Amosando publicacións coa etiqueta desenvolver conceptos básicos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta desenvolver conceptos básicos. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de febreiro de 2017

Ou todo ou nada


Capdevila, Francisco (1997), Ou todo ou nada, ilust. do autor, trad. Isabel Gil, A Coruña: Everest Galicia, col. O Neno, A Nena e o Bau, (+3 anos) [24 pp.] (ISBN: 84-403-0471-4).




Descrición do formato e do contido da obra: Álbum ilustrado de tamaño medio e de formato case cadrado (21,5x 19,5cm), encadernado en cartón brando. Na cuberta aparece o título do libro e o da colección ao que este pertence ("O Neno, A Nena e o Bau") e tamén os personaxes da historia. A modo de marco aparecen tamén miniaturas dos personaxes principais doutros libros da colección. Na contracuberta aparecen os demais títulos da colección á que pertence este libro, divididos en bloques segundo a temática que traten. 


 Este álbum ten ilustracións a toda páxina e o pouco texto que hai aparece sempre na marxe inferior de cada folla. As letras son bastante grandes e aparecen todas na mesma cor e formato, agás algunhas palabras como os adverbios de cantidade, que aparecen en negriña para chamar a atención do lector sobre eles. En canto ao tipo de ilustracións, estas son sinxelas e fáciles de comprender, con cores suaves e moi variadas.

Ó Bau, como a todos os cans, gustábanlle os ósos, e como non tiña ningún o neno e a nena déronlle uns poucos. Aínda que agora o Bau estaba contento, non podía deixar de pensar que o Meco, o can do veciño, tiña moitos máis ca el, e iso non lle parecía xusto, así que decidiu roubarlle uns poucos. Cando o Meco se decatou de que lle faltaban ósos enfadouse moito e foi á casa do Bau para quitarllos todos. Ambos seguían con esta teima día tras día ata que apareceu Lulú que, sen pretendelo, deulles unha lección. 

O argumento desta obra é a disputa constante entre dous cans, o Bau e o Meco, por ter máis ósos. A avaricia convértese así no tema central da obra. 




Potencialidades: Os libros da colección á que pertence o volume do que estamos a falar, teñen como fin axudarlle aos nenos a desenvolver as súas capacidades nalgunhas das áreas básicas que se traballan en educación infantil. No caso de “O Neno, a Nena e o Bau”, a idea é axudar aos lectores a diferenciar as cantidades, de aí que todos os adverbios de cantidade que aparecen estean en negriña. A pesar disto, hai que destacar que, tal e como está feito o libro,  cunha linguaxe moi simple e cunhas imaxes que mostran de maneira moi clara o que pasa en cada momento, os nenos non necesitan saber ler para entender o que pasa. Ademais, neste libro a transmisión de valores tamén está moi presente; fálase da envexa, o egoísmo, a compaixón, a astucia e a avaricia, que como xa dixemos é o eixo central ao redor do cal xira a obra, polo cal este volume pode ser unha boa ferramenta para traballar cos nenos e nenas eses e outros valores e temas relacionados, como pode ser aprender a compartir.