

Recursos de interese: 
Lectura dramatizada polo alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Lugo), que se pode escoitar en http://bibliotecavirxedocarme.blogspot.com/2018/02/radiuvin-cousa-que-mais-doe-do-mundo.html (consultado o 8/4/20)

1 comentario:

  1. Este álbum ilustrado é unha proposta moi interesante para nenos e nenas de Educación Infantil, xa que se poden traballar as emocións dun xeito moi divertido e sobre todo, como di a miña compañeira Sandra, visibilizar valores como a amizade ou a lealdade. Ademais, engadiría un recurso para traballar sobre esta obra: trátase dunha adaptación animada do conto en galego, que pertence a un programa elaborado pola TVG, que se chama Os contos do camiño. Podedes velo no seguinte enlace: http://www.crtvg.es/infantil/programas/os-contos-do-camino/capitulo-7-a-cousa-que-mais-doe-do-mundo

    ResponderEliminar