domingo, 19 de abril de 2020

A Cebra Camila


Núñez, M. (2004): A Cebra Camila. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-126-1).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado con texto orixinal de Marisa Núñez e ilustracións de Óscar Villán pertencente á colección “Demademora” da editorial Kalandraka. O álbum ten unhas dimensións de 22x22 cm e está encadernado en cartoné. Na súa cuberta de tons marróns aparece reflectido o título da obra na parte superior e inferior da mesma; o nome da autora e do ilustrador situados cara aos laterais; na parte máis central aparece un debuxo da protagonista, a cebra Camila, e en letras máis pequenas aparece o nome da editorial. Na contracuberta pódese ver a un dos personaxes da obra, o caracol, enriba dun círculo verde, que evoca espazos abertos e naturais. As gardas están debuxadas con motivos alusivos á protagonista, xa que se poden ver as raias da cebra Camila aliñadas horizontalmente e estas son de cores variadas: vermello, amarela, azul e verde. Posteriormente, aparece unha páxina cos datos da obra e logo a portada, onde se pode ver o título da obra, o nome da autora e do ilustrador sobre un fondo que semella as propias raias da cebra.
En canto ao propio texto, utilízase unha linguaxe sinxela con repeticións durante toda a obra. A tipografía é dun tamaño axeitado ao lectorado agardado, de cor negra para facilitar a súa lectura, a súa disposición é variada en cada páxina respecto ás ilustracións e tamén se emprega o uso das maiúsculas para facer fincapé nalgunhas palabras relevantes da obra. Ademais, o narrador está en terceira persoa e empréganse diálogos onde as demais personaxes conversan coa cebra Camila durante toda a obra.
Atendendo ao contido do libro, trátase dunha obra lineal onde a personaxe principal, a cebra Camila, medrou ata que a súa vestimenta, uns tirantes e un cueiro, lle quedaron pequenos. Un día, desobedecendo a súa nai, saíu sen roupa e por mor do vento, sete das súas raias voáronlle. Para atopalas foille pedindo axuda a unha serpe, a un caracol, ao arco da vella, a unha araña, a unha chicharra e a unha oca. Cando voltou para a casa, súa nai díxolle que xa era maior, por iso non tería que volver vestir o cueiro cos tirantes. As ilustracións que se poden ver ao longo da obra están feitas a acuarela e bordeadas cunha fina liña negra. Todas elas son de cores rechamantes, mentres que o ceo é de cor marrón claro e o chan é de cor verde intenso, semellando céspede.

Potencialidades: para traballar este álbum ilustrado dentro dunha aula de Educación Infantil, primeiramente, resaltaríase a importancia de traballar en grupo e axudarse uns aos outros, tal e como fan as personaxes. Ademais, tamén se poderían traballar valores como a empatía, a xenerosidade e a tristeza, entre outros moitos. Por outra banda, poderíase explicar a importancia dos cambios e que sexan os propios nenos e nenas os que expresen que sentimentos lles provocan, pondo como exemplo a tristeza ante o cambio madurativo da protagonista, facéndolles ver que os cambios non teñen porqué ser malos, senón que son inevitables e necesarios.

Recursos: Un posible recurso educativo para esta obra pode ser a seguinte lectura animada de Teresa Corchete: https://www.youtube.com/watch?v=lXW5ej2EdXA (consultado o 10/4/20).

1 comentario:

  1. Este conto paréceme unha proposta moi axeitada para traballar na etapa de Eduación Infantil, xa que como amosa a miña compañeira ten unha gran cantidade de potencialidades coas que se lle pode sacar moito partido. Ademais, tamén engadiría a diversidade como outro tema (non tan visible na obra), posto que ao rematar a historia Camila ten raias de varios tamaños e cores, visibilizando a diferenza. Deste xeito, aprenderán, dende os primeiros anos das súas vidas, a aceptar as diferenzas tanto dos/as outros/as nenos/as como deles/as mesmos/as.

    ResponderEliminar