martes, 28 de abril de 2020

OS SETE CABRITOS


OS SETE CABRITOS




Alonso, Tareixa (2008). Os sete cabritos, ilust. Teresa Lima, Pontevedra: OQO,  [40 pp]. (ISBN: 978-84-96788-67-1)



Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de cartoné, con texto adaptado de Tareixa Alonso e con ilustracións de Teresa Lima. Na cuberta aparece a imaxe do lobo suxeitando unha máscara da nai dos cabritos e mirando cara a atrás, coma se mirase para a casa dos cabritos, que é a imaxe que aparece na contracuberta. En canto ás gardas, mostran dúas mans, unha branca e unha negra unidas por un fío e cunhas tesoiras que ben poden ser as patas do lobo cando pinta unha con fariña para enganar aos cabritos ou unha pata da mamá cabra e outra do lobo. 
Dende o punto de vista do contido a obra trata sobre sete cabritos irmáns que viven nunha casiña coa súa nai, sempre tendo coidado co lobo ao xogar por fóra. Un día a nai ten que saír e mentres está fóra, advirte ben aos seus fillos de que non lle abran a porta a ninguén. Cando a nai está bastante lonxe, o lobo vai picarlles na porta, pero estes danse conta da gravidade na súa voz e non lle abren. O lobo consegue aclararse a voz con éxito e volve petar na porta, pero esta vez mándanlle pasar o pé por debaixo da porta e, ao ver que é negra, os cabritos dinlle que marche. O lobo píntase a pata de branco e a terceira vez que lles peta na porta, os cabritos caen na súa trampa e déixano pasar. Ao entrar na casa o lobo comeza a comelos enteiros, a todos menos ao máis pequeno, porque se escondera na caixa do reloxo. Cando a verdadeira mamá cabra volve á casa, o cabrito máis pequeno sae do seu escondedoiro e cóntalle o ocorrido. Así que os dous collen fío e agulla e buscan ao lobo que estaba durmindo ao lado do río, ábrenlle a barriga e sacan a todos os cabritos enteiros e no seu lugar métenlle pedras. O lobo, ao espertar, foi beber ao río e de tanto que lle pesaba a barriga caeu nel. Mamá cabra e os seus sete cabritos volveron á casa cantando e saltando. 
O texto aparece en todas as páxinas nas esquinas, dándolle prioridade ás ilustracións, que xogan un papel fundamental durante toda a obra, acompañando o desenvolvemento da historia. As partes de diálogo están remarcadas en grosa e algúns fragmentos destacados, como nos que se quere destacar o ton de voz, en maiúsculas.



Potencialidades: a lectura deste álbum permítenos traballar cuestións como a importancia dos consellos dos adultos, as ordes e advertencias. Tamén podemos traballar de forma transversal os medos, xa que os cabritos lle teñen medo ao lobo e, sobre todo, a importancia de utilizar a intelixencia como estratexia de sobrevivencia, como demostra o máis pequeno dos cabritos. Esta versión dun conto clásico dos máis populares e versionados é unha oportunidade de analizar algúns dos valores universais, como a loita do ben contra o mal. 



Por último, en canto aos recursos, podemos atopar unhas curtas de animación na páxina da Xunta e nun blog:





Ningún comentario:

Publicar un comentario