Antón, R. e Núñez, L. (2001). Micaela, una rana ridícula. Ilust. Paz Rodero. Zaragoza: Edelvives, col. Cuentos del viejo roble, [30 pp.]. (ISBN:978-84-263-4468-7).
Descrición do formato e contido: libro ilustrado con texto en castelán de Rocío Antón e Lola Núñez e ilustracións de Paz Rodero. Este libro pertencente á colección “Cuentos del viejo roble” da editorial Edelvives, cunhas dimensións de 22x22 cm. Conta con 30 páxinas e está encadernado en cartoné. Na súa cuberta pódese ver, na parte superior esquerda, o título da obra, o nome das autoras e da ilustradora; ademais do título da colección á que pertence. Na parte inferior aparece o nome da editorial e enchendo toda a cuberta, dándolle así protagonismo, pódese ver o debuxo da protagonista da obra, a ra Micaela, sentada nun dos nenúfares da charca mentres está a contemplar sorrindo a lúa. Na contracuberta, de fondo branco, pódese ver o debuxo do vello carballo, acompañado dun breve resumo e os nomes doutros títulos da colección. Nas gardas aparecen debuxadas as follas do carballo secas, estas son en tons marróns sobre un fondo tamén da mesma cor. Posteriormente, aparece a páxina de dereitos cos datos da obra e a portada, onde se pode ver o título da obra, o nome das autoras e da ilustradora sobre un fondo de cor branca. Tamén aparece o mesmo debuxo da ra Micaela que aparecía na cuberta da obra.
En canto ao texto, emprégase unha linguaxe sinxela e directa onde a tipografía empregada é a letra ligada ou escolar. Esta é dun tamaño lixeiramente superior ao normal e é de cor negra, para facilitar a súa lectura. Ademais incorpora pictogramas para que os nenos e nenas poidan ir descifrando as palabras agochadas durante a lectura. Ao final da obra atópanse as solucións e tamén unha frase a modo de reflexión sobre os valores que traballa a obra. A disposición xeral do texto é aparecer na páxina par, mentres que na impar aparece a ilustración correspondente. As imaxes están feitas a acuarela e bordeadas cunha fina liña negra. Todas elas son de cores rechamantes, con predominio das cores que hai na natureza: azuis, verdes e marróns.
Trátase dunha obra onde o narrador do conto é unha personaxe do libro, neste caso é o vello carballo, o cal lle expón a historia da ra Micaela aos pequenos animais do bosque. Nesa historia contada polo carballo os animais do bosque din que Micaela é un espantallo e búrlanse dela pola maneira en que canta. Pero o único que ocorre é que Micaela é unha ra que quere facer amigos e que finalmente salva a os animais da charca duns lobos famentos e así é como consegue ser respectada por todos.
Potencialidades: a lectura desta obra está recomendada para nenas e nenos de 5 anos e abordar a iniciación á lectura. Ademais, tamén se poderían traballar valores como a convivencia, a resolución de conflitos, o respecto, o diálogo e a tolerancia cara aos demais. Por outra banda, poderíase explicar a importancia de non xulgar nin deixarse guiar por prexuízos ou visións estereotipadas, creando e favorecendo así un clima de benestar e respecto dentro da propia aula e fóra dela.
Recursos: un posible recurso educativo para traballar esta obra pode ser o CD que inclúe a versión en inglés do texto baixo o título de Michelle, the shy frog. Nel pódense atopar o vocabulario do conto e os pictogramas, a narración completa e interactiva do conto e unha canción final.
Ningún comentario:
Publicar un comentario