venres, 24 de abril de 2020

Pilú Pilú!




Isern, S. (2011). Pilú Pilú!, ilust. Katharina Sieg, Pontevedra: OQO Editora. (ISBN: 978-84- 9871-313-8).

Descrición do formato e o contido: libro de capa dura de Susana Isern. Na cuberta aparece o título en trazo fino, o nome da autora e da responsable das ilustracións e debaixo as figuras dos protagonistas en acuarela, reflectindo unha das imaxes de solidariedade que aparecen dentro do libro. Na contracuberta aparece a continuación desta imaxe acompañada do ISBN e a editorial. A seguir aparece a páxina de dereitos na que se reflicten, mediante unha listaxe informativa, datos de autoría, tradución e copyright, acompañados dunha dedicatoria: “Para o crocodilo Adriel e o paxariño Marc, os meus meniños”. Na portada recóllense os datos da cuberta. As páxinas son de papel encerado e ocupadas polas imaxes.
Dende o punto de vista do contido, esta obra presenta a un enorme crocodilo que cada día chora desconsolado, mentres é observado por un pequeno paxariño que se pregunta que lle ocorrerá. A súa comprensión e sensibilidade permitirá que a convivencia no bosque mellore e que se superen moitas problemáticas derivadas da convivencia. A anécdota parte de como arranxar un problema acontecido a un destes animais mediante a solidariedade. Os personaxes aparecen humanizados e caracterizados por condutas e personalidades moi comúns na sociedade do momento, aínda que mostradas mediante o mundo natural. 
Este álbum ilustrado propicia unha lectura que esixe a implicación do lector para seguir o o da historia e acadar o obxectivo final: promover a solidariedade por enriba das falsas expectativas previas. A estrutura asenta en parágrafos breves que se refiren ás ilustracións, permitíndonos deste xeito identificar o que no texto se menciona. Obsérvase unha forte ligazón entre as ilustracións e o contido, especialmente reflectido na expresión facial e corporal das personaxes. As ilustracións propician unha lectura visual complementaria ao texto e amplían contidos da obra. Tanto ilustracións coma escritura aparecen nun fondo branco, ocupando cada diálogo do protagonista cunha das personaxes secundarias unha dobre páxina, xunto coa representación á que é asociada.

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos abordar a visión das falsas expectativas que creamos antes de ter coñecemento de algo ou alguén. Invítanos a sacar o bo de cada un de s, superando prexuízos e estereotipos que temos sobre os outros. Fomenta a solidariedade e a importancia de ser xenerosos cos demais, incidindo en valores morais e éticos de gran relevancia social. Debido ás imaxes que aparecen na obra, podemos adaptala a calquera idade, xa que a partir delas se pode identificar claramente o propósito do álbum ilustrado. Esta obra fomenta o xogo de roles e cambio de identidade. 

Recursos:
Giraluna (2011). ¡Pilú, Pilú! Giraluna. Cuentos e ilustración, en http://giralunamariola.blogspot.com/2011/04/pilu-pilu.html (consultado o 23/4/20). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario