Keselman,
Gabriela (2009). No te vayas, ilust.
Gabriela Rubio, Madrid: Kókinos. [40 pp.]. (ISBN: 978-84-96629-54-7).
Descrición do formato:
No te vayas é un álbum ilustrado de
Gabriela Keselman e Gabriela Rubio que nos fala dos cambios, das perdas, das despedidas e, polo tanto, da aceptación do
novo e do inesperado. A través da combinación de textos repetitivos e páxinas
tan só con ilustracións as autoras fannos
reflexionar sobre as etapas da vida e do que supón o cambio, que en definitiva
é unha oportunidade máis que nos dá a vida. En
todo o libro xógase con catro cores diferentes: vermello, negro, branco e
dourado, o que fai que a obra se afaste das
liñas tradicionais dos contos infantís e se achegue a unha grande intensidade no relato. Na cuberta vemos o rostro
da protagonista, Catalina, coas mans cara a arriba,
tentando alcanzar un globo dourado que escapa. Con esta ilustración xa se pode
poñer o espectador en situación do que vai pasar ao
longo do relato. Por outro lado, na contracuberta sitúase en tamaño máis pequeno
un debuxo do can da protagonista debaixo dunha cadeira cunha mirada un tanto
aburrida , mentres agarda a Catalina para xogar. Ao abrir o libro atopámonos
coa garda inicial que está impresa totalmente en negro pero cunha pequena
ilustración do globo dourado, que se vía na
cuberta, afastándose. Ao avanzar unha folla, atopamos a páxina de dereitos
cunha dedicatoria da autora que di: “A lo nuevo, mágico y anhelado que va a
llegar...”, anticipándonos unha vez máis o tema central do libro. Xa na portada, pódese ver a mesma ilustración ca na cuberta pero coa diferenza de que non aparece o globo, xa que
viamos como se afastaba nas gardas.
O interior é toda unha obra de arte con
ilustracións en branco e negro e co fondo vermello que fai que as imaxes sexan
moi rechamantes. A historia vai alternándose entre páxinas con pequenos textos
e páxinas mudas. Os textos seguen sempre o mesmo esquema: Catalina describe
algo que non lle gusta, pide que non se vaia e a resposta do porqué desa despedida
dáse na seguinte páxina cunha ilustración.
Descrición do contido:
A pequena Catalina odia as despedidas. Non lle gusta dicirlle adeus á xente que
quere, ao inverno, ao
seu globo preferido ou ao seu papá despois de
deitala polas noites. Pero despois de cada despedida, comprende que dicir adeus
a diferentes cousas que quere é necesario para que veñan outras igual de
marabillosas e máxicas, como a primavera, novos
xoguetes, o seu can ou os soños que vai ter ao quedar durmida.
Potencialidades:
A lectura desta obra aborda a importancia de aprender a aceptar aos cambios, a chegada de novas
etapas, de perdas e despedidas, que son accións clave na vida das persoas. Dende
a etapa de Educación Infantil, o control das propias emocións nos máis
pequenos/as ten que terse como un dos obxectivos primordiais dentro do equipo
docente para que así o alumnado medre coma as
persoas que son. As mestras e mestres teñen a literatura infantil e obras coma esta, que se converten en ferramentas primordiais
para comezar a traballar nas aulas e falar sobre cuestións coma estas, chegando
así a concienciar os nenos e nenas da importancia dos cambios e das despedidas
dunha maneira lúdica a través de historias como a de Catalina, nena ca que se
poden sentir identificadas/os.
Traducións e premios:
A autora, Gabriela Keselman, é unha profesional
dentro da área da creatividade infantil, quen publicou mais de 70 libros
infantís e xuvenís e foi galardoada con numerosos premios como o Premio da Fundación Cuatrogatos. O seu
traballo, xunto co da ilustradora Gabriela Rubio, convértese nun éxito coa obra
No te vayas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario