Ballesteros
Rey, X. (1998). O coelliño branco.
Pontevedra: Kalandraka, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-548-1).
Descrición do formato e
contido: Álbum ilustrado de tapa dura que contén unha
adaptación realizada por Xosé Ballesteros e con
ilustracións de Óscar Villán. Recomendado para un público de máis de 3 anos,
conta cunhas dimensións de 22 x 22 cm e está encadernado en cartoné ou tapa
dura. En canto á distribución da cuberta, pódese observar que na marxe superior
se atopan os nomes do autor e do ilustrador e máis
abaixo, no centro, o título da obra, acompañado
do seu protagonista, o coelliño branco. Na marxe contraria, apréciase o nome da
editorial, Kalandraka, acompañado dun destacado co recoñecemento do Premio Nacional de Ilustración. No referente á
contracuberta, aparece a formiga, personaxe que axuda ao coelliño branco na
historia, e o nome da colección. As gardas, como a maior parte do conto, son moradas
e nelas aparecen as orellas do coello entrelazadas, que invitan a seguir
pasando as follas, chegando ata a portada, onde aparece de novo o coelliño
branco mirando cara á súa horta. Nas imaxes, predominan as cores fortes, o que
o fan moito máis atractivo visualmente para os nenos e nenas en harmonía co
texto de cada folla.
Trátase dun texto-fórmula, concibido tanto para
ser lido como para ser contado, no que a sonoridade e a rima se encontran
presentes en toda a súa estrutura encadeada, fomentando a participación do
lectorado na aventura. Tamén reivindica a amizade e a coraxe como proba de que
a valentía non é cuestión de tamaños, xa que o seu protagonista, o coelliño
branco, atopa a súa casa ocupada por unha enorme cabra, despois de ir recoller
coles á horta. Na busca de axuda atópase con diversos animais que rexeitan
enfrontarse á cabra e só a formiga é capaz de facer xustiza.
Potencialidades: A través da lectura deste conto pódense introducir na aula de Educación
Infantil diversas cuestións. Por un lado, a amizade e a valentía, temas
centrais da obra. Sen esquecer, o papel da antagonista, que fará reflexionar
aos nenos e nenas sobre as boas e malas accións formulando preguntas como: a
cabra pórtase ben? está ben ocupar a casa dalguén? a formiga bota da casa de
boas maneiras á cabra? poderíase solucionar doutra forma? Outro aspecto
fundamental da obra é que inclúe moitas rimas e xogos de palabras que facilitan
a sua memorización ao mesmo que tempo que espertan o interese e a curiosidade
dos nenos/as. Pódense, ademais, introducir na aula diferentes temas como: os
animais, as paisaxes, comidas, cores etc. Por último, pódese traballar a súa
dramatización, incorporando outros animais, cambiando o final etc.
Traducións e premios: Existen traducións deste conto ao castelán,
éuscaro, portugués, inglés e italiano. Ademais, trátase dun álbum ilustrado
galardoado en 1999 co 1º Premio Nacional de Ilustración que foi incluído polo
Banco do Libro de Venezuela no catálogo Os Mellores Libros paara Nenos do ano
2000 e tamén se publicou na colección “Makakiños”, en colaboración coa
Asociación BATA, adaptándoo ao sistema de pictogramas SPC para facilitar a
lectura ás persoas con necesidades de apoio educativo.
Recursos educativos
Ningún comentario:
Publicar un comentario