xoves, 30 de abril de 2020

Orellas de bolboreta



Aguilar, L. (2008). Orellas de Bolboreta, ilust. André Neves, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [32 pp]. (ISBN:978-84-8464-662-4).

Descrición do formato: álbum ilustrado, impreso en papel, composto de 32 páxinas e dirixido a nenos e nenas de entre 3 a 8 anos. Na cuberta aparece na parte central a protagonista da historia sobre un fondo verde e amarelo cun estampado de flores. Desta imaxe podemos salientar que a ilustradora realza o pelo da protagonista, facendo que ocupe un grande espazo e imprimíndolle relevancia. Ademais do seu cabelo tamén salientan outros trazos como o seu nariz moi matizado e no que aparecen letras, simulando unha páxina de xornal, as orellas de gran tamaño e enriba do seu ollo dereito apréciase o deseño dunha flor azul con follas rosas, mentres que no vestido aparecen de novo letras debuxadas. Ademais, tamén aparece na parte superior o título da obra e os nomes da autora e do ilustrado, xunto cunha bolboreta azul, flores de diversas cores e tamaños e un pequeno cartel no que se pode ler o nome da editorial.Esta cuberta configura unha imaxe rechamante, tanto polo contraste de cores coma polos seus debuxos.
A contracuberta é sinxela, mantén o mesmo fondo que a cuberta e algúns dos elementos citados, como as flores, xunto co nome da colección “demademora”. As gardas presentan un fondo azul en distintos tons, sendo máis claro na base e máis escuro na zona superior. Encima deste fondo sae nove bolboretas, tamén azuis co contorno negro, medio corpo da protagonista simulando que está voando e un banco no que volven saír letras debuxadas.

                           

As ilustracións do interior ofrecen unha lectura paralela á historia. Resaltan pola súa orixinalidade, polos trazos moi marcados dos personaxes: uns teñen a cara alongada, outros redonda, uns teñen o nariz vermello e cadrado, outros alongado e con letras, uns teñen pelo curto e marrón, outros levan gorro. Esta diversidade contrasta coa semellanza entre a nena protagonista e a súa nai, tanto polo estilo de pelo, nariz, orellas, así como os trazos dun rostro similar. É importante mencionar que nas ilustracións se percibe un carácter entre cómico e esaxerado das figuras. Na miña opinión as ilustracións deste conto son un modo de reivindicar a riqueza que hai na diversidade.




Descrición do contidoestamos ante unha narración lineal cun vocabulario sinxelo e con numerosos diálogos e repeticións. Cabe resaltar que, o formato da letra non sempre é o mesmo, senón que utiliza dous tipos de letra: un para as burlas e outro para a resposta e o resto de argumentos. Isto, na miña opinión, é outro recurso para remarcar as posicións encontradas entre agresores e agredida, entre falta de respecto e habelencia intelixente nas respostas. Os temas nos que se centra a obra son a autoestima e a apreciación da diversidade como algo positivo, aínda que tamén traballa outros temas secundarios como son a resiliencia, a empatía ou o rexeitamento ao acoso.

Potencialidades: a lectura desta obra sitúanos ante unha temática de gran relevancia social, xa que con ela se pode traballar o concepto de diversidade, potenciando a empatía e explicando a necesidade dunha socialización positiva. Ademais, tamén nos permite traballar o desenvolvemento da autoestima e da resiliencia.


Premios e outras mencións:

  •   Finalista do IV Premio Nacional de Cittá di Bella (Italia 2008).
  • Selección Ministerio Nacional de Educación (Argentina 2015).
  •      Plan Nacional de Lectura (PNL, Portugal).
  •    Programa “Leggere senza stereotipi” (Italia 2015).




Ningún comentario:

Publicar un comentario