Amosando publicacións coa etiqueta imaxinación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta imaxinación. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

Leotolda


Leotolda

 Leotolda, de Olga de Dios - Pekeleke

DE DIOS, Olga (2016). Leotolda. España: Silonia (ISBN: 978-84-943134-9-3 )

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado no que se narra unha historia orixinal da autora e ilustradora Olga de Dios. Composto en cartoné, presenta na cuberta, que é de cor rosa clara, o título en maiúsculas e en cor azul. Este sitúase na parte superior. Debaixo do título, aparece un debuxo dos tres personaxes relevantes da obra: os amigos de Leotolda. Estes móstranse en diferentes cores rechamantes. O nome da autora aparece na parte inferior da cuberta de maneira centrada e na mesma cor que o título. Por outra banda, a contracuberta preséntase tamén con diferentes cores, nun fondo branco e amarelo aparecen diferentes palmeiras e plantas en cor rosa, verde e azul, na parte superior esquerda aparece un círculo amarelo imitando o sol e no centro un texto en cor azul cun resumo do conto. Na parte inferior e de maneira centrada aparece o nome da editorial, mentres no lado dereito aparece o sinal de CC (Creative Commons). No interior aparece a páxina de dereitos de cor azul e cunha dedicatoria da autora a todos e todas os nenos e nenas que debuxan, desexando que Leotolda lles axude a sacar a súa creatividade. As gardas iniciais teñen un fondo de cor branca e un texto breve en cor azul, algúns trazos e o debuxo de tres lapis desas cores: amarelo, azul e rosa. Na páxina dereita preséntanse os tres amigos de Leopolda, que se forman coas cores mencionadas anteriormente. Estes tres personaxes chámanse: Tuto, Catalina e Kasper. Na parte inferior dereita aparece a presentación co texto: “Nos falta lo más importante…”. As gardas finais usan a cor branca e puntos coas de cores como fondo, nelas tamén aparecen os amigos de Leotolda saltando e mirando cara a arriba, xa que por encima deles aparece un breve texto de agradecemento por axudar a encontrar a Leotolda. A portada e nela aparece o nome da protagonista, Leotolda, en letras maiúsculas e en cor branca, nun xogo de continuidade coa páxina precedente.
O libro componse de 42 páxinas de 22x25 cm. Están impresas en offset CMYK, tal como nos informa a autora na súa páxina web e na páxina de dereitos. Respecto ás ilustracións e o texto, podemos observar como as ilustracións levan todo o protagonismo ocupando ambas as páxinas, mentres que o texto simplemente desenvolve un papel de guía ocupando os laterais das páxinas ou nalgunhas ocasións o centro destas. Os debuxos, que son pouco realistas, aparecen sobre un fondo de cor branca ou sobre fondos escuros combinando tonalidades. Son sinxelos eimitan trazos realizados con acuarela. As diferentes cores que aparecen son resultado de mesturas. O texto emprega dúas cores diferentes: branco e azul. Este é de fácil comprensión e mestura a voz do narrador con diferentes diálogos dos personaxes. Recórrese ao xogo de tipografías para destacar palabras ou fragmentos, que aparecen en maiúsculas, como é no caso das onomatopeas. Nas esquinas dalgunhas páxinas aparecen pequenos fragmentos con posibles preguntas que se lles pode facer aos nenos e nenas durante a lectura do conto. Un exemplo disto é na páxina na que aparece a balea, xa que na súa barriga podemos observar diferentes obxectos debido ao lixo existente no mar. Na esquina da páxina pregúntase que fan aí todas esas cousas.
En canto ao argumento, os amigos de Leotolda van pasar a tarde á súa casa, pero non a encontran. Búscana por toda a casa, dentro do armario, nun parque de dinosauros, nunha praia de sereas, dentro dunha balea, sóbense a un faro e van ata o espazo, pero a pesar de buscar por diferentes sitios e de preguntarlle a distintos personaxes, non a encontran. Sen saber que facer, os personaxes pídenlle ao lector ou oínte que debuxe a Leotolda na seguinte páxina en branco, xa que durante o conto foron dando diferentes características da súa amiga: grande, redonda, alegre, sincera, de moitas cores e que canta mal.

Potencialidades: a lectura e narración desta obra permite desenvolver a creatividade e a imaxinación. A súa vez, as cores, os diferentes espazos mencionados e, en xeral, o tipo de ilustracións que se empregan durante toda a obra permiten distanciarse da realidade, favorecendo así a procura no mundo do imaxinario. Ademais dos xogos que a obra propicia, é de sinalar a temática da contaminación e o respecto pola natureza e os animais, fomentando unha visión crítica e propiciando unha actitude activa de defensa do medio natural.

Recursos: Páxina web da autora, en https://olgadedios.es/ (materiais, ilustracións e información sobre as súas obras) (consultada o 11/05/2020).

mércores, 13 de maio de 2020

Un agasallo diferente


Azcona, Marta de (2005). Un agasallo diferente, ilust. Rosa Osuna, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-527-6).

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Marta Azcona, con ilustracións de Rosa Osuna, no que as imaxes son necesarias para seguir o fío da historia. Na cuberta preséntase unha imaxe dos protagonistas, Marcel e Tristán, no que se pode observar o que será o comezo da historia: Marcel abrindo o agasallo que Tristán lle fixera polo seu aniversario. Na parte superior da cuberta atópase o título, en tipografía de cor negra. A cuberta incorpora formas xeométricas, ao igual que no resto do álbum. Na contracuberta pódese apreciar a imaxe do can de Marcel, presente ao longo de toda a historia, sentado enriba dunha rocha.

No interior do álbum a tipografía é sinxela e de cor negra, ademais de empregar o espazo dispoñible, adaptándose á colocación das imaxes. As ilustracións non son realistas e a ilustradora emprega gamas de cores apagadas como grises ou azuis, aínda que tamén emprega cores máis vivas, como o vermello ou o amarelo para crear contraste. Ao longo das páxinas pódese observar o emprego de formas xeométricas e abstractas nas ilustracións. A historia está contada a través de diálogos entre os dous protagonistas, aínda que a autora tamén recorre a un narrador en terceira persoa. En canto á arquitectura textual, ao longo do álbum a autora emprega repeticións; ademais, cando se lles presenta un problema ás personaxes, déixase en mans das ilustracións a interpretación da solución a ditos problemas. 


En canto ao contido do álbum, está protagonizado por Marcel e Tristán, dous amigos. No seu aniversario, Marcel recibe un agasallo do seu amigo Tristán, este agasallo é un anaco de tea sobrante dunhas cortinas e Marcel dille ao seu amigo que el preferiría unha buxaina. Despois, Marcel convida a Tristán a merendar e como non querían mancharse utilizan a tea como pano para limparse. A continuación, marchan dar un paseo e ao longo da súa camiñada, danse de conta da infinidade de usos que ten un anaco de tea: emprégano para taparse do sol, utilizárono como vela para cruzar o río ou para chegar voando de volta a súa casa. Ao final da historia, Marcel recoñécelle a Tristán que lle gusta máis ese agasallo que a buxaina que el quería.
Potencialidades: este álbum ilustrado ofrece moitas posibilidades para traballar en Educación Infantil. A lectura desta obra transmite valores como a amizade, a importancia de compartir e sobre todo, o poder da imaxinación e a creatividade, xa que os protagonistas conseguen darlle moitísimas funcións e utilidades a un anaco de tea. Ademais, trátanse temas como a humildade, a cooperación ou o agradecemento, valores que é moi importante tratalos dende a infancia.


Traducións a outros idiomas e premios: a versión orixinal deste álbum ilustrado está en castelán e publicouse no ano 2005. Ademais da tradución ao galego por Manuela Rodríguez Lorenzo, publicouse no ano 2008 unha tradución ao inglés por Esther Sarfatti Bacolas e no ano 2016, unha tradución ao catalán por Ignasi Centelles.

Recursos educativos
A historia contada por nenos e nenas de 4 anos do CEIP Plurilingüe de Covas, en Lugo: http://covastk.blogspot.com/2017/06/os-nenos-e-nenas-de-4-anos-contannos-un.html (consultado o 26/04/20)
Vivir entre versos (2016). Un regalo diferente (comentario sobre a obra): http://vivirentreversos.blogspot.com/2016/03/un-regalo-diferente_6.html (consultado o 26/04/20)
Un punto curioso (2014). Un regalo diferente (dramatización da obra): https://www.youtube.com/watch?v=_iR5Q938vOw (consultado o 26/04/20)

domingo, 26 de abril de 2020

A grande viaxe


Castagnoli, Anna (2009). A grande viaxe, ilust. Gabriel Pacheco, trad. Antón Fortes Torres, Pontevedra: Editora OQO, col. O, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-066-3).

Descrición do contido e forma: álbum ilustrado de Anna Castagnoli e Gabriel Pacheco no que as imaxes xogan un papel fundamental no desenvolvemento da historia. No centro da cuberta obsérvase un taboleiro de xadrez sobre un fondo de cor gris. Enriba do taboleiro sitúase unha caixa cunha personaxe dentro, que leva un gran sombreiro e unhas lentes redondas, esta personaxe aparecerá máis adiante agochada nalgunhas páxinas da obra. As palabras que forman o título están colgando duns fíos na parte superior da ilustración; na cuberta tamén atopamos o nome da autora e do ilustrador, ademais do nome da editorial, en tipografía de cor vermella, na parte inferior. A contraportada continúa o fondo gris e carece de ilustracións. As gardas do inicio do álbum presentan un fondo amarelo no que se atopa un colgadoiro cun sombreiro e unha caixa no chan, mais nas gardas do final do álbum só aparece o colgadoiro. Na portada volve aparecer o título colgando duns fíos do teito e esta vez móstrase unha escaleira que sae do interior da mesma caixa que aparecía tanto na portada como nas gardas.
No interior do libro, o texto intégrase nas ilustracións, cunha tipografía sinxela e de cor negra. As ilustracións son melancólicas e sombrías, utilizando unha gama de cores escuras, como grises ou marróns, excepto nalgúns elementos como a vestimenta da personaxe ou nos animais, que utiliza cores vermellas e amarelas. As ilustracións presentan escenas illadas unhas das outras, aínda que manteñen unha coherencia a través do texto, que é o fío da historia. En canto á arquitectura textual, ao longo do conto empréganse repeticións e as estruturas recordan a un poema, como no seguinte exemplo:

Que poida circular sobre a terra
e baixo da auga,
como un barco con rodas,
como unha nave submarina.


En relación ao contido do álbum, a historia trata dunha viaxe que sucede na imaxinación do neno protagonista. O personaxe cruzará mares, atravesará países en guerra, rescatará animais en perigo e regresará coma un heroe. A viaxe é unha metáfora da vida, a través da cal o protagonista descubrirá o mundo e a si mesmo. A partir dunha simple caixa de cartón, o neno é capaz de transformala nun mundo cheo de imaxinación. A habitación do neno converterase en moitísimos lugares fantásticos, mais, en realidade, a personaxe nunca abandonará a súa casa, o lugar onde comezan todas as aventuras.


Potencialidades: este álbum ofrece a posibilidade de traballar nunha aula de Educación Infantil a imaxinación, o crecemento persoal e a valentía para enfrontarse ás diferentes situacións que se presenten na nosa vida. Ademais, a lectura do libro pódenos servir para impulsar a fantasía dos nenos e nenas e invitalos non só a descubrir o mundo, senón a si mesmos, para así fortalecer a súa maduración e desenvolvemento persoal, o cal lles servirá para construír a súa identidade.

Traducións a outros idiomas e premios: o libro orixinal está escrito en italiano e publicouse no ano 2009, posteriormente realizáronse traducións a diversos idiomas, entre os que se encontran o castelán, o portugués, o francés, o éuscaro, ademais do galego, traducido por Antón Fortes Torres. O álbum ilustrado, na súa adaptación ao galego, foi recoñecido co Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado de 2009, que concede cada ano a Asociación Galega de Editores (AGE).

Recursos educativos
Adaptación animada do conto A grande viaxe, pertence a unha serie elaborada pola TVG, chamada “Os contos do camiño”: http://www.crtvg.es/infantil/programas/os-contos-do-camino/capitulo-14-a-grande-viaxe (consultado o 24/4/20)
Audioconto do libro elaborado pola TVG: http://www.crtvg.es/infantil/ademais/audiocontos/a-grande-viaxe (consultado o 24/4/20)

luns, 13 de abril de 2020

Velliñas


Pita, Charo (2009). Velliñas, ilust. Fátima Alonso, Pontevedra: OQO Editora, col. O, [48 pp.]. 
( ISBN: 978-84-9871-150-9).

Descrición do formato e contido:
A obra Velliñas é un álbum ilustrado de cartoné composto por 48 páxinas e dirixido ao lectorado infantil. O libro ten na súa cuberta unha ilustración das protagonistas, Antea e Filipa, mirando unha para cada lado e entreténdose unha cun libro e outra acariñando o seu gato. Enriba da imaxe aparece o título en letras grande e vermellas que chaman a atención, acompañado dos nomes das autoras debaixo. A contracuberta é un fondo en rosa pastel, que vai ser a gama de cores que se utilice en todo o álbum, e non hai ningunha ilustración relevante para a obra, aínda que crea unha unidade coa cuberta por presentar o mesmo cromatismo. As gardas está atravesadas por un camiño de fabas, moi relevante porque nos introduce como se vai iniciar o conflito que conta na obra. Na portada vólvense representar as figuras das protagonistas, pero desta vez reflectindo un acto de coidado e de amizade por parte de Antea cara a Filipa. Esta imaxe volve anticiparnos o que vai pasar no relato, xa que Antea, despois de equivocarse e non compartir ás fabas con Filipa, intenta arranxar a súa amizade coidando dela.



No interior do álbum as imaxes complementan os textos escritos e fan que o espectador manteña o interese mentres se conta a historia. Estas ilustracións caracterízanse polos seus trazos doces e sinuosos que fan espertar a imaxinación dos máis cativos. As autoras xogan cos tamaños das letras para poñer énfase nos diálogos das protagonistas e nas onomatopeas, de modo que se lle indique ao lectorado a énfase que se lle debe poñer á hora de ler o relato. Desde o punto de vista do contido, no álbum cóntase como Antea e Filipa son dúas velliñas humildes que viven xuntas. Todas as semanas comen sopa de auga, menos os domingos que lle botan un fideo para compartir entre as dúas. Un día Antea atopa unha faba e decide facer unha sopa para ela soa. A fabeira creceu dentro da casa e a protagonista puido chegar ata o ceo para alí descubrir un muíño que quitaba a fame. Antea baixou á casa para contarllo a Filipa. Cando as dúas subiron de novo Filipa caeu ao chan porque estaba moi débil e sen forzas, quedando esparexida en anacos polo chan. A súa compañeira baixa da árbore e tenta encaixar todas as partes do corpo de Filipa para que volva a vivir. Unha vez que o consegue, decide coidala e compartir a súa vida con ela para sempre.

Potencialidades educativas:
A historia das velliñas fainos reflexionar sobre a amizade, o coidado das persoas que apreciamos e a grande importancia de compartir. Trátase dunha versión actual do conto clásico As fabas máxicas, agora protagonizado por dúas mulleres de idade. Isto permítenos aprender que a literatura é unha constante reescritura e actualización de historias moi antigas. Con este relato tamén se pode facer unha reflexión sobre o poder da amizade, de valorar as persoas e de saber axudar cando se necesita. Ademais pode ser unha introdución a unha proposta de relacións interxeracionais, xa que Antea e Filipa son un exemplo de que non hai idade para deixar de xogar, descubrir novas cousas ou de ter afecto cara a outras persoas, sexan ou non do mesmo sexo. De feito, unha lectura posible é a de achegarse á obra como unha forma de tratamento das relacións homosexuais, neste caso encarnada polas dúas mulleres anciás, o que pon de relevo que o amor non entende de idades. A autora tamén nos fala do paso do tempo e do Carpe Diem cando se representa a Filipa florecendo cada primavera, coma se fora unha árbore milenaria, símbolo do propio renacer e capacidade de anovarse da literatura para os máis novos.

venres, 10 de abril de 2020

Onde viven os monstros


Sendak, Maurice (2014). Onde viven os monstros, trad. Xosé Manuel González, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [48 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-859-8)

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Maurice Sendak no que se conta a historia de Max, un neno ao que lle gusta facer trasnadas e que un día, cando a súa nai o manda castigado para o seu cuarto, viaxa a un lugar fantástico. Alí coñece a uns monstros que o proclaman rei dese mundo salvaxe por ser o máis temible de todos eles. Tras pasar un tempo cos monstros e divertirse con eles decide volver á casa, xa que bota de menos a súa familia.
Trátase dun álbum ilustrado, no que as imaxes son imprescindibles para entender boa parte da historia. Na cuberta móstrase a imaxe dun dos monstros no mundo fantástico, situado na parte dereita da ilustración, no medio dun bosque e a carón do mar, no cal navega un barco. Se abrimos o libro e miramos a cuberta e contracuberta, pódese observar como a paisaxe continúa ao longo da contracuberta. Utilízanse cores escuras porque é de noite e destácase o barco con cores vivas para mostrar que forma parte da historia, xa que é o medio que utiliza Max para chegar ata o mundo dos monstros. No interior do libro o texto non está inserido nas ilustracións, que comezan sendo cadros sobre un fondo branco, pero que van aumentado de tamaño ata ocupar toda a páxina e desaparecer incluso o texto.


O narrador está en terceira persoa e os personaxes comunícanse mediante diálogos. En canto á arquitectura textual, ao longo do conto podemos atopar diversas estruturas que se repiten («medrou e medrou») e numerosas reiteracións.
As ilustracións son sinxelas aínda que se detallan os elementos importantes (como os rostros dos monstros). Utiliza unha gama de verdes e azuis e emprega a cor amarela en elementos importantes aos que fai mención explícita no texto (barco ou ollos). Emprega planos xerais ao longo de todo o conto para mostrar o lugar onde acontecen os feitos. O protagonista adoita aparecer no centro do plano ou nunha marxe cando aparecen outros personaxes.
Os personaxes son os seguintes: Max, que é o neno protagonista da historia; a súa nai, que non aparece nos debuxos, a pesar de manter diálogo; e por último, os monstros, que representan o mundo imaxinario de Max. Estes aparecen representados con dentes, cornos e gadoupas afiadas para mostrar que son feroces.

Potencialidades educativas: na época na que foi publicado este libro, nos anos 60, xurdiu bastante controversia, xa que non seguía os canons da época e o conto mostraba a un neno rebelde, ademais de que aseguraban que os monstros poderían asustar aos máis pequenos. Na actualidade é un libro que pode axudar aos nenos e nenas a sentirse identificados co protagonista e comprender que poden recorrer á fantasía para identificar os seus propios problemas, como fai Max.
Este álbum pode ser de moita utilidade en Educación Infantil para transmitir aos nenos e nenas a paixón pola lectura, moi importante dende idades temperás, ademais de traballar os contos como fonte de aprendizaxe. Nunha aula de Educación Infantil poderíase realizar unha dramatización do conto a través de marionetas ou cos nenos e nenas disfrazados, para que eles mesmos se poñan no lugar do protagonista.

Traducións a outros idiomas e premios: o libro orixinal está escrito en inglés por Maurice Sendak, publicado no ano 1963. Leváronse a cabo moitas traducións no noso país, ao galego por Xosé Manuel González, ao catalán por María Viu e tamén ao castelán por Agustín Gervás. Ademais, fóra de España realizáronse traducións a outros idiomas como o francés, o alemán, o portugués, entre outros. No ano 2009 fíxose unha adaptación cinematográfica dirixida por Spike Jonze. Este libro recibiu varios premios, entre os que destacan os seguintes: a medalla Caldecott no ano 1964, o premio Andersen ou o Boston Globe-Horn Award.

Recusos educativos
Audioconto do libro en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=y688vDVZeH4 (consultado o 10/04/2020)
Tráiler da adaptación cinematográfica: https://www.youtube.com/watch?v=c_DOyIQktTE (consultado o 10/04/2020)

mércores, 8 de abril de 2020

A grande viaxe


Castagnoli, A e G. Pacheco (2009). A grande viaxe. Pontevedra: OQO, [ 40 pp.]. ( ISBN: 978-84-9871-066-3).
Descrición do formato da obra e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura dos autores Anna Castagnoli e Gabriel Pacheco. A cuberta amosa un fondo de cor gris cun taboleiro de xadrez no medio, onde está unha caixa cunha persoa dentro, este leva un gorro moi alto e lentes, ademais mostra o título nunhas caixas colgado do teito. Na contracuberta obsérvase a continuación do fondo de cor gris. En canto ás gardas, tanto as iniciais coma as finais, son dunha cor amarela e conteñen un colgadoiro, aínda que na inicial amósase un sombreiro e unha caixa nel e na final está baleiro. Na portada aparece sobre un fondo gris da mesma tonalidade cá cuberta o título en letras grande e de cor negro, semellando unhas caixas colgadas do teito, cunha escaleira que percorre toda a páxina, a cla remata noutra caixa co interior de cor vermello.
O contido narra a historia, en clave metafórica, dun neno que constrúe un barco de viaxe. Con este barco sucará mares, atravesará países en guerra, rescatará animais en situación de perigo e regresará como un heroe, non só descrubira o mundo, senón a si mesmo tamén. Esta viaxe sucede na memoria, simula o percorrido no que nos embarcamos ao nacer, a vida, xa que esta lévanos a descubrir o mundo e a tomar partido en circunstancias difíciles, aínda que sempre regresamos ao lugar de onde somos. Toda a historia é froito da súa imaxinación. O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto que leva o fío da narración. As imaxes permítennos seguir a historia dunha maneira moi visual e complétanse coa narración da historia. O texto atópase en diferentes partes das páxinas cunha letra pequena dunha cor negra para poder realizar unha lectura visual nun primeiro momento e destacar a imaxe do texto.
As cores que predominan no libro son en todo momento escuras, destacando os detalles en vermello e amarelo da roupa do personaxe e os seus obxectos. As ilustracións manteñen sempre unha coherencia estética, son moi fantasiosas, de estilo irreal, correspondéndose aos soños que ten o protagonista, graduando as tonalidades entre marróns, grises e brancas.
Potencialidades educativas: A lectura deste álbum permite traballar na aula o tema da imaxinación. A través desta lectura ensinarémoslle a nenos e nenas a importancia da creatividade e da imaxinación para a vida, para afrontar as diferentes situacións que acontezan e vivila da maneira que se dexese, realizando moitas aventuras e descubrindo todo o que se poida. Con obras coma esta pódese reflexionar co alumnado sobre a vida, sobre o seu desenvolvemento e o seu proceso de  maduración, ademais de facerlles entender que as cousas materias non son o máis importante senón, que o bo son as experiencias e os recordos. Tamén que coa imaxinación se poden facer milleiros de cousas divertidas e interesantes, tendo moi poucos recursos, que o importante non é o que ter senón, como empregalo.
Recursos educativos: 

domingo, 30 de abril de 2017

¿QUÉ VEO?



Verplancke, Klaas & Sanctobin, Veroniek (2002) ¿Qué veo? Ilust. Klaas Verplancke, Barcelona: Editorial Combel, col. ¿qué hace? (de 0 a 3 anos), [16 pp.] (ISBN: 84-7864-387-7)


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de pequeno tamaño, con cantos redondeados e impreso en cartón duro. A historia que se conta neste volume da comezo na cuberta, xa que a imaxe que ten representada está relacionada co texto que aparece na primeira páxina impar, e remata na contracuberta. O texto, que aparece soamente nas páxinas pares, indica o que se ve na páxina anterior. As ilustracións son moi atractivas para os máis cativos xa que ocupan toda a páxina.
O contido deste álbum trata os antónimos xa que cada palabra que aparece reflexada na páxina par vai acompañada da ilustración correspondente e outra contraria. Un exemplo disto poden ser: grande-pequeno, curto-longo, mollado-seco...


Potencialidades. Como xa mencionei no contido, a obra que estamos a tratar axúdalle aos nenos e nenas a entender os contrarios e a aprender a buscar os antónimos das palabras. Se imos un pouco máis alo, podemos traballar con el a capacidade creativa do noso alumnado xa que podemos crear unha historia mediante as ilustracións presentadas. Isto é posibel grazas a que no texto aparece unha pequena frase como pode ser “el cerdo está sucio” e a tarefa dos nenos e nenas será inventar porqué este animal está manchado.

Bululú

Beatriz Giménez de Ory(2014),Bululú,Mariona Cabassa,Sevilla:Kalandraka,colec.cuentos para soñar,[48pp](ISBN: 978-84-15250-52-4)
Breve descrición do formato e contido da obra: é un libro ilustrado,de pouco volume,composto por cartafol,con forma rectangular (15x23,5cm).Consta dunha cuberta e contracuberta.Na cuberta amósasenos a un home cun sombreiro cunha flor e enriba a lúa cunhas bólas de cores,a súa beira o nome da editorial e debaixo unhas herbas.O título amósasenos arriba na parte dereita do encabezado e debaixo o nome da autora e da ilustradora.Se pasamos as páxinas de textura suave e grosas atopámonos coa historia de Bululú un artista,comediante,xograr,titiriteiro que vai de pobo en pobo contando historias a xente ,levando música e máxia .Bululú leva mil cascabeis na cabeza e un zurrón recosido de seda negra do que saca un par de dulzainas, unha pandeireta,un frautín de ouro branco,unha ocarina foca ,un olifante con osos cheos de balea ,un frasco de polvos de camiños e estrelas e tres títeres máxicos que se moven sen cordas: Manontroppo,o títere italiano,Dragón Gónzalez ,bisneto dun tritón ,tataraneto dun trasgo e unha cobra pitón e Marionetta unha bailarina de ballet de Bogotá.Pasada a presentación descubrimos que a historia de hoxe vai aa ser unha historia de amor.Os protagonistas gardan segredos de amor cuxa única solución é un duelo.Pero non un con espadas senon con rimas.E así asistimos a unha loita en tres actos a través de tres probas nas que Marionetta deberá decidir quen é o mellor músico,o mellor poeta.Trovas musicais,poemas de amor e trovas de inxenio serán as súas probas e Marionetta ,seu xurado.

Potencialidades:Bululú é un libro de obra de teatro ,unha fábula ,unha historia de amor,un conto,unha historia dentro doutra historia,é unha poesía ,pola tradición e literatura para nenos.Está pensado para os nenos e o seu desarrollo cognitivo.Unha historia cun fío condutor que nos introduce na nosa propia cultura tradicional .Esta obra non so pon de manifesto unha inxeniosa historia con ilustracións e poemas.Pon o seu alcance cultura,vocabulario,tradición, beleza,ritmo,fantasía,ilusión,humor.Ten como obxetivo de ampliar a súa mente ,animar a súa imaxinación ,crean mundos,lanlle ferramentas para crear os seus propios personaxes imaxinarios e as súas propias historias.

sábado, 29 de abril de 2017

O MEU PRIMEIRO LIBRO DAS ESTACIÓNS




Deneux, Xavier (2016), Mi primer libro de las estaciones, ilust Xavier Deneux, Madrid:Ed. Tourbillon, (3 anos), [12 pp.] (ISBN: 978-84-675-8353-3).





Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado interactivo e con poucas e sinxelas palabras de tamaño cadrado (19,5 x 20,6cm), con pouca voluminosidade e encadernado en cartoné. 

Na cuberta podemos observar unha ilustración onde se representa a estación do outono a través dun neno vestido cun chuvasqueiro e o seu xoguete, unha tartaturga e con pingas de choiva en cor prateada. Aparece o título a obra, o meu primeiro libro das estacións e na esquerda, atopamos un círculo onde se adianta que é un libro de tacto. Na contracuberta, podemos observar de novo o título da obra así como un debuxo representando cada unha das estacións ( un abeto, unha folla, unha flor e un cubo cunha pala.

O interior presenta sinxelas e representativas ilustracións en  toda a páxina. En cada dobre páxina, atopamos a dereita ao protagonista desta obra, un neno que sempre viste acorde a estación do ano que se representa en cada dobre páxina. En dita vestimenta é onde atoparemos o xogo das texturas, concretamente nas roupas utilizadas para a parte superior do seu corpo. Na páxina esquerda, na parte superior esquerda aparece o   nome da estación do ano en letras grandes e en negriña. Con isto, o autor quere resaltar a estación do ano na que nos atopamos en cada dobre páxina. Debaixo do nome da estación descríbese a característica principal da estación do ano da que se está a falar. No resto da páxina distribúense debuxos das cousas que utilizamos na estación descrita e ditos debuxos estarán sempre acompañados pola palabra que lle corresponde. Nas primeiras catro dobre páxinas se describen as diferentes estacións do ano coa anterior estrutura descrita pero na última dobre páxina atópase un xogo que plantea o autor coa finalidade de reforzar os coñecementos adquiridos. Na páxina esquerda está escrita “ O xogo das estacións” e de seguido, unha pregunta lanzada aos máis pequenos da casa, ¿ A que estación corresponde cada obxecto?, co obxectivo de que, os obxectos anteriormente representados en cada estación sexan identificados polos nenos.



Potencialidades: Trátase dunha obra que supón un primeiro e sinxelo acercamento, a través de, tanto sinxelas e cotiás palabras como de imaxes, na que o neno/a descubrirá as estacións e as súas características. É unha obra destinada a iniciarse no descubrir do entorno que lle rodea, da natureza, neste caso das estacións, podéndoo relacionar, recordar e comentar  as situacións que o neno/a  experimentara en cada estación do ano, por exemplo, que fai cando está na praia en verán ou na neve en inverno.

Ademais, coa presenza dos catro elementos táctiles  na roupa do neno foméntase a interacción entre o neno/a e o álbum, así como se vai desenvolvendo máis dito sentido.