xoves, 16 de abril de 2020

Os monstros grandes non choran




Jónsdóttir, Áslaug; Helmsdal, Rakel e Güettler, Kalle (2006). Os monstros grandes non choran, ilust. Aslaug Jónsdóttir, trad. Sushi Books. Pontevedra: Sushi books (a partir de 3 anos), [32 pp.]. (ISBN: 978-84-15920-29-8).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado escrito por Áslaug Jónsdóttir, Rakel Helmsdal e Kalle Güettler, e ilustrado por Áslaug Jónsdóttir. Composto orixinalmente en lingua islandesa, foi traducido á lingua galega polo equipo de Sushi Books, consta de 32 páxinas en cartoné. A cuberta e a contracuberta forman un debuxo único, que é unha imaxe onde aparecen os dous monstros, o charco e as bágoas de felicidade do monstro pequeno. A cuberta presenta un fondo branco e o debuxo de dous monstros: un pequeno que aparece cun sorriso chorando de felicidade e no medio dun charco, e un monstro grande, de costas ao pequeno, mentres amosa unha expresión de tristeza, acentuada polas mans na boca e con cara de preocupación. Isto é algo revelador xa que é o elemento clave da historia.
Predominan as cores azuis e negras. Os monstros presentan cores escuras, tanto negro como verdes escuras, incidindo nunha imaxe tópica asociada a estes seres. A cor azul amósase nas bágoas de felicidade e no charco onde se atopa o monstro pequeno. Ademais deste elemento, tamén atopamos o título da obra, o nome artístico das escritoras, da ilustradora e da editorial. Na contracuberta, segue a imaxe da cuberta coas bágoas e un charco, ademais amósase un resumo da obra literaria e a editorial. As gardas son brancas sen ningún tipo de ilustración e sen información reveladora. Na portada aparecen os dous monstros no medio do charco, ademais disto aparece os datos da edición (título, autoras, ilustradora e editorial) sobre un fondo branco. Na primeira páxina posterior á portada aparecen os datos de edición.
 O título, Os monstros grandes non choran, está directamente relacionado co relato do libro, que xira ao redor de que monstro grande non quere xogar co monstro pequeno porque a el sempre lle saen ben as cousas, polo que o monstro grande séntese un zoupón ao seu carón. Porén, un día isto cambia cando o monstro grande comeza a chorar cando o pequeno se ri do seu pai ao velo nadando. É entón cando o monstro pequeno lle di que non sabe facer todo e que lle ensine a nadar. É neste momento cando o monstro grande se decata de que el tamén sabe facer cousas. Isto fai que se sinta contento e que non debe chorar máis. En todo momento da historia as expresións das personaxes son expresivas polo que se mostra con claridade os momentos de ledicia e os momentos nos que o monstro grande se sente triste. A linguaxe empregada neste conto é clara e sinxela. O texto resalta algunhas palabras, estas amósanse en minúscula e en letra grosa, ademais de que as palabras resaltadas teñen outro tipo de letra para chamar a atención do lectorado.
Con respecto ás ilustracións, ao longo do álbum combinan planos xerais, americanos, medios e a detalle, nos que aparecen todas as personaxes. As ilustracións están debuxadas e coloreadas en cores bastante simbólicas. Mestura cores cálidas e frías, estas son apagadas, non se caracterizan pola súa vivacidade. No fondo das ilustracións predomina a cor branca para resaltalas. O conto remata coa imaxe dos dous monstros rindo e axudándose un ao outro e coa frase contraria á que se repite ao longo da historia “Os monstros grandes poden chorar!” O texto conta cun narrador en primeira persoa, que é o monstro grande.

Potencialidades educativas: é un álbum ilustrado que reflicte as emocións. Pero ademais disto axuda tamén a comprender a diversidade das capacidades que temos cada persoa. A lectura desta obra serviríanos tamén para achegar os cativos e as cativas cara a un fortalecemento da autoestima, da autocrítica e da importancia de axudarnos uns aos outros para seguir aprendendo, xa que é a mellor forma de adquirir novas aprendizaxes e mellorar as que xa sabemos. Tamén é unha lectura que propicia a reflexión sobre os sentimentos e emocións, coas que é importante traballar tanto para identificalas como para saber xestionalas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario