DENEUX, X. (2015). Caperucita Roja, trad. D. de los Santos. Barcelona: Combel Editorial, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-9825-998-8).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado, de cantos redondeados. Trátase dunha adaptación do conto clásico da Carapuchiña Vermella nunha proposta estética e sensorial de formas en relevo. Na cuberta presenta unha imaxe dun bosque no que aparece a Carapucha entre unhas enormes árbores troqueladas. Na contracuberta aparece o nome da colección, ao carón da que figura a cara dun lobo cun anteface de cor vermella dentro dun marco. No interior da obra, as imaxes adoptan diferentes disposicións, pois nuns casos son a toda páxina e noutros cínguense a cada páxina. As cores son vivas e rechamantes para os máis cativos e cativas. O carácter interactivo da obra propicia a exploración a través dos baleiros e dos relevos que fomentan a manipulación coas mans. O texto é rimado, con algúns diálogos.
O contido da obra recolle unha versión moi reducida deste clásico popular da literatura universal no que se conta a historia dunha nena que recibiu como agasallo de aniversario un abrigo de cor vermella e dende ese día todos lle chamaban Carapuchiña Vermella. Un día a súa nai entregoulle comida para levarlla a súa avoa. De camiño atopou co lobo que a retou a realizar unha carreira para ver quen chagaba antes. O lobo chegou antes á casa e comeu a avoa, meteuse na cama e fíxose pasar pola anciá. Cando Carapuchiña chegou o lobo comeuna tamén. Porén, cando pasou por alí un cazador decatouse do que pasara e rescatou á avoa e á nena, que lle meteu pedras na barriga do lobo e xurou que xamais volvería confiar nun descoñecido.
Potencialidades: este conto permite traballar valores universais como a loita do ben contra o mal; reflexionar sobre as aprendizaxes na vida e a importancia de obedecer aos adultos, que teñen máis coñecementos e experiencias. A relación entre avoa e neta propicia a reflexión sobre a importancia dos maiores, a afectividade, relacións interxeracionais etc. O contacto coa natureza, na que se ambienta o conto, permite coñecer oficios tradicionais e aspectos diversos da vida no campo. As referencias á comida que leva a nena no cestiño pode animar a experimentar coa comida e os gustos persoais ou usos culinarios de cada cultura. Por último, o feito de traballar cun libro troquelado e con relevos permite explorar cos diferentes sentidos e recrear a historia a través de diferentes materialidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario