Gaudes, Belén e Macías, Pablo (2017). Marta no da besos, ilust. Nacho de Marcos. Madrid: Cuatro Tuercas (a partir de 3 anos)
Descrición do formato: álbum ilustrado de cartoné, da colección “Ande yo valiente” e cun total de 25 páxinas. A cuberta presenta un fondo nun azul luminoso e no centro a ilustración de Nacho de Marcos na que aparecen unha nena e unha anciá. A nena parece que non quere recibir un bico por parte da anciá, o que nos revela, xunto co título, máis arriba en branco e en grande, que a nena, Marta, non quere que lle dean bicos. As cores empregadas son vivas e alegres, mesturando frías con cálidas. Tamén aparecen na cuberta os nomes dos autores e o ilustrador, xunto co da colección e da editorial. A contracuberta está tinxida coa mesma cor azul luminosa e aparece a mesma ilustración ca na cuberta, pero máis pequena, ao carón dun breve resumo do que nos atoparemos no libro. Máis abaixo está o nome da colección e información editorial. As gardas están tinxidas dun amarelo claro e luminoso. Na portada está a mesma ilustración ca na cuberta e contracuberta, pero esta vez sobre un fondo branco co título debaixo e a dedicatoria: “A todas las Martas del mundo que tienen los besos contados”. O texto do conto está escrito en letras minúsculas e bastante pequenas.
Contido: O título, Marta no da besos, xa nos revela o tema deste libro, que é a expresión da afectividade. A historia é rimada e cada dobre páxina mostra unha situación diferente á que se ten que enfrontar Marta, a protagonista. Todas esas situacións teñen relación coas persoas da súa contorna que lle piden bicos a cambio de obxectos materiais, algo que Marta non considera necesario. Deste modo trátase un tema moi normalizado na nosa cultura como é a necesidade de que os nenos e nenas pequenos teñan que dar bicos na meixela aos adultos que coñecen como costume. Porén, neste caso, Marta decide que os bicos soamente os dará cando queira e a quen queira, non cando llo impoñan. O texto está narrado en primeira persoa, aínda que tamén aparecen diálogos coas persoas do círculo da nena, que interactúan con esta: unha veciña, o froiteiro, un amigo do seu pai, a súa nai… Ao principio non ten unha estrutura lineal, porque calquera desas situación puido pasar nunha orde diferente. É nas últimas páxinas cando a nena resolve o problema ela soa despois de negarlle un bico á súa nai.
Con respecto ás ilustracións, ao longo do álbum, configuran unha unidade de sentido cada dobre páxina. Marta aparece en todas elas e a gama de cores é moi variada, mesturando cores frías con cálidas e tamén diferentes texturas. As ilustracións parecen estar debuxadas e coloreadas, ás veces de forma incorrecta e outras mesturando estampados. Incluso algunhas figuras ou obxectos están inacabados ou sen pintar o que lles resta importancia na historia por centrarse a atención nas personaxes. As expresións das personaxes están moi ben representadas, incluso as persoas que piden os bicos teñen a boca máis grande, co que son máis facilmente recoñecibles. Xa sen ler o texto sabes que esa persoa tamén vai pedirlle o correspondente bico á nena. Marta remata dando un consello no final do libro: “Da besos solo a quien quieras y solo cuando tu decidas”, revelándose contra o costume e a imposición de bicar a descoñecidos, unha realidade na nosa sociedade.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra permite reflexionar sobre as diferentes manifestacións da afectividade, sobre a necesidade ou non destes xestos e os sentimentos que poden experimentar nenas e nenos aos que non lles gusta o contacto físico con adultos. É un tema controvertido pola aceptación social e a súa implantación colectiva, o que leva a que en moitas familias se impoña este tipo de acto, sen ter en conta o que desexan facer os máis pequenos. Con esta lectura ponse de manifesto a importancia da liberdade das expresións afectivas, a espontaneidade e sobre todo tomar consciencia de que non se pode exercer presión sobre os máis pequenos para que realicen este tipo de actos, que poden contribuír a unha imaxe distorsionada do consentimento e o afecto.
Paréceme un libro moi moi interesante, non o coñecía e é un libro que deberían ler todas aquelas persoas que están con nenos e nenas. Temos que darlle o espacio necesario os pequenos/as con temas de afectividade. Hai nenos/as moi cariñosos/as e outros/as que non o son tanto. Debemos respetar o que eles/as queiran facer en cada momento. Ao igual que os adultos,non poden obligar a ninguén a dar un bico ou un abrazo.
ResponderEliminarUn libro moi recomendado para pais e nais e sobre todo para que os pequenos/as para que sepan que non teñen a obriga de dar bicos.