Núñez, Toño (1999). O señor mago e a folla, ilust. Suso Cubeiro. A Coruña: Everest (ISBN: 84-403-0904-X)
Descrición do formato: álbum ilustrado de cartoné e forma cadrada, composto por 47 páxinas. Na cuberta, atopamos unha paisaxe chea de elementos naturais a cal a poderíamos situar no outono dun bosque; neste atópase ao protagonista da obra levando nas súas mans unha gran folla. Ademais, aparecen distintos tipos de animais que se poderían atopar no bosque: un paxaro, unha araña e una xoaniña. Na contracuberta atópase un pequeno resumo da historia e na parte superior unha imaxe do mesmo paxaro que atopamos na cuberta. As gardas non conteñen ilustracións. No interior, as ilustracións son a dobre páxina e o texto está situado en fronte das imaxes, en letras maiúsculas.
Descrición do contido: O señor mago e a folla trata dun vello mago chamado Antón que vivía só no monte. Un día, mentres levaba a cabo a súa rutina, atópase cunha folla que fala e decide levala á súa casa para coidala. Cando xa está na súa casa reflexiona sobre a soidade e a súa necesidade de ter a alguén ao seu lado, polo que decide tentar converter a súa folla máxica nunha meniña. Para isto, pinta na folla o rostro dunha nena e métea nunha pequena caixa; á mañá seguinte, na caixa onde deixou a folla había unha cativa. Deste xeito, a liña temática principal da historia é a soidade do mago Antón e o desexo de ter alguén ao seu lado. Por outra parte, nas últimas páxinas do libro están recollidas todas as especies de animais que aparecen no libro, posto que as súas ilustracións aparecen repletas de elementos naturais galegos.
Potencialidades: a lectura deste álbum ilustrado propicia o tratamento de dous temas principais. En primeiro lugar, a necesidade dos humanos de ter alguén ao noso lado e de non acabar na soidade. En segundo lugar, pódese traballar de xeito significativo a paisaxe natural da contorna galega, tanto no ámbito da paisaxe coma todos os animais que podemos atopar nos nosos bosques. Esta última temática paréceme realmente interesante, xa que considero fundamental que os nenos e nenas tomen contacto coa súa contorna máis próxima, podendo utilizala tamén no ámbito da educación ambiental concienciando a nenos e nenas da necesidade de coidar e conservar os elementos naturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario