xoves, 30 de abril de 2020

Yo matare monstruos por ti



BALMES, Santi (2011). Yo mataré monstruos por ti, ilust. Lyona, Principal de libros, Barcelona 32 pp. (ISBN: 978-84-938978-8-8)


Descrición do formato: Yo mataré monstruos por ti é un álbum ilustrado narrativo de Santi Balmes con ilustracións de Lyona. Ten unhas dimensións de 25x25 cm de tapa dura e 32 páxinas resistentes. O libro está recomendado para nenos e nenas maiores de 6 anos. A cuberta presenta á protagonista e a un monstro, xunto con título da obra e os nomes do autor, Santi Balmes, e da ilustradora, Lyone, sobre un fondo azul cian tono pastel.

A contracuberta conta cun breve resumo da historia coa mesma tipografía que utiliza para o resto do conto e sobre unha cor azul pastel escura. No interior do libro atopamos ilustracións cun estilo primitivista, debuxos básicos, sinxelos e planos, xunto cunha técnica dixital, tanto o trazo coma a cor. A tipografía recorre a unha letra que imita a manuscrita, o que fai que sexa complicada para a lectura dos principiantes, aínda que vai acorde coas ilustracións. 

Trátase dun libro interactivo, xa que os nenos e nenas terán que xiralo para poder lelo.

Descrición do contido: a historia aborda os medos nocturnos dos nenos e nenas. A protagonista, Martina, non consegue durmir polas noites polo medo aos monstros. Martina está convencida de que debaixo do chan hai un mundo paralelo de monstros. Á rapaza 
preocúpalle que estes dous mundos se poidan xuntar. O pai de Martina tenta tranquilizala e dille que o tamaño dos monstros dependerá do valente que sinta ela e que se estes son moi grandes, el mataraos. Efectivamente, como dicía a nena, debaixo de Martina atópase Anitram, unha pequena monstruíña moi peluda e rechoncha de cor rosa cos mesmos medos da protagonista: ela tamén teme que poidan levala. O paimonstro dille que o medo é elástico como unha goma de mascar, que se pode facer máis grande ou máis pequeno. De súpeto unha noite, mentres Martina e Anitram dormen, os seus brazos deslízanse fóra da cama e atópanse por primeira vez e nese momento decátanse de que son iguais e que non teñen de que temer unha da outra.

Potencialidades: a lectura desta obra ten unha perspectiva moi orixinal para tratar os medos nocturnos, xa que se confrontan perspectivas e iso enfatiza a capacidade dos máis pequenos para entender a visión do outro. Ademais tamén se poden abordar outras temáticas como as cores, lateralidade, emocións, sentimentos... Na miña opinión é moi divertido para os nenos/as, xa que ao ser interactivo divírtense virando o libro. 

Recursos: 
Pódese ler a obra completa en: file:///C:/Users/Isabel/Downloads/Yo_matare_monstruos_por_ti.pdf (consultado o 18/4/20). 

Pekeleke (2020). Yo mataré monstruos por ti. Recuperado de https://pekeleke.es/libros/yo-matare-monstruos-por-ti-de-santi-balmes/ (consultado o 18/4/20).

Ningún comentario:

Publicar un comentario