Amosando publicacións coa etiqueta lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lectura. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de marzo de 2017

A meniña de Libros

Jeffers, Oliver ( 2016), A meniña de libros, ilustr. Sam Winston,  trad. Laura Saéz e Saleta Fernández, Patas de Peixe editora, ( 3 a 12 anos) [ 18 pp.] ( ISBN 978-84-939350-9-2)


Breve descrición do formato e contido da obra:  albúm ilustrado, de formato cadrado, de cuberta dura e textura en relieve. A súa fermosa cuberta amosa un libro cunha pechadura en tres dimensións que semella choutar do libro e convidarnos a súa lectura, presaxiando xa, dende ó comezo, a intención do autor con esta obra.
Cando o abrimos non podemos máis que reparar nas súas gardas, de onde xurden os títulos de moitos clásicos da literatura -conformando un todo ca obra- e redundando no que será o " leitmotiv" da mesma.

Xa nas páxinas interiores, o albúm semella dividido  en dúas partes, así mentres na parte superior presenta un breve texto, na inferior (nun exercicio xenial de metaliteratura), aparecen as ilustracións conformadas por fragmentos de obras clásicas que mudan en mares, montañas e bosques que percorren os protagonistas. Destacar tamén o estilo de letra que escolle o seu autor, que imita a letra infantil.
Este albúm ilustrado cóntanos a historia dunha pequena que navega “ a través de mares de palabras” para chegar á casa dun neno.


A protagonista convida o seu novo amigo a comezar unha aventura marabillosa a través dos “ bosques de contos de fadas, montañas fantásticas" e a “durmir nas nubes das cancións”, nun viaxe que constitúe unha homenaxe a Literatura de todos os tempos.


Potencialidades: Este álbum ilustrado por Oliver Jeffers sobre uns fermosos fondos tipográficos elaborados por Sam Winston -a partires de extractos dos clásicos da literatura xuvenil e infantil e de cancións de berce-, é dende o comezo un guiño ós incríbles libros que temos lido na nosa nenez, e que os autores desta xoia literaria, escolleron para ilustrar A nena de libros.
A obra tipográfica está feita coas obras clásicas da literatura universal, que crean e constrúen paisaxes imaxinarios que convidan á lectura e nos que medra esta historia.
Esta mistura entre o ilustrador e o autor fai que a obra sexa tan especial e única, xa que non se comprendería unha sen a outra, ámbalas dúas dotan de harmonía e coherencia ó albúm.
De feito, as escolmas das obras literarias que aquí se achegan non están escollidas ó chou, como puideramos pensar, senón que conforman un xogo co lector para ir maís aló na súa lectura. Así o mar confígurano pasaxes da obra do naúfrago Robinson Crusoe, as ramas das árbores do bosque - que non son outra cousa que os cantos dos libros- formánse con frases de Hansel e Gretel e Carapuchiña; as nubes, cantigas de berce, e o camiño cara a imaxinación -polo que a nena convida ó neno a percorrelo xuntos-, configúrase con un fragmento de Alicia no País das Marabillas, nunha alegoría ao paso dun mundo cara outro.       
Estamos polo tanto, ante unha fermosísima obra de metaliteratura, que é unha homenaxe á autenticidade dos libros e de todas as historias que nos conformaron e influíron ao longo da nosa vida. É un acto de loubanza a historia da literatura de tódalas épocas. Unha homenaxe aos creadores do pasado, pero ó mesmo tempo pretende servir de inspiración ás novas xeracións do futuro.


Esta obra constitúe unha invitación á xente a atopar a súa propia voz e a súa propia historia. Historias que só podemos atopar nos libros, polo que todo o albúm non é mais que unha invitación a lectura e o mundo de aventuras que se agocha nela.
O que o converte a súa vez nun libro para nenos, pero tamén para adultos, xa que os dous protagonistas da historia xogan papeis moi diferentes.  Por un lado atópase a nena dos libros, que coñece os segredos da literatura e a imaxinación. E o segundo protagonista é un neno que precisa lle amosen o camino. Nun xogo que se reflicte nas dúas lecturas que plantexa o libro e que se adaptan a todo tipo de lectores, inexpertos ou aqueles xa máis experimentados.


Deste xeito, o neno pode representar aos lectores tímidos que aínda non sucumbiron ó pracer da lectura. Mentres que podemos imaxinar que os adultos -que len este libro aos nenos-, poderían asumir o papel da nena dos libros, guiando aos novos lectores neste mundo de libros e de historias.
Ler é unha experiencia moi sensitiva que esperta a imaxinación, esta combinación é fundamental para fomentar a pasión por aprender e pola creatividade.

Neste fermoso albúm, cada páxina está construída con textos de grandes obras, páxinas nas que as palabras dos clásicos universais van construíndo paisaxes de gran beleza. Todo aquilo do que un libro nos fornece está resumido aquí, nestas páxinas cheas de letras que conforman paisaxes tipográficas nun abraiante poema de fomento da lectura que conforma un tesouro, unha pequena xoia para disfrutar dela nenos e maiores.

sábado, 11 de febreiro de 2017

Cuando Ana tiene miedo

Janisch, Heinz (2002), Cuando Ana tiene miedo, ilust. Barbara Jung, trad. Frank Schleper, Zaragoza: Edelvives, (0-5 anos), [35 pp.] (ISBN: 84-263-4902-1).



Breve descrición do formato e contido: obra que se caracteriza por ter unha forma rectangular e alongada e tapa dura. Por unha banda, na garda dianteira aparece unha imaxe cun fondo de cores escuras onde aparece unha nena que semella estar temerosa por algunha razón. Enriba da nena e sobre o fondo, está o título da obra en dúas cores (azul e vermello) e coa palabra “miedo” de diferente tamaño que o resto. Ao lado dereito dos pés da nena,  pódese observar o nome tanto do autor coma da ilustradora, mentres que á dereita se mostra o da editorial. Por outra banda, na garda traseira aparece o mesmo fondo, pero esta vez amósase un debuxo da mesma nena cun gran sorriso e, sobre isto, unha breve descrición da obra. 
. 
En canto ao interior da obra, a toda páxina (par e impar), represéntanse diversas ilustracións do máis psicodélicas, é dicir, que manifestan o que a nena ten na súa mente. As cores son moi variadas, con moitos contrastes entre cores máis escuras e máis claras que semellan estar pintadas con pinceladas marcadas, algunhas finas e outras grosas, sen unha delimitación clara que separe os personaxes do fondo. Os textos son breves, todos co mesmo formato e situados na parte inferior de cada páxina, que fan referencia aos diversos debuxos representados.
O contido trata a historia dunha nena que cando ten medo á hora de deitarse, chama a través da súa imaxinación a todos os seus amigos, os cales a protexen e a axudan a eliminar tal sentimento, cada un dun xeito diferente. Finalmente, a parte máis importante é cando a nena se chama a si mesma e di “¡Ana no tiene miedo de nada!”, poendo así durmir tranquila con todos os seus amigos, a excepción dun deles que queda vixiando.

Potencialidades: o que pretende esta obra é convidar os nenos/as a identificarse coa personaxe, que cando ten medo enche a súa mente dun mundo moito máis divertido, máxico e seguro para ela, todo coa axuda duns amigos moi especiais. A maiores, poténciase de xeito simultáneo a imaxinación, dando renda solta ao universo infantil, axudándolles ao mesmo tempo a superar os seus temores e a facilitar a odisea de quedar durmidos. Así mesmo, a simplicidade das oracións favorece a comprensión da historia e anímaos a introducirse na ledicia que supón ler, estimulando do mesmo xeito a súa linguaxe.