Leotolda
DE
DIOS, Olga (2016). Leotolda. España: Silonia (ISBN: 978-84-943134-9-3 )
Descrición do
formato e contido: álbum ilustrado no que se narra unha
historia orixinal da autora e ilustradora Olga de Dios. Composto en cartoné,
presenta na cuberta, que é de cor rosa clara, o título en maiúsculas e en cor azul. Este sitúase
na parte superior. Debaixo do título, aparece un debuxo dos tres personaxes
relevantes da obra: os amigos de Leotolda. Estes móstranse en diferentes cores rechamantes. O nome da autora aparece na parte inferior
da cuberta de maneira centrada e na mesma cor
que o título. Por outra banda, a contracuberta
preséntase tamén con diferentes cores, nun fondo branco e amarelo aparecen diferentes
palmeiras e plantas en cor rosa, verde e azul, na parte superior esquerda
aparece un círculo amarelo imitando o sol e no centro un texto en cor azul cun resumo do conto. Na parte inferior e de
maneira centrada aparece o nome da editorial, mentres
no lado dereito aparece o sinal de CC (Creative Commons).
No interior aparece a páxina de dereitos
de cor azul e cunha dedicatoria da autora a todos e todas os nenos e nenas
que debuxan, desexando que Leotolda lles axude a sacar a súa creatividade. As gardas iniciais teñen un fondo de cor
branca e un texto breve en cor azul, algúns trazos e o debuxo de tres lapis
desas cores: amarelo, azul e rosa. Na páxina dereita preséntanse os tres amigos
de Leopolda, que se forman coas cores
mencionadas anteriormente. Estes tres personaxes chámanse: Tuto, Catalina e
Kasper. Na parte inferior dereita aparece a presentación co texto: “Nos falta lo más importante…”. As gardas
finais usan a cor branca e puntos coas de cores
como fondo, nelas tamén aparecen os amigos de
Leotolda saltando e mirando cara a arriba, xa que por encima deles aparece un
breve texto de agradecemento por axudar a
encontrar a Leotolda. A portada e
nela aparece o nome da protagonista, Leotolda, en letras maiúsculas e en cor
branca, nun xogo de continuidade coa páxina precedente.
O
libro componse de 42 páxinas de 22x25 cm. Están impresas en offset CMYK, tal
como nos informa a autora na súa páxina web e na páxina de dereitos. Respecto
ás ilustracións e o texto, podemos
observar como as ilustracións levan todo o protagonismo ocupando ambas as páxinas, mentres que o texto simplemente desenvolve
un papel de guía ocupando os laterais das páxinas ou nalgunhas ocasións o
centro destas. Os debuxos, que son pouco realistas, aparecen sobre un fondo de cor
branca ou sobre fondos escuros combinando tonalidades. Son sinxelos eimitan
trazos realizados con acuarela. As diferentes cores que aparecen son resultado de mesturas. O texto
emprega dúas cores diferentes: branco e azul. Este é de fácil comprensión e
mestura a voz do narrador con diferentes diálogos dos personaxes. Recórrese ao xogo de tipografías para destacar palabras ou
fragmentos, que aparecen en maiúsculas, como é no caso das onomatopeas. Nas esquinas dalgunhas páxinas aparecen pequenos
fragmentos con posibles preguntas que se lles pode facer aos nenos e nenas
durante a lectura do conto. Un exemplo disto é na páxina na que aparece a
balea, xa que na súa barriga podemos observar diferentes obxectos debido ao
lixo existente no mar. Na esquina da páxina pregúntase que fan aí todas esas cousas.
En
canto ao argumento, os amigos de
Leotolda van pasar a tarde á súa casa, pero non
a encontran. Búscana por toda a casa, dentro do armario,
nun parque de dinosauros, nunha praia de sereas,
dentro dunha balea, sóbense a un faro e van ata
o espazo, pero a pesar de buscar por diferentes
sitios e de preguntarlle a distintos personaxes, non a encontran. Sen saber que
facer, os personaxes pídenlle ao lector ou oínte
que debuxe a Leotolda na seguinte páxina en branco, xa que durante o conto foron
dando diferentes características da súa amiga: grande, redonda, alegre,
sincera, de moitas cores e que canta mal.
Potencialidades: a lectura e narración desta obra permite desenvolver a
creatividade e a imaxinación. A súa vez, as cores, os diferentes espazos
mencionados e, en xeral, o tipo de ilustracións que se empregan durante toda a
obra permiten distanciarse da realidade,
favorecendo así a procura no mundo do imaxinario.
Ademais dos xogos que a obra propicia, é de sinalar a
temática da contaminación e o respecto
pola natureza e os animais, fomentando unha visión
crítica e propiciando unha actitude activa de defensa do medio natural.
Recursos: Páxina web da autora, en https://olgadedios.es/ (materiais, ilustracións e información sobre as súas obras)
(consultada o 11/05/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario