mércores, 22 de abril de 2020

Cocorico




Núñez, Marisa (2009). Cocorico. Ilust. Helga Bansch, Pontevedra: OQO Editora (ISBN: 978-84-9871-156-1)


Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de Marisa Núñez (escritora e especialista en animación a lectura) e Helga Bansch (ilustradora), este álbum é unha adaptación dun conto tradicional birmano. Presenta un formato de tapa dura, encadernado en cartoné, o que permite a súa maior resistencia ao uso. Ademais, ten un tamaño adecuado para a súa manipulación, especialmente para os máis pequenos. Na súa cuberta preséntase un debuxo no que se mostra o personaxe principal (Cocorico) xunto a súa nai. A ilustración permítenos coñecer os protagonistas da historia sen ter que acceder ao seu interior, proporcionándonos información sobre eles. Deste xeito podemos presentarlle ao alumnado certas cuestións, como quen poden ser, que papeis poden ter na historia ou que pensan que lles pasou. Ademais da ilustración, tamén podemos observar o nome da autora e da ilustradora, e como non, o título da obra na parte superior, mentres que na parte inferior atópase o nome da editorial (OQO editora). Toda a cuberta presenta cores fortes (laranxa, amarelo, marrón…) e ten continuidade na contracuberta, coa que forma unha ilustración continua. De feito, ao observar a contracuberta descóbrese que o elemento de cor negra que aparece ante Cocorico na cuberta en realidade é o rabo do gato. As cores xogan un papel fundamental, xa que o novo personaxe ten cores máis escuras (negro e marrón), o que acentúa a sensación de perigo e ameaza, mentres que na cuberta a nai do protagonista, que aparece nun segundo plano, presenta unha cor clara (branca), que remite cara á protección e o amparo e paz.
No interior da obra podemos observar as gardas que mostran diferentes ilustracións que fan referencia ao crecemento do poliño, dende que está no ovo ata que sae, amosando o transcurso do tempo e as diferentes etapas de maduración, nun xogo de identificación co lectorado agardado. Este xogo segue na páxina de título de créditos e na portada, onde se observan os entretementos e carantoñas de Cocorico, que nos convidan a entrar para coñecer a historia.
En canto ao contido da obra, nárrase a historia de Cocorico que é un pitiño que vive coa súa nai. Un día deciden facer un biscoito, polo que Cocorico vai buscar leña con tan mala sorte de atoparse co Gato Pelado, quen o ameaza con comelo, este dille que lle dará a metade do seu biscoito, pero non todo sae como se esperaba.
O conto ten unha estrutura clásica con introdución, nó e desenlace, ademais emprega unha linguaxe sinxela e adecuada para os/as máis pequenos/as, facendo uso de recursos como a rima, que lle aporta musicalidade ao conto, e de onomatopeas que identifican e caracterizan os personaxes, caso do Gato Pelado e o seu «¡Marramiau! ¡Marramiau!» ou de Cocorico con «picotí, picotá, picotí, picotá». A tipografía é de gran tamaño e de cor negra, o que facilita a súa lectura, así mesmo emprega unha letra grosa para acentuar os diálogos, fronte á narración da historia en letra normal, tratando de ensinarlle aos/as nenos/as ambos tipos de letra e tipoloxía textual. O narrador é unha terceira persoa omnisciente que narra os feitos, describe os sentimentos dos personaxes e os seus pensamentos, que se complementa co uso de diálogos.
Dende o punto de vista visual, as ilustracións e o texto forman parte dun conxunto, polo que unha non tería sentido sen a presenza da outra. Texto e imaxes forman parte dun continuo e configuran unha unidade de sentido en cada dobre páxina do libro, ocupando as ilustracións ambas as caras. A técnica e materiais empregados son a acuarela, con debuxos que non están delineados cunha liña negra, aos que se lle aporta volume mediante o claroscuro e cores máis suaves. Todas as ilustracións son plásticas, aínda que se fai uso da profundidade debuxando os personaxes de diferentes tamaños, tamén son sinxelas, pero moi expresivas, con tonalidades moi repetidas, en todas elas aparece o fondo beixe que facilita a lectura do texto e destaca os protagonistas. Os protagonistas espertan a identificación e empatía do potencial lectorado, especialmente Cocorico, que dende o comezo da historia se mostra feliz coa súa nai (xogando con ela, dándolle bicos, lendo xuntos…), polo que nela tamén se propicia a identificación coa figura materna.

Potencialidades: Este conto proporciona diferentes coñecementos propios de Educación Infantil, destacando algunhas emocións (contento, medo, enfado…), o coñecemento de alimentos (ovos, fariña, azúcre…), aspectos lingüísticos como adverbios de lugar (cerca, enriba…) ou adxectivos de cantidade (medio, enorme…). A lectura desta historia popular tamén pode ensinar e potenciar unha gran variedade de valores, como compartir, a honestidade, a humildade, a honradez, a tolerancia ou a empatía. É de destacar o valor de escoitar os consellos de quen nos quere, neste caso da nai de Cocorico, e os perigos aos que nos enfronta a vida. 

Recursos educativos:
Entre os recursos que se atopan sobre este álbum ilustrado eliximos:

Conto online (Youtube). Montero, Beatriz. [Cuentacuentos Beatriz Montero]. (2014, xullo 31). El pollito Cocorico - Cuentos infantiles – Cuento popular birmano [Arquivo de vídeo]. Recuperado de:  https://www.youtube.com/watch?v=od6wu1YW7GI (consultado o 23/4/20)

Ningún comentario:

Publicar un comentario