domingo, 26 de abril de 2020

A casa do rato Renato









20200421_123704



Castro Lima, Manuel e Mª Mar Ameixeiras Sánchez (2010). A casa do rato Renato, ilust. Francisco Ameixeiras Sánchez. Vigo: Barafunda editorial, [34 pp.]. (ISBN: 978-84-614-4574-5).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado con texto de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez e ilustracións de FranciscoAmeixeiras Sánchez. Presenta unhas tapas duras. Na cuberta do conto aparece unha imaxe dunha cabaza cun rato. Na contraportada preséntase a imaxe dun porco e un anaco da cabaza. Na garda inicial presenta un fondo
branco cunha bubela, unha bolboreta e dúas cabazas. As imaxes que aparecen ao longo do conto son a toda páxina, de cores vivas e atractivasvisualmente para os cativos e cativas. É un conto rimado con algúns diálogos.
É de salientar que no final do volume se atopan dúas propostas didácticas: a primeira consiste en repasar as palabras dos alimentos do magosto e a segunda en unir os nomes coa imaxe correspondente. Tamén se recollen nas dúas últimas páxinas cantigas e refráns, así como unha breve explicación sobre a festa do Samaín.
Desde o punto de vista do contido, nárrase a historia do rato Renato, ao cal Uxía lle quita a cabaza que el escollera como o seu fogar. O rato busca recuperar a súa casa e por iso cando se atopou cun porco pediulle que lle axudara. A cambio de axudarlle, o porco pediulle que o liberara. Na súa aventura de recuperar a cabaza, atopáronse cunha avelaíña que tamén os axudou a que finalmente o rato recuperara o seu fogar.

Potencialidades: a lectura deste conto permite traballar nas aulas temáticas como as tradicións, en particular o Samaín, a natureza, os animais, o respecto aos hábitats e á forma de vida dos animais, as diferentes tradicións, a xenerosidade, a cooperación e a felicidade. Ademais, a forma rimada contribúe a familiarizar aos máis pequenos co ritmo e a sonoridade da lingua, así como o fomento da memorización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario