Descrición do formato: álbum ilustrado do autor Hans Wilhem de forma rectangular e tamaño 23,4cm x 18,2cm, composto por 32 páxinas e encadernado por tapas duras en cartoné. A súa cuberta presenta os dous protagonistas principais da historia: o neno (o cal non se di o seu nome na obra) e Elfi, a súa cadela, demostrando o afecto que se teñen mediante un abrazo; todo isto está ambientado nunha paisaxe natural ventosa rodeado de follas caendo cun fondo branco. Na contracuberta do álbum atópase, na parte superior, un resumo da historia narrada; na parte central, un debuxo de Elfi, a cadela, rompendo un calcetín e mirando á fronte, e na parte inferior, datos breves do autor. As gardas non presentan ilustracións, están en branco.
Descrición do contido: a historia narrada xira ao redor do proceso de maduración dun neno e a súa cadela Elfi, á que considera “a mellor cadeliña do mundo” e toda a súa familia quérea moito. Porén, ao mesmo tempo que os nenos da familia crecen Elfi tamén o fai, ata que chega o día no que a familia ten que despedirse para sempre da cadela debido á súa morte. Desta maneira, trata dos sentimentos que lle provoca ao neno a cadela, a amizade que tiveron durante a súa vida e a tristeza da súa morte, abordando tamén, nas últimas páxinas, a superación desta situación dende un punto de vista positivo do neno. O álbum ilustrado finaliza cun xesto de xenerosidade do neno, dando as pertenzas de Elfi a un veciño que tiña cachorros e coa reflexión de que algún día terá outros animais e sempre lles mostrará o mesmo afecto que a Elfi. A historia está narrada polo neno protagonista. As ilustracións son sinxelas e aparecen representadas persoas e animais, son de carácter realista e con trazos sinxelos. Os fondos representan imaxes da vida cotiá.
Potencialidades: coa lectura desta obra pódense traballar cuestións como é a conciencia sobre a morte, a nosa relación cos animais e a afectividade depositada neles. Por outra parte, poderíase abordar a educación emocional, como axuda para entender as sensacións que nos produce a morte de seres cerca de nós e a maneira de abordalas. Ademais, temos a posibilidade de traballar a xenerosidade, a amizade e diversos aspectos sobre a vida cotiá.
Recursos
Conto online (YouTube) Alberto Reyes Toral. [De Puro Cuento]. (2014, Abril, 28). YO SIEMPRE TE QUERRÉ. [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://youtu.be/egoG-uaG_wQ (consultado o 13/04/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario