domingo, 12 de abril de 2020

¡No quiero el cabello rizado!



Ellen Anderson, Laura (2017). ¡No quiero el cabello rizado!, ilust. da autora, Barcelona: Picarona Editorial, col. Picarona, [32 pp.]. (ISBN 13: 978-84-16648-94-8).`




Descrición do formato da obra e do contido: álbum ilustrado da autora Laura Ellen Anderson. Na súa cuberta temos debuxada unha nena e o seu cabelo rizado ocupa o plano central cun fondo azul. Na contracuberta temos un fondo azul e diferentes debuxos da nena cun breve texto. Nas gardas iniciais e finais temos debuxado en vertical de cores laranxas diferentes tipos de rizos. A portada ten un fondo branco e nela repítese a imaxe da cuberta e os datos da obra.
O álbum ten un fondo branco sobre o que se debuxa a nena e o seu cabelo revolto. Algunhas ilustracións ocupan toda a páxina, predominando o dinamismo e a sensación de que algún dos rizos queda enmarañado no lector ou lectora. O texto da obra aparece en diferentes fontes e tamaños, é rimado para chamar a atención do público. A nena protagonista, ten o cabelo de cor rubia, polo que predomina esa cor en case todo o álbum.
A historia trata sobre unha nena que ten o cabelo rizado e ela o quere liso e sedoso. Durante o libro trata por todos os xeitos, xunto cos seus amigos e amigas, de estirar os seus rizos pero non é capaz, estes sempre volven a enredarse. Un día apoiada nunha árbore escoita a outra nena queixarse do seu pelo liso e sedoso, pois ela quereríao rizo. As dúas nenas danse conta de que non sempre se ten o que se quere, pero que hai que aprender a quererse tal e coma un é, sabendo apreciar as cousas que nos fan diferentes. Grazas á diferenza dos seus cabelos as dúas fanse amigas e comezan a divertirse xuntas.

Potencialidades: ler cos máis pequenos esta obra permite reflexionar sobre unha realidade, que é a de que todos somos diferentes e únicos. A lectura visual evidencia a interculturalidade, tal como se pode observar nos debuxos dos amigos e amigas da protagonista, os cales presentan trazos de diferentes culturas de todo o mundo. Outra temática é a autoestima, a confianza en un mesmo e a necesidade de aceptarnos tal e como somos.

Recursos: na rede atópanse vídeos que narran o conto e mostran as imaxes, como se pode seguir en:

1 comentario:

  1. Paréceme un álbum ilustrado moi fermoso, porque mostra a realidade que sucede hoxe en día. O que máis me gusta do álbum son as ilustracións e que está cheo de humor. Por outra parte, paréceme importante que se traballe esta obra nas aula porque fomenta a autoestima, a confianza das nenas e nenos.

    ResponderEliminar