Conboy, F e S. Holmes (2002). El viaje en globo de don Braulio.Trad.Teresa Tellechea. Madrid: SM , [ 20 pp.]. (ISBN: 84-348-6074-0)
Descrición do formato da obra e contido da obra: álbum ilustrado con visor máxico para buscar e atopar de tapa dura dos autores Fiona Conboy e Stephen Holmes e traducido por Teresa Tellechea. Conta cun visor máxico para buscar e atopar elementos en imaxes acuguladas. De tapa dura, na cuberta amosa unha paisaxe verde con moitas cebras e un globo de cores co título no seu interior, onde se sitúan un home, un neno e un can. O visor máxico para empregar ao longo do conto, está situado na esquina inferior dereita. Na contracuberta obsérvase o mar cun continente no centro, do cal parte e remata a viaxe e onde se atopa a sinopse do libro. Non contén gardas. Na portada aparece un mapa do mundo xunto con diferentes animais situados nalgúns continentes e os personaxes no globo xunto co título en negro.
No contido nárrase a historia de don Braulio, quen realiza unha viaxe en globo xunto cun neno, un can e o seu papagaio, por todos os continentes. Dende o aparello poden observar que animais existen en cada un dos espazos polos que transitan. O álbum presenta imaxes a media páxina, acompañadas dun texto explicativo, mencionando onde se atopan e que tipo de animais viven nese continente. As imaxes permítennos seguir a historia dunha maneira moi visual, xa que o propio conto fai preguntas para orientar a busca. O texto sempre se atopa nas páxinas impares e no interior da silueta do continenete no que se sitúan. A letra é dun tamaño grande para facilitar a súa lectura e de cor negra, o que lle permite destacar no fondo, ademais as preguntas sitúanse na parte inferior para realizar posteriormente a lectura. As cores que predominan no libro son en todo momento luminosas, naturais, semellando a realidade. As ilustracións son moi realistas, con grandes planos, correspondéndose a un espazo aberto e natural, con días soleados e que se van graduando as tonalidades entre verdes, amarelos e azuis.
Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula a xeografía, os animais e os seus háitats, así como o vocabulario asociado a estes campos semánticos. A través desta lectura ensinarémoslle a nenos e nenas a contar dunha maneira moi divertida e entretida, xa que coa axuda do visor máxico observarán os números e poderán contar os personaxes que atopan nas imaxes. Ademais, o libro conta cun apartado de busca co que poden exercitar a súa agudeza visual para atopar algúns obxectos escondidos polas ilustracións. Con obras coma esta pódese reflexionar co alumnado sobre o mundo que o rodea e podería introducirse o tema da contaminación e o coidado do medio natural para manter o equilibrio, xa que como se observa no conto, todos os continentes están moi ben coidados e son ricos en fauna e flora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario