mércores, 15 de abril de 2020

L´enfant et le Grand-mère



Davies, B, (2018), L´enfant et Grand-mère, ilust. do autor, Toulouse: Éditions Milan, [ 32 pp.]. (ISBN: 978-2-4080-0582-5).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura con dimensións 278x245 mm, do autor e ilustrador Benji Davies. Conto infantil redactado en francés. A cuberta, chea de cores vivas, amósanos a imaxe do mar, axitado e cheo de rochas nas que están pousadas gaivotas e incluso un pequeno cangrexo. O ceo é azul, está cheo de nubes e podemos distinguir aves no seu fondo, supoñemos que gaivotas tamén. Na parte dereita podemos ver unha pequena embarcación. Dentro dela encontramos a un neno cun ganapán, e unha muller co pelo branco, que é a súa avoa, e que é a que se encarga de dirixir este barco. Xunto ao barco, e ben preto da figura da avoa, podemos ver un paxariño que os segue. O título do libro está situado na parte esquerda da cuberta, con letras en maiúscula e de cor negra. Na contracuberta, encontrámonos cunha imaxe distinta. Podemos ver parte dunha praia, un ceo cheo de nubes brancas e grises e, sobre un montículo de herba, hai unha pequena casiña, feita co que parece a parte dianteira dun barco. Esta ten cheminea, unhas escadas, unha hamaca na que tomar o sol e un tendal. Á esquerda da casa podemos ver ao mesmo neno da cuberta, co mesmo ganapán e un caldeiro pequeno. As gardas son as dúas de cores amarelas e brancas e amosan a area dunha praia. Sobre ela, podemos distinguir moitas pegadas de gaivota, que forman unha especie de camiño. Tamén hai cunchas, buguinas e estrelas de mar.
O argumento xira ao redor de Noah, un neno que vive xunto ao mar co seu pai e os seus gatos. Chega o verán e vai pasar as súas vacacións coa súa avoa. Ela vive lonxe del, nunha pequena rocha na que só recibe a visita dalgúns paxariños. Noah non sabe moi ben que pensar acerca da súa avoa, xa que fai cousas como pór os dentes nun vaso polas noites, teñen que durmir na mesma cama e non ten moito tempo para xogar. Por iso mesmo, un día Noah sae a dar un paseo pola praia cando a marea está baixa. E atopa unha pedra que lle chama moito a atención. Ao achegarse a ela, comeza a imaxinar que está nun castelo, nun barco, nunha gorida... Fóra desta rocha, comeza a chover e pode verse o ceo de cor gris escuro. Mentres, dentro, Noah segue xogando. Pero algo interrompe os seus xogos: un paxaro pequeniño está ferido e pía. Noah quere axudalo e sabe que ninguén mellor que a súa avoa para curalo. Pero cando quere saír, dáse conta de que a marea é mais alta e a tormenta non lle vai pór fácil volver á casa. Pero a avoa, no momento xusto, aparece co seu barco. Leva buscando a Noah dende que comezou a tormenta. Polo camiño á casa, atopan máis paxaros perdidos e feridos e deciden levalos á casa e coidalos durante a noite. Cando a tormenta calma, os paxaros marchan horizonte adiante. Pero o paxaro que Noah encontrou decide quedar a facer compañía á avoa. A partir dese día, e durante todo o verán, Noah, a súa avoa e o paxariño son compañeiros de aventuras.
O álbum presenta na súa maioría imaxes de toda a páxina, formadas por dúas follas. Tamén, podemos ver pequenas ilustracións ao lado do texto, ou ilustracións que ocupan só unha folla. O texto está sempre acompañado dunha imaxe que o apoia e recrea. Unha cor que predomina moito no álbum é o azul, xa sexa claro ou escuro. O texto que conta a historia é de cor negra e as letras teñen un tamaño mediano, o que facilita a súa lectura. As imaxes, ademais, parecen estar pintadas con acuarelas, o que fai que sexan moi agradables á vista do lector. A historia cóntase de maneira indirecta e nalgunha que outra ocasión hai un diálogo entre o neno, Noah, e a súa avoa.

Potencialidades: a través deste conto, como futuras e futuros docentes, podemos traballar un valor tan importante como é a xenerosidade. Tamén podemos tratar cos máis pequenos a figura dos avós. Neste libro, faise especial énfase en que Noah poucas veces visita a súa avoa que, incluso para o seu neto, pode parecer unha persoa rara. Pero aínda así, nos momentos nos que Noah necesita axuda, ela sempre está para el. Os avós, nalgúns casos, poden ser unha figura moi importante na vida dun neno ou nena, chegando a ser ás veces a súa figura de referencia e por iso é un tema interesante para tratar cos mais pequenos. Ademais, podemos ver un gran xesto de xenerosidade por parte dos dous protagonistas cando primeiro Noah recolle ao paxaro ferido e logo, de camiño á casa, os dous van recollendo e acollendo na súa casa a moitos máis paxaros para que non pasen fóra a tormenta e poidan viaxar ao día seguinte sen problema.

1 comentario:

  1. Bajo mi punto de vista me parece que fomentar en el aula este tipo de
    lecturas favorece la aproximación y el contacto con otras lenguas
    desde edades tempranas. En la mayor parte de los casos, y en lo que
    respecta a la Comunidad Autónoma de Galicia estas lecturas se realizan
    en castellano o en gallego, siendo el inglés la tercera lengua y con
    escasa presencia. Por lo que me parece una idea muy buena introducir
    en el aula el francés, ya que es un idioma que suele incluirse en
    cursos superiores como Secundaria. Además, considero que a través de
    este cuento pueden tratarse otros temas, como pueden ser: el paisaje,
    aprovechando que se desarrolla en un entorno de costa o incluso la
    compañía que pueden brindar los animales, abriendo por ejemplo debate
    sobre los animales domésticos. En definitiva, es una propuesta con la
    que se pueden trabajar aparte de lo ya mencionado, muchos otros
    aspectos: familia, valores como la solidaridad, etc.

    ResponderEliminar