González,
Jorge (2013). Barbosa, el pirata y las
islas de las plumas, ilust. do autor, Barcelona: Bang Ediciones, col.
Mamut. [40 pp.]. (ISBN 13: 978-84-15051-55-8).
Descrición
do formato e do contido: álbum ilustrado do autor
Jorge González. Na cuberta aparecen debuxados nun fondo amarelo os personaxes:
un elefante, un crocodilo, un mosquito e un pirata. Na contracuberta, temos
catro ilustracións máis do pirata e outro protagonista da historia, unha
gaivota. Nas gardas iniciais temos o mar debuxado e nel o barco do pirata que
leva a bordo o elefante, o crocodilo e o pirata. Na portada vemos o elefante
durmindo e como se achega o mosquito ao barco e entra nel.
Os debuxos do álbum preséntanse coma un
cómic, con diferentes viñetas en cada páxina, que van contando a historia sen
necesidade de texto. A historia desenvólvese na temática mariñeira e pirata,
predominando as cores azuis, amarelas e negras. A historia trata sobre o pirata
Barbosa que está tranquilamente durmindo abordo do seu barco cando o esperta un
mosquito. Barbosa e os seus tripulantes, un elefante e un crocodilo, comezan
unha nova aventura. A través dun prismático, Barbosa mira unha gaivota que lle
rouba o seu característico sombreiro de pirata. Os catro amigos, elefante,
crocodilo, mosquito e Barbosa van na procura del. Chegan a unha illa onde hai
moitas gaivotas diferentes e non saben onde está a que lle roubou o sombreiro.
Cando por fin a atopan, Barbosa acha unha incrible sorpresa que lle fará
cambiar de opinión e ter unha nova amizade.
Potencialidades:
con este relato podemos traballar diferentes temáticas como son a amizade, a diversidade,
compartir, a empatía etc. Que o álbum sexa soamente ilustrado, non teña texto,
dá cabida á imaxinación, a que nenos e nenas poidan cada un facer a súa
interpretación da historia, pór diferentes nomes aos protagonistas etc. Outra
potencialidade educativa podería ser crear os diálogos e asociar esta obra con
outras das moitas que coñecen sobre o tópico dos piratas na literatura infantil.
Recursos:
na rede cóntase cun vídeo no que se conta a historia: Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=rahpUAjiytU
(consultado o 13/04/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario