Ballesteros,
X. (adapt.) (2016): Os tres porquiños.
Ilust: Somà, M. Pontevedra: Kalandraka [40
pp.]. (ISBN: 978-84-8464-278-7)
Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado
de tapa dura, cunhas medidas de 22x22 cm. Na cuberta aparece o título da obra,
en cor vermella, por debaixo dos nomes dos dous autores. Tamén aparecen os tres
porquiños camiñando polo bosque, levando cada un a súa maleta. O primeiro
deles, que é o maior, leva na man un mapa para facer de guía; o mediano ségueo
detrás; e o último, o pequeno, é o que máis dificultade ten para seguir o
camiño. Na contracuberta aparece o lobo, que leva posto un vestido vermello.
Está detrás dunha árbore, vixiando con audacia, o que fan os porquiños. No
interior, as ilustracións son a dobre páxina, e o escenario principal de toda a
obra é o bosque.
É unha obra narrada
en terceira persoa, na que tamén hai diálogo, onde tres irmáns porquiños teñen
que marchar da casa da súa nai porque xa creceron. Marcharon vivir ao bosque,
pero como non se puñan de acordo, fixeron tres casas: o irmán pequeno fíxoa de
palla, o mediano de madeira, e o maior de ladrillo. Pero non sabían que nese
bosque había un lobo que os quería comer. Este atacou primeiro a casa do irmán
pequeno, e dun sopro derruboulla. Entón o porquiño correu a meterse na casa do
irmán mediano. O lobo volveu a facer a mesma estratexia e derruboulle a casa de
madeira dun sopro. E os dous porquiños correron a refuxiarse na casa do seu
irmán maior. Pero cando o lobo quixo derrubar a deste soprando, a casa non se
moveu nin un pouquiño, posto que estaba feita de ladrillos. Entón o lobo
decidiu entrar pola cheminea, pero o irmán maior decatouse e pediu axuda aos
seus irmáns para pór a ferver unha pota con auga quente. O lobo caeu nela e
escaldou o cu, polo que marchou correndo e xurando que xamais volvería ir a
aquela casa. Os tres irmáns fixeron unha festa para celebralo.
Potencialidades educativas: coa lectura deste
álbum ilustrado podemos traballar coas nenas e nenos na etapa de Educación
Infantil o papel que xoga a familia nas nosas vidas, e o importante que é
manterse unidos para axudarse nos momentos máis difíciles, como cando os irmáns
se axudaron os uns aos outros cando foron atacados polo lobo. Por outra parte
podemos reflexionar sobre o importante que é a constancia e o tempo no
traballo, porque por querer acabar antes, o porquiño pequeno, fixo a casa máis
débil. É importante a posta en valor do esforzo e o afán de superación
como exemplo para os máis pequenos.
Recursos de interese:
Canción para animar
o conto: https://www.youtube.com/watch?v=HpySbgEZ3SQ
Ningún comentario:
Publicar un comentario