Meilán García, Ana (2018). Las llaves de los sueños, ilust. Silvina Eduardo Canoso, Lugo: Entre
nubes y cuentos, [42 pp.]. (ISBN: 978-84-697-9293-3).
Contido, descrición e forma: álbum ilustrado autopublicado de Ana
Meilán, con ilustracións de Silvina Eduardo Canoso. As imaxes xogan un papel
fundamental no desenvolvemento da historia. Na cuberta, a ilustradora utiliza a
técnica da colaxe, ao igual que no resto do álbum. Emprega recortes para formar
as letras que compoñen o título e no centro da cuberta amosa o debuxo dunha
aldea con casas de cores vivas. Ademais, colgando do teito cuns fíos, caen
unhas chaves e unhas estrelas. Os nomes tanto da autora como da ilustradora
encóntranse na parte inferior da cuberta, con tipografía sinxela e de cor
negra. Na contracuberta aparecen ilustradas unhas chaves unidas cun lazo de cor
azul que terán relevancia no desenvolvemento da historia. Nas gardas preséntase
unha imaxe de cores moi vistosas con diferentes elementos: unha libreta, un
compás, un estoxo, un colar, entre moitos outros; ademais, nas gardas do final,
inclúese un sobre que esconde unhas chaves como as da protagonista. No interior
do álbum a tipografía que se utiliza é sinxela e de cor negra e nalgúns casos
destácanse palabras dentro dunha frase cunha tipografía diferente e máis
grande, para darlle máis importancia. A ilustradora volve empregar a técnica da
colaxe, coma na portada, utilizando dende recortes do xornal ata cordas,
cartóns ou papeis de cores. A historia está contada en primeira persoa por
Adele, a protagonista. En canto á arquitectura textual, a autora recorre moito
aos adxectivos para describir os obxectos ou sucesos que ocorren.
O contido do álbum xira ao redor da
historia de Adele, unha nena rubia de pelo rizado, con gafas e moi alegre. A
Adele cústalle moito ir durmir polas noites, xa que non lle gusta ter pesadelos
mentres dorme. Unha desas noites nas que non podía durmir, a súa nai regálalle
unhas chaves unidas por un lazo azul e dille que, cando teña medo, coloque unha
desas chaves debaixo da almofada e asegúralle que terá uns soños marabillosos.
Durante as noites seguintes Adele fai o que lle dixo a súa nai e, aínda que
tivo un pesadelo, conseguiu superalo e volver á tranquilidade desfrutando da
maxia dos soños.
Potencialidades educativas: o problema co que se encontra a
protagonista é moi común nos nenos e nenas de Educación Infantil, moitos non
queren ir durmir porque non queren ter pesadelos. Nesta historia aparece unha
figura de apego, que debería estar presente na infancia dos nenos e nenas,
neste caso é a nai de Adele, que a acompaña en todo momento e lle ofrece
consellos para poder superar os seus medos e desfrutar do poder e da maxia dos
soños. As chaves simbolizan que, cada vez que teñamos un problema, sexamos
capaces de buscar unha solución a través da imaxinación e a fantasía. A lectura
deste álbum transmítelles seguridade e tranquilidade aos nenos e nenas que
pasan pola mesma situación cá protagonista.
Traducións a outros idiomas e premios: pode atoparse unha
autotradución da autora do álbum, Ana Meilán García, á lingua galega co título
de As chaves dos soños.
Recursos educativos
No blog da autora podemos encontrar moitos recursos
relacionados con este álbum e con outros libros da mesma escritora: https://www.entrenubesycuentos.com/ (consultado o 26/4/20)
Audioconto do álbum na súa
adaptación ao galego: https://www.youtube.com/watch?v=XcU6f4zneqM (consultado o 26/4/20)
En un abrir y cerrar de ojos (2018). Las llaves de los sueños (comentario sobre a obra): https://www.youtube.com/watch?v=eq6hB9PpduM&t=277s (consultado o 26/4/20)
Ningún comentario:
Publicar un comentario