domingo, 26 de abril de 2020

Un becho estraño



Daporta, M., & Villán, O. (2010). Un becho estraño. Pontevedra: Faktoria K de Libros. (ISBN: 978-84-9695-766-4)

Descrición do formato e contido: Un becho estraño é un álbum ilustrado composto por 12 páxinas en cartón duro é recomendado para nenas e nenos de 0 a 6 anos. É un libro de formato pequeno, rectangular (27,5 x 22 cm), cunha encadernación de tapa dura e cantos redondeadas. A cuberta é gris escura e nela destaca o título en letras brancas e grandes, acompañado de dúas imaxes dun ser que será o protagonista do conto; na contracuberta aparece un rabo longo e delgado en consonancia co ser que aparecía na cuberta.
O libro baséase na rima e no ritmo do texto, que se apoia nas imaxes do becho, que é o único que resalta sobre o continuo fondo gris escuro e que vai mudando en función do que nos conta o texto. Así, iranlle aparecendo orellas, pés, nariz etc. pero nun sitio un tanto estraño. A tipografía empregada é a letra maiúsculas colocada a modo de lema no fondo de cada dobre páxina e tamén invertida na parte superior.
Temos diante un conto sen fin que nos narra poeticamente a historia dun ovo ao que lle van a aparecendo partes do corpo e que remata por se converter nun rato, o cal ao chegar ao final da historia se volverá converter nun ovo, proceso acompañado da necesidade de xirar o libro fisicamente para ir acompañando a perda dos atributos da parte inicial. As ilustracións do conto son absolutamente necesarias, xa que reflicten o relatado no texto. Os debuxos, moi sinxelos e pouco coloridos, teñen unha forte emotividade e carga simbólica.
O texto empregado neste álbum e moi sinxelo, ten unha linguaxe tenra e infantil. É un texto que está escrito en verso, moi rítmico e sonoro, que busca a beleza a través da propia palabra. As frases son moi curtas e a elección da tipografía maiúsculas é idónea para a aproximación inicial á lectura. O tema central é o xogo, a inferencia, a sorpresa e o descubrimento. Permítelle os nenos e nenas empregar a imaxinación e a creatividade para facer unha representación mental do que vai sucedendo na obra.


Potencialidades: xa dende o título do libro da obra podemos xogar coa imaxinación e falar de que “becho” estraño se estará a falar, descuberta que non se producirá ata o final. Este álbum ilustrado pode empregarse para traballar, entre outras temáticas, as partes do corpo, xa que emprega as partes humanas mans, pes, nariz, ollos e brazos; as localizacións espaciais, como arriba, abaixo os lados; os tamaños de gordo e fraco; os fenómenos meteorolóxicos como é o vento, un raio… É unha historia curta que favorece que os nenos e as nenas a aprendan e que unha vez a saiban poidan ir completando a narración da historia co apoio das imaxes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario